Ata o sábado reúnense en Ourense un centenar de representantes de entidades galegas espalladas por todo o mundo para analizar a situación da colectividade galega do exterior e as súas necesidades, así como o papel da Xunta no apoio a estes centros para a promoción da cultura e lingua galega no mundo, nunha cita, que se celebra cada tres anos desde hai máis de tres décadas. Nesta XIII xuntanza tamén se falará da orientación futura das políticas de retorno que facilitan o regreso dos galegos do exterior a Galicia.
O xerente do CCG falará de Diásporas. Museo das Migracións galegas é o título do documento que se pode consultar no web da institución que recolle os contidos e orientacións que debe ter este centro destinado a acubillar a memoria da emigración galega. O documento, que tamén propón outras denominacións para este espazo, insiste en que este centro debe “salientar as dimensións documental (arquivo, biblioteca, hemeroteca, fototeca, filmoteca, videoteca, discoteca, audioteca), preservadora, expositiva, investigadora, divulgativo-comunicativa, didáctico-educativa e dinamizadora comunitaria (interactivo-participativa e aberta aos legados e pegadas das migracións presentes na comunidade, vertente coa que debe conectar o seu discurso museolóxico e a súa proposta museográfica por medio de roteiros e itinerarios externos [arquitectura, industria, comercio, obras públicas varias, servizos, epigrafías, nomenclaturas]). Esta apertura social, cando menos de maneira virtual, non só debería facerse efectiva nos lugares de orixe dos e das emigrantes, senón tamén proxectarse visualmente nos espazos de destino”. Tamén lembrará o proxecto Escolas da Emigración, que rescata as construcións escolares financiadas desde a emigración.
O Repertorio da prensa da emigración galega
Neste mes de setembro incorpórase os 58 números de “El Eco de Teo” publicado en Bos Aires polas sociedades de emigrantes do distrito de Teo e Vedra en Arxentina.
Esta revista xorde a raíz da escisión da Federación de Residentes de Teo que ten lugar na asemblea do 26 de decembro de 1916, que mantiña unha publicación que se chamaba “Teo”. Aínda que os seus contidos non difiren moito da revista orixinal, obsérvase unha maior preocupación galeguista nesta revista, sobre todo nos seus colaboradores. Hai tamén información sobre a marcha das sociedades de emigrantes da comarca de Santiago e doutras zonas de Galicia existentes en Bos Aires (son as seccións «Nuestras sociedades» e «Sociedades Regionales»). Outras seccións serían «Temas de siempre», «Reflexiones» de J. Buela, ou «Orientaciones» de Cándido Mogo, entre outras.
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG). Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.


