----

O Álbum de Galicia suma a biografía de Xesús Carro

O Álbum de Galicia incorpora hoxe a entrada do arqueólogo e sacerdote Xesús Carro (Santiago de Compostela, 1884-1973), quen destacou por ser o pioneiro dos estudos xacobeos. Ademais, colaborou con Xosé Filgueira Valverde na posta en marcha do Museo Catedralicio e axudou a Walter Muir Whitehill na transcrición do Códice Calixtino. Asina a súa biografía Adrián Estévez.

Nado en Santiago de Compostela, Xesús Carro García ingresou na Universidade Pontificia Compostelá en 1896. En 1908 recibiu as ordes menores e foi nomeado diácono para, en 1909, ser designado presbítero. Nos anos seguintes foi coadxutor da parroquia de San Tomé de Ames, estivo destinado na colexiata de Santa María do Sar, foi presbítero das igrexas de San Froitoso e de Santa Susana, e cóengo da catedral.

Xesús Carro colaborou coa Sociedade de Amigos do País e en 1916 foi nomeado secretario da primeira xunta para a creación dunha sección de estudos de historia e arqueoloxía galega, materias ás que se afeccionara na súa época como seminarista. Así mesmo, serviu de enlace a historiadores que visitaban Galicia, como os medievalistas estadounidenses Arthur Kingsley Porter e Kenneth John Conant; a historiadores da arte, como Manuel Gómez-Moreno, ou ao reitor da Universidade do Porto Alfredo de Magalhães. De feito, segundo apunta Adrián Estévez na entrada que asina no Álbum de Galicia, Conant serviuse “da fundamental axuda de Carro para a elaboración da súa monografía sobre a catedral de Santiago The Early Architectural History of the Cathedral of Santiago de Compostela”. Walter Muir Whitehill tamén contou coas súas achegas para transcribir o Códice Calixtino.

En 1928 Xesús Carro ingresou no Seminario de Estudos Galegos, onde dirixiu a Sección de Arqueoloxía e Arte. A partir dese momento empezou a publicar en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos e na revista Nós, na que destacan os seus artigos sobre a catedral compostelá. Ademais, colaborou na obra colectiva Terra de Melide (1936), nas revistas pontevedresas Logos e Spes e na madrileña Arqueología y Arte, así como no programa radiofónico Galician Programme da BBC. Carro foi tamén o autor da Crónica de Santa María de Iria, que se publicou en forma de anexo en Cuadernos de Estudios Gallegos (1951).

“Logo do golpe de Estado de 1936 procurou salvar material da editorial Nós e mais do Seminario de Estudos Galegos, como algunhas láminas con miniaturas do Códice Calixtino”, subliña Adrián Estévez na súa entrada. Ademais deste fito, na súa traxectoria sobresae tamén a colaboración con Xosé Filgueira Valverde para crear o Museo Catedralicio e o seu labor de promoción para a posta en marcha dunha oficina e dun padroado de turismo en Santiago de Compostela.

Xesús Carro formou parte do Instituto de Estudos Medievais e foi membro correspondente da Real Academia da Historia e da Real Academia de Belas Artes de San Fernando. En 1941 ingresou na Real Academia Galega e en 1965, na Orde Civil de Afonso X o Sabio. No ano 1971 foi nomeado fillo predilecto de Santiago de Compostela, cidade en que faleceu dous anos despois.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 600 entradas, das cales as máis recentes son as de Chichi Campos, Luís Rei, Agustín Acevedo e Marcos Valcárcel.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.