A Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza o vindeiro martes (30 de setembro, 16:15 horas) unha xornada dedicada a analizar os retos e oportunidades do marisqueo de Galicia, unha actividade esencial da identidade cultural do noso país. A cita titúlase “O marisqueo en Galicia: tradición, ciencia e desenvolvemento económico” e aborda a perda preocupante de produtividade dos parques marisqueiros de Galicia por mor da contaminación, cambio climático e especies invasoras. Alicia Estévez Toranzo coordina esta sesión que xunta responsables de centros de investigación, universidades e administracións. Está aberta a inscrición desta cita presencial que tamén se pode seguir en directo desde o web corporativo e a canle de YouTube da institución.
26/09/2025


