NOTICIA

----

O ciclo Revisando a nosa arte analiza os inicios da banda deseñada galega

A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este martes, 27 de xuño, ás 17:00 horas, unha nova sesión do ciclo Revisando a nosa arte. Baixo o título “Revisión histórica da banda deseñada galega: Xaquín Marín e Reimundo Patiño”, analizarase a figura destes dous ilustradores, considerados como os fundadores da banda deseñada galega. Coordinada por Manuel Quintana Martelo, a xornada contará cos relatorios de Miguelanxo Prado e Antón Patiño. A cita desenvolverase de xeito presencial na sede institucional do CCG, pero poderá seguirse en directo a través do web e as redes sociais corporativas.

Coñecer como nace a aventura do cómic galego e profundar nas dúas figuras que estiveron nos seus cernes é o obxectivo desta xornada, que se abrirá coa intervención de Miguelanxo Prado “Xaquín Marín: viñetas pétreas”. A continuación, Antón Patiño pronunciará o relatorio “Reimundo Patiño: viaxe ao futuro”. Ao remate das súas intervencións, os dous conferenciantes participarán nunha mesa redonda moderada polo coordinador da xornada, Manuel Quintana Martelo.

Os relatores
Miguelanxo Prado é autor de cómic, pintor, ilustrador, guionista, ilustrador de prensa e director de animación. Entre os seus libros destacan algúns títulos como Trazo de xiz, unha das obras máis premiadas do cómic contemporáneo; Ardalén, coa que se alzou co Premio Nacional do Cómic, co Premio da Crítica Especializada e co Premio á mellor obra de autoría española do Salón do Cómic de Barcelona e pola que obtivo recoñecementos tamén no Festival de Úbeda e Baeza, en Expocómic Madrid ou en Zona Cómic; Presas fáciles, Premio Festival de Amadora, premios Diario de Avisos ao mellor guión e ao mellor debuxo realista, e Premio Mor Vran en Francia, ou O pacto do letargo, co que gañou o Premio Diario de Avisos e o Premio Bandas Desenhadas en Portugal. Ademais, recibiu en dúas ocasións o Premio á Mellor Obra Traducida no Festival Internacional de Banda Deseñada de Angoulême (FIDB) e en seis ocasións diferentes premios no Salón do Cómic de Barcelona. Tamén obtivo o Premio da Cultura Galega en 2015. Xunto coas súas obras, ilustrou libros de escritores como Laura Esquivel (A lei do amor), Gonzalo Torrente Ballester (El cuento de Sirena) ou Manuel Rivas (Contos de Nadal, A lingua das bolboretas ou Bala perdida).
Antón Patiño é membro fundador de Atlántica. Participou no Colectivo da Imaxe xunto con Jorge Agra, Carlos X. Berride e Menchu Lamas, e na revista Loia con Manuel Rivas, Xosé Manuel e Lois Pereiro. Tamén colaborou no deseño dos libros do grupo poético Rompente. Como pintor, realizou exposicións individuais en París, Nova York, Zürich, Ámsterdam, Hamburgo, Estocolmo e Bordeos, así como en cidades de toda España. Ademais, participou en feiras de arte internacionais e nacionais a través de numerosas exposicións colectivas. A súa mostra Caosmos (CGAC) recolle unha ampla panorámica das súas creacións. Como autor, destaca o seu cómic experimental Esquizoide, o libro Xeometría líquida e as obras dedicadas a Urbano Lugrís (Viaxe ao corazón do océano), Reimundo Patiño (cun libro homónimo), Uxío Novoneyra (Universo Novoneyra) e Lois Pereiro (Radiografía do abismo, Quen corta os fíos do soño? e Dicionario de sombras). Ademais, publicou os títulos Océano e silencio, Teoría do riso, Mapa ingrávido, Libro dos lugares ou Escritos de un sonámbulo e diferentes ensaios sobre a teoría da imaxe, como Todas las pantallas encendidas, Manifiesto de la mirada ou De dónde vienen las imágenes. Con Xavier Seoane escribiu o manifesto Hai suficiente infinito.

Revisando a nosa arte
A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas puxo en marcha en marzo de 2022 Revisando a nosa arte, un ciclo que pretende achegarse ás figuras máis representativas das artes visuais de comezos do século XX. Isto implica afondar no Movemento Renovador da pintura galega que iniciou Castelao, proseguiu Carlos Maside e secundaron Arturo Souto, Laxeiro ou Manuel Colmeiro, e que se enriqueceu nas décadas seguintes con novas poéticas e tendencias. Estas xornadas tratan de poñer en valor e reinterpretar as obras destes e doutros artistas, a súa produción e as súas traxectorias. O ciclo comezou cunha análise da figura de Carlos Maside e continuou coas de Laxeiro, Maruja Mallo, Arturo Souto, Julia Minguillón, María Antonia Dans, Guillermo Monroy, Mon Vasco, Luis Borrajo e Alberto Datas.

Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e ten como membros a Paula Cabaleiro, Carmen Díaz Cacheda, Miguel Fernández-Cid, Jesús Pastor, María Asunción Rodríguez, Luis Rosón, Ramón Rozas, Sofía Santos, Rosario Sarmiento, Manuel Vilariño e Lucila Yáñez.