NOTICIA

----

O foro Pensar o mundo dende Galicia chega ao seu ecuador cunha xornada sobre os desafíos do galego

O Consello da Cultura Galega dedica a cuarta xornada do foro Pensar o mundo dende Galicia, co que celebra o seu 40º aniversario, a situar o idioma galego no contexto lingüístico actual. A cita fai unha parada para revisar os retos do galego no contexto actual, no que existen outras dinámicas lingüísticas asociadas ás novas mobilizacións da cidadanía e ás tecnoloxías. Esta sesión do foro titúlase “O desafío do galego nas sociedades multilingües” e está coordinada por Dolores Vilavedra. Nela participan destacados profesionais como Peter A. Kraus, da Universidade de Augsburgo, ou Bernadette O’Rourke, da Universidade de Glasgow. A cita terá lugar o xoves 8 de xuño na sede do CCG e ten aberta a inscrición.

O foro busca debater sobre as posibilidades que para o idioma galego se abren nun futuro que se contempla como un momento de profunda transformación no relativo á ecoloxía da diversidade lingüística e de reforzo do plurilingüismo. Comezará coa intervención de Peter A. Kraus, da Universidade de Augsburgo, que impartirá a conferencia “Cidadanía e multilingüismo”. Deseguido intervirá Bernadette O’Rourke, da Universidade de Glasgow, que falará dos novos espazos e perspectivas das linguas minorizadas e dos seus falantes. A sesión da mañá rematará cun debate entre os dous relatores moderado pola coordinadora, Dolores Vilavedra.

Xa pola tarde, analizaranse casos concretos na mesa titulada “Diversidade lingüística e plurilingüismo dende a perspectiva das minorías”. Nela participarán Patxi Bastarrika, experto en planificación e política lingüística; Eva Gugenberger, da Universidade de Flensburgo, e o catedrático Henrique Monteagudo, da Universidade de Santiago de Compostela.

Foro Pensar o mundo dende Galicia
O foro Pensar o mundo dende Galicia chega ao seu ecuador cunha xornada que busca reflexionar sobre o papel do galego. No marco deste foro debateuse xa sobre a calidade da democracia, sobre o humanismo e a tecnoloxía e sobre o futuro da comunicación.

Este proxecto pretende condensar o traballo promovido dende o Consello da Cultura Galega relativo ao debate, a pescuda e a creación arredor de diversos eidos do saber, mais tamén sobre cuestións que abranguen os problemas e inquedanzas da sociedade galega no pasado, no presente e no futuro. En total son oito citas mensuais (que arrincaron en marzo e rematarán en novembro) nas que se abordarán temáticas moi presentes nas actividades da institución, como os retos presentes e futuros do feminismo, a sustentabilidade da economía global ou o papel do patrimonio e da paisaxe. Arredor de corenta personalidades do mundo cultural, científico e académico galego, ibérico e mundial participarán nesta proposta, que busca reflexionar, debater e profundar na interpretación dos desafíos desta terceira década do século XXI, ademais de recoller a tradición iniciada hai máis dun século pola Xeración Nós e polo Seminario de Estudos Galegos, coa intención de aspirar a repensar o mundo e a sermos unha célula de universalidade.