A biografía que se incorpora ao Álbum de Galicia desta semana arrinca coa orixe do reino que herda Afonso X o Sabio, nado en Toledo en 1221. “Afonso asumiu o cetro de Castela e León-Galicia ao pouco de que o seu pai unificase os dous reinos (1232) e a seguir conquistase boa parte de Andalucía” apunta o autor da entrada, Henrique Monteagudo. Isto fixo que o monarca se atopase cuns dominios poboados por xentes de diferentes relixións, nos que se falaba castelán, ástur-leonés, galego, éuscaro e árabe, e vigoraban tradicións culturais en latín, romance, árabe e hebreo. Esta situación fixo que concibise un proxecto político innovador no que buscaba reforzar o poder da monarquía á custa da nobreza e da Igrexa. Ademais, en paralelo puxo en marcha un ambicioso programa cultural, para promover unha alta cultura laica que desafiase o monopolio eclesiástico. Monteagudo explica na entrada que a clave estivo na súa política lingüística “de promoción do romance en detrimento do latín”. O latín e a cultura escrita eran patrimonio da Igrexa e non valían como idioma común nun reino en que se falaban tantas linguas, o que motivou o pulo ao castelán.
Na súa entrada, Monteagudo destaca tamén o empeño do monarca en concentrar a cultura arredor da súa corte, que acolleu trobadores occitanos (como Guiraut Riquier), italianos (Bonifaz Calvo) e cataláns (Arnau Catalan ou Cerverí de Girona). A súa afección pola lírica trobadoresca manifestouse ao congregar “ao seu redor unha boa parte das xeracións intermedias de poetas galego-portugueses, propiciando a etapa de plenitude deste fenómeno literario (1250-1280)”. El mesmo foi un espléndido poeta, activo durante toda a súa vida adulta, aínda que, ao parecer, primeiro se centrou na produción profana (1245-1266) e despois na relixiosa (1264-1284). Monteagudo destina unha mención específica ás Cantigas de Santa Maria, obra destacada da cultura galega. “Pode darse como segura a autoría do monarca nas composicións que serven de prólogo e epílogo á obra e nas autobiográficas ou referidas á súa familia (28 textos); nas demais, a súa participación efectiva consistiría na programación xeral do proxecto, a orientación no desenvolvemento e a revisión definitiva do traballo” explica.
Saliéntase a extraordinaria significación das súas achegas senlleiras á cultura hispánica e á lingua galega. O seu brillante labor cultural valeulle o alcume de “Sabio”, coa que pasou á posteridade e que ninguén lle pode, en xustiza, disputar.
A entrada incorpora numerosos documentos (bibliográficos, sonoros e audiovisuais) que o Consello da Cultura Galega elaborou arredor da figura do monarca e o seu vínculo con Galicia e a cultura galega.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 680 entradas, das cales as máis recentes son as de Alejandro Viana Esperón, Gustavo Pernas Cora, Hijas de Galicia e Inocencio Schmidt de las Heras.
As biografías están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. É, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que dende 2005 se publicaron álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.

