----

Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural revisan o impacto cultural dos encoros

"Encoros, arquitectura, enxeñaría e patrimonio" é o título da nova sesión dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural, que organiza este martes (a partir das 16:00 horas) a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG). Esta cita busca avaliar o impacto que as infraestruturas hidroeléctricas, moi presentes no noso país, xeraron no territorio e nos bens culturais que nel se atopaban, así como reflexionar sobre a súa posta en marcha, que seguiu unhas pautas propias que determinaron uns procesos de intervención. O encontro busca analizar as novas paisaxes da auga, o impacto das construcións e as súas consecuencias no campo da restauración e conservación dos monumentos. A cita é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e as redes sociais da institución.

Galicia, e por extensión España, é un país rico en recursos hídricos e iso levou a que as políticas gobernamentais os aproveitasen desde os primeiros anos do século XX. Este aproveitamento intensificouse de forma substancial tras a Guerra Civil, cando o Goberno, a través do Plan Nacional de Obras Públicas (1938-1965), se propuxo un aproveitamento integral destes recursos para a consecución da prosperidade económica que o país necesitaba. Co proxecto destas grandes infraestruturas, que caracterizaron o período franquista, construíronse un gran número de pantanos —máis de 300— en lugares diversos que afectaron a importantes territorios, nos que os bens existentes quedaron, moitas veces, relegados a un segundo plano. Entre estes bens atopábanse algúns de gran valor cultural, que foron rescatados das augas, mentres que pola contra outros, non tan acordes cos ideais propagandísticos do Estado, quedaron mergullados baixo a auga ou no mero recordo dos habitantes que se viron obrigados a abandonar os seus lugares de orixe ante o progreso que supoñía a crecida das augas. Preténdese con este encontro analizar o impacto destas construcións e as súas consecuencias no ámbito da restauración e conservación dos monumentos e na creación de novas paisaxes culturais, sen o que non se entendería a realidade xerada nos diferentes territorios, a partir da súa relación coa obra pública, o patrimonio e o cinema.

O programa da xornada
Begoña Fernández Rodríguez abrirá o encontro coa intervención “Perspectivas futuras para unha memoria incómoda. Cemento, auga e patrimonio”. Deseguido, Carlos Tejeda García, da Universidad Rey Juan Carlos, ofrecerá un relatorio titulado "Filmando as obras de Iberdrola: Fernando López Heptener”. Pechará os relatorios Carlos Nádiz, da Universidade da Coruña, que falará de obras públicas e paisaxe cultural. Ao remate haberá un coloquio entre os relatores co público asistente.

Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural
Este ciclo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, que se organiza con carácter periódico desde o ano 2015, ten como obxectivo analizar e caracterizar os bens patrimoniais, así como poñer o foco na formulación de tipos de protección deses bens e nas iniciativas postas en marcha para a súa divulgación e socialización. O Museo das Peregrinacións, o Camiño de Santiago, as fortificacións romanas, as igrexas medievais, o patrimonio da transición democrática ou o casco vello de Vigo centraron sesións anteriores do ciclo.

Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Esta cita insírese nunha das liñas de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, coa que se busca fomentar un debate entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor dos bens patrimoniais sobre os que se están a desenvolver actuacións. A Sección está coordinada por Rebeca Blanco-Rotea e ten como membros a Nieves Amado, Carlos Amoedo, Rosa Benavides, Ana Estévez, Olimpia López, Daniel Lorenzo, Juan Monterroso, Teresa Nieto, Ángeles Penas, Francisco Xabier Redondo, Cristina Sánchez-Carretero, Iago Seara, Luisa Serrano e Hortensio Sobrado.