----

Un roteiro segue o legado do Seminario de Estudos Galegos por Terra de Melide

En 1933 o Seminario de Estudos Galegos (SEG) deu ao prelo unha das súas obras máis emblemáticas, Terra de Melide. Era o resultado dos amplos traballos de campo e investigación pioneiros que os membros do SEG fixeron sobre esta comarca. O Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración co Museo da Terra de Melide, quere conmemorar estes traballos cun roteiro que terá lugar o sábado 10 de xuño. Nel visitaranse os espazos investigados polos membros do SEG ao longo da comarca da Terra de Melide.

O roteiro, que comeza e remata na praza do Convento de Melide, percorrerá os espazos analizados e estudados polos homes do Seminario de Estudos Galegos na década dos trinta do século pasado. O percorrido incluirá a interpretación de pezas musicais recollidas durante os traballos do SEG, a cargo de Herba Grileira. A inscrición pódese facer no Museo da Terra de Melide, no teléfono 981507998 ou no enderezo electrónico museodaterrademelide@gmail.com.

Esta é unha das actividades previstas polo CCG para conmemorar, ao longo deste 2023, o centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos. Insírese na programación que unha nutrida representación das institucións culturais galegas deseñou para celebrar a efeméride, a cal se pode consultar no web institucional. A programación busca estar en sintonía co tipo de accións que desenvolveu o SEG, ao tempo que reivindica a vixencia do seu legado.

Seminario de Estudos Galegos
En 1923, nove estudantes mozos (Alberto Vidán Freiría, Fermín Bouza-Brey, Xosé Pena Pena, Xulián Magariños Negreira, Ramón Francisco Romero Lema, Wenceslao Requejo Buet, Xosé Filgueira Valverde, Lois Tobío Fernández e Ramón Martínez López) de distintos cursos da Universidade de Santiago, coa complicidade do catedrático Armando Cotarelo Valledor, decidiron xuntar esforzos nun proxecto que buscaba estudar e divulgar o patrimonio cultural galego, ademais de formar investigadores. Contou con doce áreas de investigación e deu ao prelo numerosos estudos en galego, un fito destacado naquela época. O labor de pescuda do SEG foi inmenso, xa que con escasos recursos e medios fixeron toda Galicia.