NOTICIA

----

O CCG colabora co Festiletras que arrinca hoxe en Ponteceso

O Consello da Cultura Galega (CCG) recunca na súa colaboración coa Fundación Pondal para o Festiletras co espectáculo Circo galaico de Títeres Alakrán. A actuación terá lugar este venres, 1 de setembro, primeiro día deste festival que leva case corenta anos promovendo a cultura no rural.

A colaboración que anualmente establece o Consello da Cultura Galega coa Fundación Pondal para a realización do Festiletras leva nesta edición de 2023 o espectáculo “Circo galaico” de Títeres Alakrán á Aldea do Couto en Ponteceso. Trátase dun espectáculo de variedades conducido por un presentador que será o mestre de cerimonias de clásicos e insólitos números de circo.

En anteriores edicións o CCG promoveu actuacións de Celso Fernández Sanmartín e de Os quinquilláns no marco deste certame.

A compañía
Títeres Alakrán nace no ano 2003 a cargo do titiriteiro, actor e escultor Borja Insua. Desenevolven espectáculos propios que abranguen distintas técnicas (luva, barilla, sombras chinesas, fíos) e xéneros, tanto para nenos coma para adultos. Os principais espectáculos da compañía, ademáis de Circo Galaico, son: A pita xefa (próxima estrea!); Desconexión; Finisterrae: O último ultramarinos; Barrigaverde ataca de novo; Os soños na gaiola; Pequeko Kabaret de tolos!; Mr. Pancho e a última función; El retablillo de don Cristóbal; Os títeres da vía láctea; O ferreiro e o diaño, e Amor e crimes de Juan Pantera.

Borja Insua (Corcubión, 1982) estuda o Ciclo Superior de Escultura na Escola de Artes Aplicadas e Oficios Mestre Mateo en Santiago de Compostela, e iníciase no teatro profesional con Talía Teatro. En Barcelona especialízase na técnica de fío no grupo–taller de marionetas do mestre titiriteiro Pepe Otal. Borja Insua é actor, titiriteiro e escultor. Na súa compañía Títeres Alakrán leva vinte anos adicado ao teatro profesional de títeres, Coas súas obras, ten participado en festivais internacionais de todo o mundo.