Agadic convoca novas axudas para o audiovisual galego
31/8/2023
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca unha liña de axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos para o ano 2023, na que estarían incluídos aqueles en versión orixinal en lingua galega. En concreto, serán subvencionables: Proxectos de longametraxe cinematográfica previstos para ter unha duración mínima de 60 minutos, de ficción, animación ou documental de carácter creativo; Proxectos de series de ficción previstos para ter unha duración total mínima de 150 minutos; Proxectos de series de animación previstos para ter unha duración total mínima de 100 minutos; e Proxectos de series documentais previstos para ter unha duración total mínima de 100 minutos.
Entre os requisitos esixidos sinálase que os proxectos deben ter como versión orixinal calquera das linguas oficiais en España. No caso das coproducións con empresas estranxeiras, a longametraxe poderá ter como versión orixinal algunha das linguas oficiais da Unión Europea.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 11 de setembro de 2023.