“O carácter vibrante da poesía de Aurelio Aguirre, a súa capacidade para a improvisación (unha virtude para a estética romántica), a adhesión á causa da liberdade ou a expresión máis pura das emocións, deulle axiña un alcume: o Byron galego” explica Xurxo Martínez na entrada biográfica. A figura romántica alimentou a lenda do seu "suicidio por amor" que solapou morte real, acontecida por un accidente na praia de Santo Amaro, na Coruña.
Na entrada, o autor fai un repaso pola traxectoria de Aguirre. Destaca que no ámbito social, foi moi popular pola “súa presenza nos obradoiros de artesáns, declamando versos e lanzando proclamas progresistas, ou a súa docencia entre as prostitutas, ás que alfabetizaba fronte a rexoubes e desprezos”. Tamén amosou un compromiso político moi destacado no Banquete de Conxo, en 1856, que pretendía ser unha demostración de forza pública republicana para enviar unha mensaxe aos progresistas de Galicia de que a alianza entre eles era o camiño certo. Naquel banquete, fórmula adoptada para sortear a lei nun momento no que estaban prohibidos os mitins, Aguirre recitou poesías xunto con Eduardo Pondal e Luís Rodríguez Seoane. Unha participación pola que foi duramente represaliado.
Tamén se fala da relación do poeta con Rosalía. No ambiente de El Liceo de la Juventud, institución herdeira da Academia Literaria dos Faraldo, Romero Ortiz ou Añón, Aguirre establece contacto estreito con Manuel Murguía, Luís Rodríguez Seoane, Eduardo Pondal e Rosalía de Castro, entre outros. Precisamente a Rosalía dedicoulle un poema en vida ao que ela correspondeu con outro no álbum de homenaxe publicado tras a súa morte. No texto, Xurxo Martínez tamén apunta a idea de que pode ser o propio Aurelio Aguirre a “negra sombra” de Rosalía.
A entrada do Álbum conta tamén con documentación que inclúen poemas, ligazóns a outras entradas biográficas sobre o autor e a audiovisuais sobre o Banquete de Conxo.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 680 entradas, das cales as máis recentes son as de Gustavo Pernas Cora, Hijas de Galicia, Inocencio Schmidt de las Heras ou Afonso O Sabio, X de Castela e IX de León-Galicia.
As biografías están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. É, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que dende 2005 se publicaron álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.

