----

Bota a andar unha nova edición de Nadal en Rede

Hoxe, 16 de decembro de 2022, bota a andar da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística unha nova edición do programa Nadal en Rede, que ata o vindeiro 30 de decembro percorrerá diferentes concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística. O programa, deseñado co obxectivo de crear espazos de uso para o galego nestas datas festivas, inclúe tres actividades lúdicas: “O Apalpador e os Monifates” (contacontos con música e monicreques); “Fazulas e o ladrón de paraugas” (espectáculo teatral); e “Son no berce” (concerto didáctico e sensorial para bebés).

Así mesmo, a SXPL pon ao dispor da cidadanía unha selección de recursos dixitais vinculados co Nadal, como o Libro dos Reis Magos; modelos de cartas; e o vídeo “Saborea Galicia”, para animar a consumir produtos etiquetados en galego.