----

A RAG presenta o programa de actividades na honra de Francisco Fernández del Riego

A Real Academia Galega fixo público o programa de actividades coas que vai homenaxear a Francisco Fernández del Riego, autor ao que se lle dedica neste 2023 o Día das Letras Galegas. Entre as iniciativas programadas, que se realizarán co apoio da Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia e Innovación, a Deputación da Coruña, os concellos de Lourenzá e Vigo e a TVG, destacan a publicación do epistolario entre Francisco Fernández del Riego e Ramón Otero Pedrayo (máis de 450 documentos conservados na Fundación Penzol e editados por Patricia Arias Chachero); a organización dun simposio sobre o autor homenaxeado, que terá lugar no outono; unha biografía teatralizada dirixida ao público infantil, que se presentará no marco do proxecto Primavera das Letras 2023; ou unha serie web de carácter documental sobre Fernández del Riego realizada pola produtora Miramemira.
No sitio web da RAG podes ampliar información sobre esta programación.