Noticias

Arquivo da Emigración Galega (CCG). Rexistros181 a 206 de 206
06/02/2013

Ata o 28 de xuño o MUPEGA acolle a exposición “Luces de Alén Mar. As Escolas de americanos en Galicia”, do Consello da Cultura Galega

A exposición “Luces de Alén Mar. As Escolas de Americanos en Galicia”, promovida polo Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo da Emigración Galega, e coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración, foi inaugurada o 6 de febreiro ás 20 horas no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), sito na avenida de San Lázaro, 107, en Santiago de Compostela. A mostra, que salienta o instrutivo compromiso solidario dos emigrantes galegos, permanecerá nese espazo ata o vindeiro 28 de xuño. No acto inaugural estarán Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura; Antonio Rodríguez Miranda, Secretario Xeral de Emigración, e Vicente Peña Saavedra, comisario da mostra. Previamente, ás 10 horas, houbo unha visita guiada, na que aos mencionados se uniu Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
18/01/2013

A mostra “Nós mesmos-Asociacionismo galego na emigración”, inaugúrase mañá no Centro Galego de Barcelona

A exposición “NÓS MESMOS. ASOCIACIONISMO GALEGO NA EMIGRACIÓN”, realizada polo Consello da Cultura Galega a través do seu Arquivo da Emigración Galega, poderá verse desde o 19 de xaneiro ata o 20 de febreiro no Centro Galego de Barcelona (Rambla Caputxins, 35-37). A mostra, que xa percorreu diferentes países de Europa e América, será inaugurada o sábado día 19 ás 19´30 horas polo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, xunto co titular do Centro Galego de Barcelona, Manoel Carrete, e o Delegado Territorial da Generalitat, Salvador Jordá. Asistirán tamén presidentes e directivos de distintas sociedades e entidades relaiconadas coa emigración.
03/10/2012

O Consello da Cultura Galega participa en dous proxectos da Asociación de Institucións para as Migracións Europeas (AEMI)

O Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo da Emigración Galega, participará no desenvolvemento de dous proxectos impulsados pola Asociación de Institucións para as Migracións Europeas (AEMI). Trátase do “Migraport”, portal das migracións europeas, e da “Historia migratoria europea 1800-2010”. O Arquivo da Emigración Galega, que tomou parte na conferencia anual da AEMI, a finais do pasado setembro en Cracovia (Polonia), incorporouse a esta asociación internacional coincidindo coa asemblea celebrada en Bilbao en 2010.
01/08/2012

Ortigueira, primeira escala da exposición “Luces de Alén Mar. As Escolas de americanos en Galicia”, do Consello da Cultura Galega

A exposición “Luces de Alén Mar. As Escolas de Americanos en Galicia”, promovida polo Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo da Emigración Galega, foi inaugurada o venres 3 de agosto ás 21´30 horas na Casa Consistorial de Ortigueira. A mostra, que salienta o instrutivo compromiso solidario dos emigrantes galegos, inicia así o seu percorrido por Galicia. Á inauguración asistirán o alcalde de Ortigueira, Rafael Girón, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares.
28/06/2012

Ramón Villares defendeu no Consello de Comunidades Galegas a creación dunha axencia independente para a acción cultural exterior de Galicia

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, defendeu no X Pleno do Consello de Comunidades Galegas e creación “dunha axencia de carácter independente que promova a acción cultural exterior, para evitar duplicidades e asignar mellor os recursos”. Niste senso, considerou “fundamental a utilidade dos centros galegos creados na diáspora porque poden adoptar un novo perfil axeitado ás necesidades dunha sociedade amplamenmte globalizada”. Villares, responsable do relatorio sobre “Cultura, asociacionismo e acción exterior”, precisou que as iniciativas neste campo “son unha base fundamental para establecer unha imaxe-marca de país e deben ser entendidas no marco da chamada diplomacia branda ou diplomacia cultural”. Abogou tamén pola progresiva conversión dos centros galegos “en lugares de prestación de servizos, tanto para as colectividades dos asociados como para o resto dos residentes, actuando como unha antena de Galicia e da súa cultura”.
29/06/2012

Os fondos documentais dixitalizados do escritor Silvio Santiago pasarán ao Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura

O fondo documental dixitalizado do arquivo persoal de Silvio Santiago (Vilardevós-Ourense, 1903-Santiago de Compostela, 1974) pasará ao Arquivo da Emigración Galega, do Consello da Cultura Galega, segundo o acordo asinado por Silvia Santiago, filla do escritor e o presidente da institución, Ramón Villares. O fondo agrupa 3.378 imaxes, máis de mil cartas, fotografías, documentos sonoros e textos inéditos do dirixente político e societario, republicano e galeguista, empresario, activista cultural, impulsor de medios de comunicación e escritor, autor de obras como “Vilardevós” ou “O silencio redimido”. Unha emocionada Silvia Santiago agradeceu ao CCG “a oportunidade de abrir as portas á memoria de meu pai”. Ramón Villares expresou o recoñecemento da institución por “este acto de xenerosidade e exemplar contribución á cultura galega”.
22/06/2012

A exposición “Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración”, inaugúrase hoxe en Xenebra por iniciativa do Consello da Cultura Galega e a Sociedade “A Nosa Galiza”

A exposición “NÓS MESMOS. ASOCIACIONISMO GALEGO NA EMIGRACIÓN”, realizada polo Consello da Cultura Galega a través do seu Arquivo da Emigración Galega, poderá verse desde hoxe ata o vindeiro 22 de xullo en Xenebra (Suiza), por iniciativa da Sociedade Cultural e Deportiva “A Nosa Galiza”.
A mostra, que xa percorreu diferentes países de Europa e América, será inaugurada hoxe ás 20 horas polo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, xunto co presidente da Sociedade “A Nosa Galiza”, Manuel Vilariño.


23/03/2012

Montevideo e o Patronato da Cultura Galega acollen a exposición OS ADEUSES, fotografías da epopea migratoria galega, de Alberto Martí

O presidente do Consello da Cutlura Galega, Ramón Villares, inaugurou hoxe no Patronato da Cultura Galega, en Montevideo (Uruguai) a exposición itinerante “OS ADEUSES, 73 imaxes da emigración galega (1957-1963)” captadas polo fotoxornalista Alberto Martí. A mostra, promovida e organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), percorreu toda Galicia en 2011. Ramón Villares continúa así o periplo que persoalmente iniciou en Bos Aires o 19 de marzo e que rematará en Sao Paulo o vindeiro día 27.
16/03/2012

Ramón Villares presentará o libro “Luís Seoane, entre Galicia y la Argentina” no Museo de Arte Latinoamericano de Buenos Aires

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, ponunciará conferencias en Bos Aires e Sao Paulo e inaugurará unha exposición en Montevideo. Na capital arxentina presentará o libro “Luís Seoane, entre Galicia y la Argentina” nun coloquio previsto para o 21 de marzo no Museo de Arte Latinoamerixcano de Buenos Aires (MALBA). En Montevideo inagurará a exposición “Os Adeuses. 73 imaxes da emigración galega (1957-1963” o día 23 no Patronato da Cultura Galega e, finalmente, o día 26 de marzo en Sao Paulo, no Instituto Itaú Cultural, dirixirá un seminario sobre “Institucións e cooperación cultural”.
01/03/2012

Ramón Villares, Benxamín Casal e Claudio Rodríguez Fer presentaron en Lugo o libro "Luís Seoane entre Galicia e Arxentina"

A Galería Sargadelos, (Praza de Santo Domingo, 4 de Lugo) acolleu o 29 de febreiro ás 20 horas a presentación do libro EMIGRANTE DUN PAÍS SOÑADO. LUÍS SEOANE ENTRE GALICIA E ARXENTINA, editado polo Consello da Cultura Galega. O libro subliña a “dobre cidadanía” que marcou a biografía de Luís Seoane “combinando unha idea concibida desde Galicia coa achega dunha perspectiva propiamente arxentina”, en palabras de Ramón Villares, quen alén da dimensión artistica salientou a figura do intelectual "un ideólogo cun proxecto cultural para modernizar Galicia".
Na presentación xunto con Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega e editor do libro, interviron Benxamín Casal, presidente da Editorial Galaxia e o profesor da USC e escritor Claudio Rodríguez Fer.
23/12/2011

O Consello da Cultura Galega continuará en 2012 a súa acción exterior con atención especial ao Brasil e a Valentín Paz Andrade

O Consello da Cultura Galega continuará en 2012 as súas estratexias de acción exterior, nomeadamente no Brasil, coa exposición Valentín Paz Andrade, unha antena galega no Brasil. Proseguirá tamén, nun marco de importantes restriccións orzamentarias, as funcións de alta asesoría en materia cultural, os traballos de recuperación patrimonial e a realización de informes e debates que tendan pontes entre o sector cultural e a sociedade galega. O Plenario da institución, que preside Ramón Villares, aprobou o Plan de actividades e os orzamentos para o exercicio do 2012.
13/12/2011

O Consello da Cultura Galega presentou na Coruña as Actas do Congreso Internacional “Luís Seoane. Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía”

A Fundación Luís Seoane acolleu hoxe o acto de presentación das Actas do Congreso Internacional "Luís Seoane. Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía", celebrado en abril de 2010 e coorganizado co Consello da Cultura Galega. O libro agrupa en 500 páxinas as 16 contribucións dos relatores galegos e arxentinos. Na presentaciòn interviron o Alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e o Presidente do Consello da Cultura Galega e editor da obra, Ramón Villares.
12/12/2011

Luciano Concheiro, fillo de exiliado galego en México: "É urxente recuperar a memoria do exilio heredado"

"Urxe recuperar o exilio, a memoria do exilio heredado, para a mellor memoria do país que o causou". A emoción subliñou particularmente estas palabras de Luciano Concheiro, profesor e investigador da Universidad Autónoma Metropolitana de México, que hoxe impartiu no Consello da Cultura Galega un seminario sobre "O exilio republicano en México".

02/09/2011

Inaugurada na Pobra do Caramiñal a exposición OS ADEUSES, 73 fotografías da epopea migratoria galega captadas por Alberto Martí

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) inauguraron o 2 de setembro na Casa da Cultura da Pobra do Caramiñal (A Coruña), a exposición itinerante “OS ADEUSES, 73 imaxes da emigración galega (1957-1963)” captadas polo fotoxornalista Alberto Martí. O acto contou coas presenzas de Isaac Maceira, Alcalde de Pobra do Caramiñal, Ramón Villares, presidente do CCG, José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié e Banco Pastor, Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, e Alberto Martí. A exposición estará na Pobra do Caramiñal ata o 20 de setembro. Con anterioridade puido verse na Coruña, Vigo e Santiago de Compostela.
06/07/2011

As Actas do Congreso “Emigración e Educación" reúnen achegas para entender o binomio Galicia-Emigración

“Galicia sería díficil de entender sen emigración, pero moito máis difícil sería imaxinala de non se ter producido esta profunda e sostida onda migratoria, que vencellou estreitamente a imaxe dos galegos no mundo con tantos outros pobos europeos -e non europeos- que tamén foron países de emigrantes”. Así o ve Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega e catedrático de Historia Contemporánea da USC, no seu traballo “Vellas e novas formas de entender a emigración”, que abre as Actas do Congreso “Emigración e Educación (1900-1936)”, libro presentado hoxe no Consello da Cultura Galega.
30/06/2011

Ramón Villares clausurou en Las Palmas a exposición "Nos mesmos. Asociacionismo galego na emigración"

O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, clausurou hoxe ás 20 horas no Real Club Náutico de Las Palmas de Gran Canaria a exposición NÓS MESMOS. ASOCIACIONISMO GALEGO NA EMIGRACIÓN. A mostra, realizada polo CCG a través do seu Arquivo da Emigración Galega, foi inaugurada o pasado 17 de xuño. Con anterioridade percorreu diferentes paísess europeos e americanos.
06/06/2011

Inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición OS ADEUSES, 73 fotografías da epopea migratoria captadas polo fotoxornalista Alberto Martí

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2011.- O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) inauguraron hoxe no Museo do Pobo Galego (MPG), en San Domingos de Bonaval, a exposición OS ADEUSES, 73 imaxes da emigración galega (1957-1963) captadas polo fotoxornalista Alberto Martí. O acto contou coas presenzas de Ramón Villares, Presidente do CCG, Fernando Acuña, vicepresidente do Padroado do MPG, Antonio Aguarón, subdirector xeral de Emigración, Alfonso Cabaleiro, Secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia e Alberto Martí. A exposición poderá contemplarse en Compostela ata o 26 de xuño. Con anterioridade puido verse en A Coruña e Vigo.
11/04/2011

Vigo acolle o retrato da epopea migratoria da man das fotografías de Alberto Martí

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) inauguraron o venres 8 de abril ás 20 horas na sede da Fundación Barrié de la Maza, en Vigo (rúa Policarpo Sanz, 31) a exposición OS ADEUSES, 73 imaxes da emigración galega (1957-1963) captadas polo fotoxornalista Alberto Martí.
14/02/2011

O catedrático de Historia Contemporánea Xosé Manoel Núñez Seixas, “Consello da Cultura Galega Visiting Professor” na Universidade de Stanford

Xosé Manoel Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e membro do Arquivo da Emigración Galega, do Consello da Cultura Galega, encóntrase dende o pasado 2 de xaneiro na Universidade de Stanford (California, EUA) como "Consello da Cultura Galega Visiting Professor" adscrito ao Center for Iberian and Latin American Studies.
01/02/2008

O debate sobre o voto emigrante plantexou de novo as diferencias entre PSOE, PP e BNG

17/04/2008

O Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega colaborará na posta en marcha do Museo da Inmigración de Buenos Aires

08/05/2008

O Consello da Cultura Galega catalogará as escolas construídas e financiadas polos emigrantes en Lugo e Ourense

04/12/2009

Ramón Villares participará no Pleno do Consello de Comunidades Galegas e inaugurará, co Presidente da Xunta, a exposición "Nós mesmos" en Montevideo

14/12/2009

O Consello da Cultura Galega presentará o día 17 un informe para a creación do "Museo das Migracións"

17/12/2009

O Consello da Cultura Galega suxire que o futuro "Museo das Migracións" podería integrarse na Cidade da Cultura, como ponte Europa-América

05/04/2010

Ramón Villares e Roberto Varela inauguran o 6 de abril o congreso internacional "Luís Seoane. Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía"

06/04/2010

"O galego Luís Seoane deixou marcas tan fondas que forma parte do panorama artístico arxentino", afirmou Beatriz Sarlo