----

Ponte coa lingua, voceiro de normalización lingüística no Concello de Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo botou a andar o pasado mes de novembro Ponte coa lingua, unha nova publicación que irá dando conta do estado da lingua galega neste concello ao tempo que atenderá tamén aquelas iniciativas sociolingüísticas máis salientables que se vaian desenvolvendo no país.
(Máis información)

O número 1, correspondente aos meses de febreiro e marzo de 2005, acaba de saír á rúa e achéganos, entre outras novidades, a presentación do Plan xeral de normalización da lingua galega ou a nova sobre o obradoiro de integración lingüística e cultural que está a organizar o SNL do concello.


O boletín ten unha periodicidade bimensual e conta cunha tiraxe de 1 200 exemplares, que se distribúen entre as empresas, centros de ensino e asociacións do municipio.


Desde o CDSG saudamos esta nova publicación, á que pode ter acceso, se o desexa, a través do servizo de consulta en sala dos nosos fondos documentais.