NOTICIA

----

A fotógrafa Ruth Matilda Anderson entra no Álbum de Galicia

No ano 1921, a Hispanic Society encomendou á fotógrafa Ruth Matilda Anderson o labor de viaxar á Península Ibérica para desenvolver un traballo de documentación baseado, nomeadamente, no fotografado do traxe tradicional e outras manifestacións da cultura material galega. Desa encomenda saíron diferentes viaxes que construír a documentación máis completa que unha persoa estranxeira erguera nunca sobre o noso país. A historia da fotógrafa americana e o seu legado entra agora no Álbum de Galicia, a colección de biografías dixitais do Consello da Cultura Galega (CCG), nunha entrada asinada por Vitor Vaqueiro.

Ruth Matilda Anderon estivo, sumando as diferentes estadías, case ano e medio por Galicia. Nese período, explica Vitor Vaqueiro, “construíu a documentación máis completa que unha persoa estranxeira erguera nunca sobre o noso país”. Tirou unhas sete mil fotografías nas que convivían as perspectivas de autora e coleccionista, alén de marcar a distintos fotógrafos galegos preto de outras tres mil. Todo ese material, que documentaba a as manifestacións da cultura tradicional galega, foron parar aos fondos da colección da Hispanic Society of America. Daí saíron dous volumes, destacando Gallegan provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña, que viu a luz na cidade de Nova York en 1939. Nel publicáronse 682 imaxes, un longo texto mais tamén fotografías de coñecidos autores galegos, como Ksado, Sarabia, Pacheco e Ferrer, ao pé dos madrileños Ruiz Vernacci e Mariano Moreno ou dos fotógrafos cataláns que configuraron o Arxiu Mas. Gallegan provinces of Spain insire tamén obras de pintores como Sorolla ou Álvarez de Sotomayor, xunto con outros elementos, algúns deles procedentes de institucións como o Metropolitan Museum of Art de Nova York, ou da Kunstverlag de Viena, alén, como é lóxico, da propia Hispanic Society. Entre estes elementos áchanse gravados, obxectos artísticos tridimensionais, documentos, planos ou partituras musicais.

Explica Vaqueiro que “aínda que, inicialmente, se encomendara á fotógrafa, segundo se dixo, un traballo centrado no traxe tradicional e outros aspectos moi concretos, Ruth Matilda Anderson elaborou unha panorámica do país da que, practicamente, nada se esquecía: as cidades e vilas, o traxe, a arquitectura tradicional e relixiosa, o traballo artesanal, os mercados e feiras, o mar, a vida mariñeira e a labrega, os vendedores ambulantes, os oficios, os interiores pacegos, as largacías visións da paisaxe, o retrato das xentes, a festa tradicional”. Na entrada, Vaqueiro destaca tamén que alén da súa ollada fotográfica, Ruth debeu desenvolver unha gran capacidade de conexión que lle permitiu ter acceso tanto ao interior de casas populares, como a coñecer nomes do panorama cultural da época, como “César Vaamonde Lores, arquiveiro-bibliotecario da Academia Galega que lle facilitara documentos en que figuraban as sinaturas de Xelmírez e dona Urraca”, tal e como figura na entrada.

A presenza no país de Anderson, acompañada da moza neoiorquina Frances Spalding, espertou unha grande atención polo seu feito de ser mulleres novas, autónomas e profesionais que contrastaba moito coa situación do momento en Galicia. Un feito que recolleron diferentes medios da época como El Compostelano. A entrada conta tamén con diferentes imaxes así como ligazóns a artigos e vídeos nos que se pode profundar sobre esta fotógrafa.


Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 680 entradas, das cales as máis recentes son as de Gustavo Pernas Cora, Hijas de Galicia, Inocencio Schmidt de las Heras ou Afonso O Sabio, X de Castela e IX de León-Galicia.
As biografías están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas.

Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. É, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que dende 2005 se publicaron álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.