----

Martín Barbero no cerre das Xornadas Comunicar Cultura: "As Ciencias Sociais non poden seguir pensando o mundo como unha sumatoria de nacións"

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2010.- Hay que construir unha categoría nova e as Ciencias Sociais non poden seguir pensando o mundo como unha sumatoria de nacións. Jesús Martín Barbero, profesor da Universidade Javeriana de Bogotá (Colombia), aludiu así onte a un dos desafíos do presente: a diversidade pensada desde a interculturalidade, en termos de traducción. A conferencia dun dos máis importantes teóricos da Comunicaciòn de Iberoamérica puxo o ramo ás Xornadas “Comunicar Cultura” organizadas polo Arquivo de Comunicación do Consello da Cultura Galega cun programa que se desenvolveu fundamentalmente os pasados 20 e 21 de abril.


<!--more-->

Recoñecer a diversidade é traducir, romper a miña unicidade e asumir que hai moita riqueza que pasa por outras linguas e culturas, afirmou Martín Barbero, logo de recordar a quebra na liña de continuidade entre a tradicional comunidade orgánica das culturas locais e a moderna sociedade do Estado-Nación. “Hoxe o global non fai tampouco continuidade co internacional, pois, como plantexou o científico social brasileño Milton Santos, estamos fronte á emerxencia doutro tipo de nexo histórico-social, que é o mundo constituído na nova realidade a pensar e na nova categoría central das ciencias sociais. Nada que ver cunha mera forma de integración das nacións-estado”, dixo.

Para este experto, integrante do Consejo Nacional de Cultura de Colombia, a globalización, definida como “perversión sistémica”, plantexa cando menos dous retos: O desafío que distintas cosmovisións apoñen á racionalidade occidental e a necesidade de reubicar a política. Ou sexa, a posibilidade dunha narrativa histórica plural, asumidora das relacións aismétricas e a consideración da centralidade das periferias.

Nese escenario, afirmou Martín Barbero -presentado por Margarita Ledo Andión, escritora, cineasta e profesora da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago- a comunicación non é unha cuestión de medios, senón un entorno comunicativo, un concepto que debe ser repensado.