Santiago de Compostela, 6 de maio de 2010.- O informe “A comunicación en Galicia 2010” chama a atención sobre os importantes cambios que vive o sector “marcados polo escenario da crise económica e pola busca de novas vías para garantir a continuidade dunha actividade industrial que presenta importantes fortalezas, pero tamén numerosas debilidades”. Asi o explicou Xosé López García, vicepresidente do CCG e catedrático de Xornalismo na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, coordinador do traballo xunto coa xornalista Rosa Aneiros Díaz. A publicación, que reúne as achegas de vinte autores, ofrece unha panorámica do hipersector da comunicación en Galicia nos tres últimos anos con atención especial a prensa, radio, televisión, internet, publicidade, cine, comunicación corporativa e a situación sociolaboral dos xornalistas.
<ul><li><a href="http://consellodacultura.org/mediateca/?p=726">Descargue o Informe da Comunicación 2010</a> (en pdf)</li></ul>
<!--more-->
O profesor Francisco Campos, no seu traballo “Grupos de comunicación: reestruturacións, novos modelos de negocio e mellores prácticas”, subraia a amplitude e profundidade dos síntomas da crise, reestruturación e cambio en sectores e grupos de comunicación nos anos finais da primeira década xdo século XXI. “Os impactos son grandes e intensos: por unha parte, a importante perda de emprego directo nas empresas e, por outra, a aparición doutros novos postos de traballo inducido, máis flexibles e inestables, vinculados á xeración de coñecemento, asociado ao negocio das redes sociais, redes de colaboración e novos modelos económicos”.
Pola súa parte, Xosé Manuel Pereiro, Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, apunta que a situación de crise está a traducirse “nunha fonda precariedade do emprego e na grave deterioración dunhas condicións laborais estruturalmente deficientes”. Na súa contribución titulada “Non disparen sobre o xornalista. Os profesionais no medio da crise” engade: “Os tempos de vacas gordas non serviron para elevar as condicións e poñer os alicerces para mellorar o produto, nin tampouco para que se desenvolvesen novos formatos e se ampliase ou se estabilizase o tecido empresarial do sector. Nos de vacas fracas, a única rede protectora vai ter que ser, novamente, o sector público”.
O informe, de máis de duascentas páxinas, aborda os desafíos que o sector afronta nunha ineludible fase de tránsito a un novo escenario comunicacional e analiza as realidades e expectativas dos distintos medios. Aos traballos e autores xa citados cómpre engadir os referidos a medios impresos, a radio, a televisión e o audiovisual, o cine, as tecnoloxías da información e as comunicacións, a internet, o sector dos contidos multimedia, os novos escenarios do sector publicitario, a comunicación organizacional, e a formación universitaria, e a investigación, en comunicación.
Iniciativa do Arquivo de Comunicación, do Consello da Cultura Galega, o informe reúne tamén as aportacións de Xosé López García, Rosa Aneiros Díaz, Xosé Ramón Pousa, Paulino Pérez, Marta Pérez Pereiro, Miguel Anxo Fernández, Luís Álvarez Sestelo, Fernando Pérez González, Domingo Docampo, Xosé Pereira, José Antonio Cascudo, Manuel Gago, Antonio Sanjuán, Sandra Martínez Costa, Alberto Pena, Berta García Orosa, Miguel Túñez e Xosé Soengas.

