NOTICIA

----

Lugo acolle a mostra que retrata a Galicia da Transición

O Vello Cárcere de Lugo acolle desde este mércores A intimidade da imaxe, mostra que percorre a Transición en Galicia da man das fotografías de Anna Turbau (Barcelona, 1949). A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a fotógrafa, Anna Turbau; a concelleira de Cultura, Turismo e promoción da Lingua, Tareixa Antía Ferreiro; e a comisaria, Margarita Ledo, serán as encargadas de inaugurar (mércores 5, 19:00 horas) esta nova itinerancia da mostra, que estará aberta ata o vindeiro 30 de setembro.


A intimidade da imaxe condensa nun centenar de imaxes os conflitos sociais, políticos e humanos cos que a fotógrafa catalá se atopou a finais dos anos setenta en Galicia. O relato expositivo está organizado en nove bloques temáticos: «O rostro que te mira», «Luz no alén», «A atmosfera e o signo», «O vestixio e a fuxida», «A ollada que manca», «A imaxe que libera», «A festa como síntoma», «Fóra de campo» e «Paisaxe interior». A mostra permite recoñecer unha dobre visión. Dunha banda, unha Galicia rural de gran riqueza visual e compositiva emerxe a través da ollada desta fotógrafa, que investigou coa súa cámara a realidade rural, as festas e romarías, o traballo das mariscadoras ou o universo das curandeiras. Da outra, deu visibilidade a unha serie de problemas e reivindicacións populares, como as mobilizacións contra as obras da autoestrada do Atlántico, as manifestacións pola situación das empresas navais, os debates sobre a autonomía e as vontades nacionalistas, que lle ocasionaron, en máis dunha ocasión, problemas coa policía.

Planos medios, planos abertos e encadramentos arriscados permiten coñecer unha Galicia íntima, moi personalizada na figura das mulleres, protagonistas absolutas da súa cámara. Na mostra pódense ver ideas recorrentes no traballo de Turbau como a cama, as olladas ou as mans, que ofrecen unha mirada moi persoal e humanizada. A exposición chega a Lugo despois de estar aberta ao público en Santiago, A Coruña, Pontevedra, Vigo e Ferrol.
Anna Turbau e Galicia
Anna Turbau chegou a Galicia no ano 1975 para retratar unha serie de vivendas para familias xitanas construídas en Poio por César Portela e Pascuala Campos. Ao pouco decidiu instalarse en Santiago e, como colaboradora independente das revistas Interviú e Primera Plana, retratou os movementos populares que emerxían con forza en Galicia. Nese momento estaba en marcha a construción da autoestrada do Atlántico, que xerou un gran conflito social e engaiolou unha fotoxornalista que decidiu fixar a súa residencia no noso país ata que comezou a ter problemas coa policía para facer o seu traballo. Durante a súa estadía en Galicia, que se estendeu ata 1979, Turbau fixo preto de dez mil fotografías, un arquivo que cedeu ao Consello da Cultura Galega e que encaixa co mandato institucional de preservar o patrimonio cultural galego. Desa cesión saíu esta exposición e unha publicación homónima que viu a luz en 2017. O libro está editado por Natalia Poncela e nel exhíbense arredor de cincocentas imaxes.

Anna Turbau
Estudou Deseño Gráfico en Barcelona, na Escola Massana - Centre d’Art i Disseny e na Escola de Disseny i Enginyeria (ELISAVA). O seu primeiro contacto coa fotografía produciuse en 1975, cando recibiu o encargo de facer unha serie de fotografías na Ciutat Vella de Barcelona, co que descubriu unha cidade marxinal e oculta. Esta experiencia foi decisiva na súa escolla da fotografía como medio expresivo e na súa procura de visibilizar o invisible. Ese mesmo ano entrou en contacto con Galicia, onde fixou a súa residencia e traballou como fotoxornalista nun contexto maioritariamente masculino e no que destacou cun traballo moi persoal, respectuoso e incisivo. A presión policial obrigouna a marchar en 1979. Regresou a Barcelona e comezou a traballar na revista Actual e, en 1984, en realización televisiva, eido en que se especializou en programación educativa e cultural. Foi profesora de Fotoxornalismo na Escola Internacional de Fotografia Grisart de Barcelona.

Na actualidade vive entre Calatañazor (Soria) e Barcelona, e continúa a traballar en series fotográficas como Mujer y silencio (2009) ou a súa última obra: a documentación fotográfica da exhumación dos fusilados de guerra en Calatañazor (2017).