----

O galego, no posto 37 do Barómetro das linguas do mundo

O Ministerio de Cultura do Goberno de Francia publica o Barómetro das linguas do mundo 2022, realizado polos doutores Alain Calvet et Louis-Jean Calvet. Trátase da cuarta edición deste barómetro, que nesta ocasión clasifica 635 linguas, medindo a súa importancia ou peso segundo trece indicadores sociolingüísticos, tanto “intrínsecos” (número de falantes, status da lingua, ensino nos niveis universitarios etc.) como “contextuais” (índice de desenvolvemento humano, grao de penetración de Internet ou índice de fecundidade da poboación). No que respecta ao idioma galego, atópase entre os primeiros 50 clasificados, tanto na clasificación global como nas dúas clasificacións específicas feitas segundo o criterio do prestixio ou os factores intrínsecos. Concretamente o galego está no posto 37 segundo a clasificación global, o que supón un ascenso de 13 chanzos con respecto ao Barómetro de 2017. Segundo a clasificación de prestixio atópase no posto 44 e segundo a clasificación de factores intrínsecos no posto 47.
Podes consultar o informe completo en formato PDF premendo aquí.