A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o arcebispo de Santiago de Compostela, Francisco José Prieto; o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso; o expresidente do CCG, Ramón Villares; os membros do plenario do CCG, entre outras autoridades e representantes da cultura e da sociedade, asistiron ao acto que se retransmitiu en directo desde o web e as redes sociais da institución. A celebración tivo lugar na véspera do 8 de xullo, día en que se promulgou a Lei 8/1983, que creou a institución.
Na súa intervención, a presidenta do CCG tivo un recordo especial para os anteriores presidentes, así como para todos os “homes e mulleres que ano tras ano se foron sucedendo no organigrama da institución para cumprir coas altas misións encomendadas”. Lembrou que a traxectoria da institución estivo marcada pola progresión continua, a pluralidade e unha progresiva incorporación das mulleres nos órganos e traballos desenvolvidos. É precisamente Rosario Álvarez a primeira presidenta, pero tamén foi a primeira muller en incorporase a unha comisión, a de Lingüística, no ano 1985. Houbo que agardar dous anos máis ata que outra muller, María Xosé Rodríguez Galdo, se convertese na primeira en formar parte do Plenario. Na composición actual, das 187 persoas vencelladas ao organigrama da institución, 94 son mulleres.
Nestas catro décadas a estrutura interna foi madurando e medrando a través da creación de novas seccións, comisións e arquivos, que contan cunha ampla representación da sociedade, xa que se renovan cada dúas lexislaturas. “Definímonos, con determinación, como a ‘a casa de todos e todas’”, afirmou a presidenta. No seu discurso tamén sinalou novos retos. Instou a unha reflexión serena e a un pacto arredor do patrimonio, incidiu no diálogo e na conciliación e propuxo a elaboración dun plan patrimonial para Galicia e dun observatorio de patrimonio cultural. Instou tamén á creación dun necesario museo das migracións galegas: “É hora de mostrar a propios e alleos, con orgullo e gratitude, o moito que as diásporas do noso pobo contribuíron a erguer a Galicia contemporánea”. Ademais, volveu reiterar a petición de incrementar o gasto público consolidado ata o 1,5 % (hoxe no 0,65 %).
Rosario Álvarez rematou a súa intervención lembrando que “a cultura é o alicerce da nosa identidade e do valor diferencial de Galicia neste presente que tende á globalización. É tamén a panca que nos lanza a un futuro de progreso e benestar”. O acto, conducido por Rosa Aneiros, contou con intervencións musicais, a cargo da soprano Emilia Pérez e o pianista Lucas López, sobre textos de Rosalía de Castro, Filomena Dato e Eduardo Pondal.
O Consello da Cultura Galega
O 8 de xullo de 1983 o Parlamento de Galicia aprobaba a Lei 8/1983, de creación do Consello da Cultura Galega. Desenvolvíase así o fixado no artigo 32 do Estatuto de autonomía, que situou a cultura nun papel central do desenvolvemento autonómico. Desde a súa creación, a institución contou con cinco presidentes, Ramón Piñeiro (1983-1990), Xosé Filgueira Valverde (1990-1996), Carlos Casares (1996-2002), Alfonso Zulueta de Haz (2002-2006) e Ramón Villares (2006-2018), e mais Rosario Álvarez, a primeira muller en presidir a institución e que ocupa o cargo desde 2018.
Nos seus corenta anos, a institución organizou máis de 1200 actividades, sacou ao prelo máis de seiscentas publicacións e, no apartado de asesoría, elaborou máis dun centenar de informes, algúns deles tan destacados como o redactado sobre o Camiño de Santiago, o informe sobre o futuro do Centro Galego de Arte Contemporánea (1993), a Proposta de lei do panteón de Galicia (2011), o informe sobre as coleccións de arte de Novagalicia Banco e Novacaixagalicia (2014), o informe sobre o valor patrimonial do conxunto artístico e arquitectónico integrante do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside (O Castro-Sada) (2018) ou a Diagnose da cultura galega (2018). Tamén puxo en marcha unha vintena de exposicións que se puideron ver en lugares como Australia, Brasil, Italia, Estados Unidos, México ou Arxentina, entre moitos outros.
A celebración do 40º aniversario
Este acto institucional é unha das actividades centrais dunha celebración que se estende ao longo de todo o ano. A programación, definida por unha comisión formada por Ramón Villares, Xosé M. Núñez Seixas, Dolores Vilavedra, María Xosé Porteiro, Marcelino Fernández e Rosa Aneiros, está centrada en tres eixes. Co primeiro búscase facer un repaso pola historia da institución a través das actividades, persoeiros ou fitos máis salientables; co segundo eixe preténdese facer reflexionar sobre a institucionalización da autonomía galega e o papel da cultura e da xestión cultural dentro desa evolución. Por último, co terceiro quérese reflexionar sobre o futuro do país a partir de oito temas centrais. Neste eixe encádrase o foro Pensar o mundo dende Galicia, que desenvolveu xa catro das oito sesións programadas, ás que asistiron 229 persoas e cuxas intervencións contan cun millar de visualizacións na canle institucional en YouTube. Máis dunha vintena de relatores, entre os que se atopan Remedios Zafra, Emili Prado, Peter A. Kraus ou Jesús Villacañas, abordaron temas como o papel do galego nas sociedades multilingües, a calidade da democracia, o humanismo e a tecnoloxía, e o futuro da comunicación. Por diante quedan outras catro citas: “Feminismos en movemento: retos de futuro”, coordinada por Carme Adán, que se desenvolverá a vindeira semana,; “Sustentabilidade ecolóxica”, a cargo de María Loureiro; “Territorio, patrimonio e identidade”, da man Rebeca Blanco-Rotea, e “Modelos para unha economía da cultura”, coordinada por Xosé Carlos Arias, están tres últimas programadas para a volta do verán.




