Esta edición dos Encontros Monográficos busca explorar o binomio arquitectura/ámbito rural, xunto con algunhas intervencións dirixidas a poñer en valor o territorio e o patrimonio cultural, e, como obxectivos específicos, os seguintes: analizar a importancia do patrimonio arquitectónico no desenvolvemento e preservación das comunidades rurais, indagar o papel da New European Bauhaus na promoción da cultura e o patrimonio no ámbito rural e identificar os desafíos e oportunidades na preservación do patrimonio arquitectónico en zonas rurais.
A xornada arrinca cun relatorio de da arquitecta doutora Marina Otero Verzier. Otero é e profesora visitante na Graduate School of Architecture, Planning and Preservation (GSAPP) da Columbia Universit, foi directora de Investigación de Het Nieuwe Instituut (Museo Nacional Holandés de Arquitectura, Diseño e Cultura Dixital, que conta co Archivo Nacional de Arquitectura), en Rotterdam e directora do Social Design Masters en Design Academy Eindhoven. Baixo o titulo de “Desexos compartidos” falará de imaxinar novas culturas enerxéticas e arquitecturas de coidado colectivo para abrazar unha forma diferente de estar no mundo.
De seguido, Cristina García Fontán explicará o proxecto de recuperación dos Baños de San Xusto (Cededo-Cotobade) que rescata unha contorna fluvial de gran beleza e a posta en valor dunhas augas mineiro-medicinais. A recuperación deste patrimonio industrial conflúe con moitas iniciativas culturais e valores naturais da contorna, para dar lugar a un proxecto de varias escalas, incluíndo o desenvolvemento dun Pacto pola Paisaxe.
A terceira intervención corre a cargo de Teresa Táboas e baixo “TRANSECTO. Arquitecturas para territorios resilientes” propón unha reflexión para repensar o esquema xa caduco cidade-campo, rural-urbano.
A xornada remata cunha mesa redonda na que participan as tres relatoras moderadas por Fran Quiroga, investigador e coordinador xeral de Concomitentes, unha entidade que produce obras de arte partindo de demandas ou desexos cidadáns.
Colaboración coa Fundación María José Jove
As presidentas do Consello da Cultura Galega e a Fundación María José Jove, Rosario Álvarez e Felipa Jove asinaron en xaneiro de 2021 un acordo de colaboración para desenvolver accións e actividades que para contribuír a analizar e promover o patrimonio cultural e natural de Galicia, especialmente no ámbito da sustentabilidade.
Ao abeiro deste convenio, en 2022 desenvolveron primeiro a xornada “O poder dos museos” que contou coa participación de Borja Villel, daquela director do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía. Nese mesmo ano en outubro, colaboraron na organización do I Foro "Transruralismo e arte. Fronte ás novas políticas de conectividade, vínculos afectivos e sustentabilidade", en Outeiro de Rei Vilela (Os Ancares), onde se xuntaron unha trintena de artistas, comisarios e investigadores e especialistas que viven, practican ou están comprometidos co medio rural dentro e fóra de Galicia.
Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural
Este ciclo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, que se organiza con carácter periódico desde o ano 2015, ten como obxectivo analizar e caracterizar os bens patrimoniais, así como poñer o foco na formulación de tipos de protección deses bens e nas iniciativas postas en marcha para a súa divulgación e socialización. O Museo das Peregrinacións, o Camiño de Santiago, as fortificacións romanas, as igrexas medievais, o patrimonio da transición democrática ou o casco vello de Vigo centraron sesións anteriores deste ciclo.



