NOTICIA

----

Unha xornada afonda na figura de Lois Tobío no seu vixésimo cabodano

Este lunes 13 de marzo cúmprense vinte anos da morte de Lois Tobío, membro do Seminario de Estudos Galegos, militante galeguista, escritor, xornalista, diplomático, tradutor e defensor da personalidade cultural de Galicia no mundo. O Consello da Cultura Galega (CCG) lembra a súa figura cunha xornada titulada “As décadas de Luis Tobío”. Una sesión na que participa a súa única filla, Constanza Tobío, mentres que destacadas figuras situarán a figura do diplomático no seu contexto. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, será a encargada de inaugurar esta cita que se pode seguir en directo (a partir das 17:00 horas) desde as redes sociais da institución. Ese mesmo día, Contanza Tobío, asinará un acordo que cede ao CCG novos manuscritos e documentos referenciais para a reconstrución de momentos e iniciativas tan importantes na nosa historia como o exilio ou a fundación do Consello de Galiza en 1944.

A xornada comeza cunha intervención de Constanza Tobío, catedrática de Socioloxía da Universidad Carlos III de Madrid e filla de Lois Tobío, que ofrecerá unha breve semblanza de seu pai. De seguido, haberá unha mesa redonda moderada por Xosé Manoel Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea da USC, na que analizarán o poliédrico legado de Lois Tobío. Nela participan Ramón Villares, catedrático de Historia Contemporánea da USC; Marga Romero, profesora e estudosa da obra de Lois Tobío e Emilio Xosé Insua, profesor e ensaísta.

O CCG e Lois Tobío
A relación do CCG con Lois Tobío vén de antigo. Sendo presidente da institución Ramón Villares iniciouse o proceso de dixitalización dunha primeira entrega de documentación que posibilitou poñer en rede a súa correspondencia. No marco do proxecto Epístola pódense consultar máis de 400 cartas escritas entre 1939 e 1999 que dán conta das intensas relacións que Tobío mantivo nos ámbitos privado e público. A través delas compartiu non só as súas vivencias, senón que serviu de espazo de reflexión e documentación de iniciativas que nos axudan a entender e repensar a historia recente.

En 2018 tivo lugar en Vieiro o congreso “Lois Tobío. Galeguista, tradutor e xornalista” en que se que recollen diversos estudos que afondan na súa traxectoria en tres ámbitos esenciais para coñecer o seu armazón intelectual. Xulio Ríos coordinou esa cita na que analizaron a súa militancia no galeguismo, tanto na preguerra como na posguerra, e as súas vocacións de tradutor e xornalista que sempre o acompañaron. O congreso seu lugar a unha publicación (editada en 2020) na que participaron Montserrat Bascoy Lamelas, Xan Carballa, Emilio Xosé Insua López, Manuel Lombao, Carlos Méixome e Marga Romero. Ademais, ese mesmo ano incorporouse a súa biografía ao Álbum de Galicia.

Lois Tobío
O devalar vital de Lois Tobío é tan interesante como complexo. Non foi só un diplomático, senón tamén un creador, un tradutor, un xornalista que desenvolveu unha intensa actividade. Naceu en Viveiro o 13 de xuño de 1906. Estuda Dereito na Universidade de Santiago, onde coñece un grupo de compañeiros e mestres que nos anos vinte fundan o Seminario de Estudos Galegos, no que el participa activamente. Cada vez máis integrado no Partido Galeguista —é membro do seu Consello Executivo dende que se creou en 1931— e, contando coa amizade e confianza de Castelao, é un dos redactores do Anteproxecto do Estatuto de autonomía de Galicia. Diplomático de profesión, tras o golpe de Estado de 1936 Tobío mantén a súa fidelidade á República, o que provoca que teña que iniciar un exilio que o levará a Francia, Cuba, México e finalmente Uruguai. En Montevideo traballa como xornalista, mantén as súas fortes vinculacións co galeguismo e asesora xuridicamente a Castelao na creación do Consello de Galiza, do que será delegado en Uruguai. Ademais, é fundador e colaborador da emisión radial Sempre en Galiza de Montevideo e escribe numerosos artigos en Galicia Emigrante e outros voceiros da colectividade. En 1963, Lois Tobío retorna coa súa familia a España, tras case 25 anos sen pisar a súa terra natal. Durante a vellez dedícase ás súas angueiras históricas e literarias e participa activamente na restauración e renovación do Seminario de Estudos Galegos (1979), entidade que preside ata a súa morte o 13 de marzo de 2003.