Ramón Villares e Roberto Varela inauguran o 6 de abril o congreso internacional "Luís Seoane. Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía"

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2010.- O congreso internacional “Luís Seoane. Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía”, será inaugurado o martes 6 de abril ás 10 horas no Consello da Cultura Galega nun acto que presidirán Ramón Villares, presidente da institución, e Roberto Varela, conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia. Estarán presentes tamén Alberto Ruiz de Samaniego, director da Funcdación Luís Seoane, coorganizadora do evento xunto co CCG, e Silvia Longueira, en representación do concello da Coruña. A conferencia ianugural será impartida por Beatriz Sarlo (Universidade de Buenos Aires) quen falará sobre “As Arxentinas de Luís Seoane”. As sesións terán lugar durante tres días no CCG e o venres día 9 concluirán na Fundación Luís Seoane, na Coruña.

Esta primeira sesión matinal contará asemade ás 12´30 horas co relatorio de María Luís Sobrino (Universidade de Santiago) sobre “O fardel galego de Seoane ata 1936”.
Pola tarde a partir das 16´30 horas intervirán: Hernán M. Díaz (Federación de Sociedades Galegas-Buenos Aires), que se referirá a ”Galicia en Buenos Aires. Institucións e redes culturais da emigración galega”, e Xosé M. Núñez Seixas (Universidade de Santiago) sobre “Política dos exiliados e política dos emigrados: convivencia e conflito”.

Os días 7 e 8 de abril proseguirán as conferencias e os coloquios no Consello da Cultura Galega coas intervencións de: Fernando Devoto, Luís Alberto Romero, Diana Wechsler, Rodrigo Gutiérrez Viñuales, Manuel Castiñeiras, Rosario Portela Yáñez, Arturo Casas e Xosé Luís Méndez Ferín.

O venres día 9 as actividades trasladaranse á Crouña, á sede da Fundación Luís Seoane, onde presentarán os seus relatorios Xusto Beramendi e Antón Patiño (artista visual) e Ramón Villares, presidente do CCG, clausurará o congreso co conferencia “As Galicias de Luís Seoane”. Por último, procederase a inaugurar a exposición “Luís Seoane: a configuración do posible”.

O congreso trata de rescatar a figura poliédrica de Luís Seoane (artista, escritor, deseñador, xornalista) e a súa acción creativa nunha dobre dirección territorial e cultural, entre a emigración e o exilio, e as súas dimensións como axente creativo e construtor dun proxecto cultural de intensa repercusión e influencia.

É esta a primeira actividade programada polo Consello da Cultura Galega e a Fundación Luís Seoane con motivo do primeiro centenario do nacemento dunha figura sobranceira da cultura galega. Ao longo do ano seguirán outros tres encontros en colaboración coas tres universidades de Galicia.

O detalle do programa do congreso pode verse e/ou descargarse en (www.consellodacultura.org)