A presidenta do Consello da Cultura Galega recibe o comité organizador das Xornadas Abrindo Camiño

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, recibiu esta mañá a visita dos responsables de diferentes entidades organizadoras das Xornadas do Peregrino Abrindo Camiño, coas que o CCG colabora. Esta edición, a número 16, leva por título "Camiño de Santiago e emigración" e servirá de homenaxe á mestra galega emigrada en Cuba Andrea López Chao. As xornadas terán lugar en diversos espazos de Mondoñedo e Santaballa (Vilalba) entre o 30 de xuño e o 2 de xullo.

Na xuntanza estiveron presentes, por parte do CCG, o vicepresidente, Xosé M. Núñez Seixas; a responsable de Acción Exterior, Emilia García, e o xerente, Marcelino Fernández. Canda eles asistiu o historiador Prudencio Viveiro; o representante da Asociación Abrindo Camiño, Luis Fernández Ansedes; a subdirectora xeral de Coordinación Administrativa da Secretaría Xeral da Emigración, María Baleato; o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou, e o cronista oficial de Mondoñedo e representante do Concello Antonio Reigosa.

Pola banda cubana asistiron a presidenta da Agrupación de Sociedades Representativas de Municipios e Parroquias de Galicia en Cuba, Juana Caridad Fernández; a bisneta de Andrea López Chao, Patricia Ares, e mais a presidenta da Cátedra de Cultura Galega na Universidad de La Habana, Arantxa Fernández.

O CCG e a xornada
Esta actividade afonda no vínculo entre o Camiño de Santiago e a emigración, ao tempo que busca poñer en valor a figura de Andrea López Chao. No marco destas xornadas inauguraranse dúas exposicións producidas polo Consello da Cultura Galega. A primeira delas é O soño cubano da emigración galega, que se inaugurará o 30 de xuño no Auditorio Municipal Pascual Veiga (Mondoñedo) da man dos seus comisarios: Xosé M. Núñez Seixas e María Xosé Porteiro. A segunda é Luces de alén mar, comisariada por Vicente Peña, que se inaugurará o 2 de xullo na Escuela Habanera de la Liga Santaballesa (Santaballa, Vilalba).

Andrea López Chao
Andrea López Chao (Mondoñedo, 1874 - A Habana, 1954) foi unha mestra galega que emigrou a Cuba. Foi directora do Centro Galego da Habana e vicepresidenta da asociación Hijas de Galicia. Participou no I Congreso de Mujeres de Cuba en 1923. Hijas de Galicia foi unha institución pioneira na historia da emigración galega da primeira metade do século XX. Creada na Habana en 1917 cun fin asistencial, mantivo a súa actividade ata o ano 1960. Durante ese período, ofreceu atención sociosanitaria ás galegas emigradas e prestou especial atención ás situacións de vulnerabilidade que estas sufrían, sobre todo as vinculadas coa trata e o tráfico de mulleres. Ademais, desenvolveu un papel crucial nos inicios do feminismo galego e cubano.