"A diferenza desoutros líderes do rexionalismo galego (Manuel Murguía e Alfredo Brañas), Aureliano Pereira naceu nun casal de recursos limitados sito na actual rúa Armanyá 29 de Lugo. Estas carencias impediron a progresión académica: non fixo estudos superiores" explica Xurxo Martínez sobre os inicios da vida dun home que botou man das letras, lendo e escribindo para ocupar un posto na esfera pública. "A súa literatura abala entre a poesía e a prosa política pasando polo conto, tanto en galego como en castelán" profunda Xurxo Martínez.
Colaborador asiduo de prensa, tivo sempre unha clara vocación política. Na biografía destácase que formou parte da comisión encargada de redactar o "Proyecto de constitución para el futuro Estado Gallego, un texto case esquecido entre nós pero crucial para o republicanismo federal da nosa terra. O citado proxecto aprobarase na asemblea de Lugo celebrada entre o 2 e o 7 de xullo de 1887". Nesa teima organizativa, Aureliano propuxo constituír unha sorte de Academia Galega encargada de ser un soporte institucional para a cultura do país. E aquí entra o reto da lingua: a ortografía, a gramática, o dicionario… Foi no marco dun discurso que fixo en decembro de 1886 no Círculo das Artes de Lugo.
Da súa vocación literaria, a entrada explica que escribiu obras en galego como "Cousas da aldea", "Terra a miña", "A cova da serpe", entre outros, que tiveron nalgúns casos boa acollida. Cultivou o ensaio, a novela e tamén foi autor dramático. Ademais, tamén gañou algún certame literario.
As súas ideas foron moi avanzadas ao seu tempo. Á altura de 1895 defendía, por exemplo, a severa defensa dos dereitos da muller, a preocupación polas clases populares, a diagnose estrutural das causas da emigración… moi afatadas das preocupacións da época.
Aureliano morreu eu Madrid, en 1906, cidade á que se trasladou para traballar como funcionario do Ministerio de Fomento. A súa entrada está ilustrada coa portada do “Proyecto de Constitución para el futuro estado gallego: formulado por su Consejo Ejecutivo el 24 de mayo de 1883” que se garda na Real Academia Galega e inclúe documentos e ligazóns que permiten afondar na súa figura e no contexto no que viviu.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 680 entradas, das cales as máis recentes son as de Gustavo Pernas Cora, Hijas de Galicia, Inocencio Schmidt de las Heras ou Afonso O Sabio, X de Castela e IX de León-Galicia.
As biografías están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. É, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que dende 2005

