----

Recuperada a conferencia de Manuel Gallego Jorreto que repasa a súa traxectoria

Manuel Gallego Jorreto (O Carballiño, 1936) é un referente artístico, arquitecto de vangarda e profesional comprometido. “É un arquitecto con visión de país” dixo José María Barja Pérez, reitor da Universidade da Coruña na presentación da conferencia “Corenta anos de arquitectura” que se destaca agora no marco do proxecto que visibiliza 12 intervencións destes 40 anos do Consello da Cultura Galega (CCG). Gallego Jorreto estivo no CCG en varias ocasións, pero recuperamos unha conferencia pertencente ao ciclo “Palestras Maxistrais”, na que fai un repaso da súa traxectoria profesional.

Na súa intervención, Manuel Gallego Jorreto puxo sobre a mesa a necesidade de construír para resolver problemas. Ademais, fixo un percorrido “sen intermediarios” a través de catro décadas de profesión, no que propuxo unha revisión subxectiva do seu traballo no que procurou trasladar ao público a “proporción, materia, cor...” que quixo imprimir nos seus proxectos.

Gallego Jarreto obtivo o título de Arquitecto na ETSA de Madrid (1963). Con todo, desenvolveu unha ampla traxectoria profesional en Galicia. Iniciouse no estudo de Alejandro de La Sota, onde estivo tres anos. Foi profesor titular na ETSA da Coruña, na que exerceu a docencia desde 1978, e foi catedrático de proxectos arquitectónicos. Entre as numerosas mencións e galardóns que recibiu destaca o Premio Nacional de Arquitectura (1997).

A súa obra baséase nunha clara preocupación polo lugar como soporte da historia. O seu coñecemento da arquitectura e da cultura tradicionais permítelle abordar unha obra dinámica e, ao mesmo tempo, reflexiva. A preocupación polo carácter e a función do proxecto, constantes na súa traxectoria, non impiden que atope unha linguaxe expresiva e directa, na que historia e modernidade se sitúan nun claro equilibrio de forzas que define un xeito propio de entender a arquitectura, plasmado nunha adaptación ás circunstancias e necesidades. A súa obra acadou un lugar de seu na nosa tipografía cultural, desde o cal o arquitecto desenvolve unha perspectiva independente e permanentemente crítica. O peso da tradición e do compromiso do arquitecto conxúgase con dúas constantes: a idea do lugar e a noción da memoria. Entre as súas obras pódense citar a Vivenda Unifamiliar de Corubedo (1969), os Institutos de Investigación de Santiago de Compostela (1992-2000), a Vivenda El Pinar (Oleiros, 1977), o Complexo Presidencial de Santiago en Monte Pío (2000-2002), Mueo de Belas Artes da Coruña (1988-1995), o Museo de Arte Sacra da Colexiata de Santa María (A Coruña, 1982-1987) ou a Piscina Cuberta de Chantada (1998-2002).

Fondos dos 40 anos
O Consello da Cultura Galega cumpre en 2023 corenta anos. No marco das actividades deseñada para celebrar a efeméride, hai unha liña encamiñada a visibilizar a historia da entidade neste tempo. Unha desas accións consiste en poñer na rede, de carácter mensual, unha conferencia relevante que se pronunciara no marco da súa actividade.