----

O proxecto Voces centenarias recupera tres audios de Ernesto Guerra da Cal

Ernesto Guerra da Cal (Ferrol, 1911 – Lisboa, 1994) foi escritor, poeta e un destacado estudoso das literaturas portuguesa e galega. Exiliado en Nova York dende 1939, traballou a prol da internacionalización da cultura galega e, sobre todo, da figura de Rosalía de Castro. A nova entrega de Voces centenarias, proxecto que mantén o Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG), difunde tres audios que permiten escoitar algúns dos seus poemas recitados na voz do propio autor.

Ernesto Guerra da Cal destacou cunha frutífera carreira académica que o consolidou como unha autoridade galeguista, hispanista e lusitanista nos campos científico e literario. Republicano e galeguista, tras o fin da Guerra Civil tivo que exiliarse a Nova York, cidade en que desenvolveu unha traxectoria profesional como docente e investigador. A través das súas colaboracións en publicacións de referencia e da súa participación en coloquios e encontros, promoveu a internacionalización de Rosalía de Castro e da cultura galega. Tamén manifestou o seu compromiso político e ortográfico a prol da unidade da lingua galego-portuguesa e dun espazo común lusófono. Autor dunha importante obra literaria, os seus poemas están escritos con grafía luso-brasileira e repletos de referentes sobre Galicia.

Os tres audios que se incorporan na nova entrega de Voces centenarias pertencen ao fondo do centro territorial da Coruña de Radio Nacional de España (RNE), custodiado polo Arquivo Sonoro de Galicia. O primeiro deles corresponde ao programa Poetas de Galicia, emitido semanalmente por RNE-A Coruña. O formato estaba conducido por Andrés Rey e Lita Iglesias e nel entrevistábase a figuras relevantes da lírica galega. Na gravación, datada de 1968, pódese escoitar a Ernesto Guerra da Cal, que, xa exiliado, enviara as súas respostas e os seus recitados nunha cinta magnética dende Nova York. Entre os temas que aborda, destaca a saudade como o eixe central dos seus dous primeiros poemarios: Lua de além-mar (1959) e Rio de sonho e tempo (1963). Ademais, tamén opina sobre as relacións, presentes e futuras, que segundo el existen entre os idiomas galego e portugués.

O segundo fragmento é do 25 de abril de 1986 e nel Guerra da Cal recita dous dos poemas que lle dedicou a Rosalía de Castro. As poesías seleccionadas son “Rosalía. Perfil da sombra” e “Chamada a ela no apocalipse da Galiza”, extraídas da súa obra Río de sonho e tempo.
No terceiro audio, da mesma data que o anterior, pódese escoitar “Trágica rosa céltica. Rosalía” na voz de Ernesto Guerra. A peza poética estaba dedicada a Ricardo Carballo Calero e nela o escritor manifestaba novamente a súa admiración por Rosalía de Castro. A composición pertence á obra Deus, tempo, norte e outras bagatelas, que Guerra da Cal escribiu en Estoril en 1985, cidade á que se trasladara oito anos antes. Porén, o poemario non foi publicado ata 1987 en Lisboa.

Voces centenarias
O 13 de setembro de 2021, o Consello da Cultura Galega puxo en marcha o proxecto Voces centenarias, unha iniciativa para visibilizar mensualmente a voz de persoeiros da cultura, da política, da emigración etc. que axudaron a perfilar o noso pasado, pero tamén o noso destino presente e futuro. O proxecto incorporou neste tempo gravacións de Lois Tobío, Celso Emilio Ferreiro, Isaac Díaz Pardo, Xosé Filgueira Valverde, Rafael Dieste, Maruxa Boga, Osorio-Tafall ou Antón Tovar.