Mañá comeza “Nacionalismo e diáspora” o terceiro congreso internacional do Consello da Cultura Galega (CCG) que revisa o fenómeno das Irmandades da Fala. Esta terceira cita pretende revisar o galeguismo na diáspora, analizando as súas características coas semellanzas e diferenzas dos nacionalismos europeos. Ramón Villares e Xosé Manuel Núñez Seixas son os coordinadores desta cita que se pode seguir en directo desde o web da institución.
03/10/2018
26/09/2018
Preparación previa, estratexia decidida, un bo produto, un catálogo coherente e, por suposto, moito traballo. Estas son algunhas das claves que os editores galegos deron hoxe no marco dunha xornada sobre a internacionalización do libro galego organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG). Canda eles, os representantes de dúas feiras profesionais como Frankfurt ou Líber explicaron as claves do seu modelo e animaron ao sector a seguir ese camiño. A cita encadrábase no marco dunha liña de traballo do CCG que, segundo indicou a presidenta Rosario Álvarez na inauguración, busca axudar a mellorar a estratexia de difusión da cultura galega.
25/09/2018
O Consello da Cultura Galega (CCG) acolle mañá, mércores 26, unha xornada encamiñada a dar as claves e facilitar os contactos para promover a internacionalización da nosa industria editorial. A cita está organizada pola Comisión de Acción Exterior do CCG en colaboración coa Asociación Galega de Editoras e xunta en dúas sesións a representantes de destacadas feiras profesionais como Frankfurt ou Líber co sector editorial galego. O encontro poderase seguir en directo polo web da institución. Nesta mesma liña de traballo, o CCG acolleu hoxe un encontro que xuntaba responsables da edición galega e portuguesa para ver a posibilidade de establecer pontes entre ambos os mercados.
21/09/2018
O Consello da Cultura Galega (CCG) pecha este mes de setembro con tres actividades que permiten afondar no coñecemento da realidade cultural galega. A primeira delas terá lugar o martes 26 en Vigo, estreando un cambio de formato dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural e que pretende analizar “in situ” diferentes cuestións patrimoniais. O mércores 27 a sede acollerá unha xornada que pretende sentar as bases da internacionalización do libro galego, para dar paso a do xoves, centrada en coñecer o papel dos montes como peza fundamental na ordenación do territorio. Todas as actividades teñen aberto prazo de inscrición que se pode formalizar a través do web da institución.
12/09/2018
Tres escritoras, tres países e un nexo común: o Atlántico. “Conversas transatlánticas” é un coloquio do Consello da Cultura Galega (CCG) que xunta na mesma mesa a tres representantes das letras galegas, arxentinas e cubanas nas persoas de Inma López Silva, María Rosa Lojo e Mirta Yáñez. María Xosé Porteiro presenta este programa que pretende ver como as letras tamén plasmaron os movementos migratorios. A cita, que terá lugar mañá xoves na biblioteca da institución, abre a programación de actividades prevista para as vindeiras semanas, entre as que destaca a estrea dun novo formato dos habituais “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” que se traslada ata os espazos que analiza.
24/05/2018
Nun emotivo acto celebrado no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega, entregáronse hoxe pola mañá as primeiras Medallas de Honra do Consello da Cultura Galega. Os galardoados foron Pablo Figueroa Dorrego, Ana Paula Leborinho e, a título póstumo, Francisco Lores Mascato. As medallas foron entregadas por Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia e Alberto Núñez Feijóo, presidente de honra do Consello da Cultura Galega e da Xunta de Galicia.
10/01/2018
O Consello da Cultura Galega celebrou no serán deste martes unha sesión plenaria ordinaria na que se aprobou un informe sobre o Centro Gallego de Bos Aires, no que considera que merece o máis algo grado de protección xurídica sobre o patrimonio cultural que custodia. Ademais, tamén aprobou outro sobre o Museo Carlos Maside a que insta ao goberno galego á declaración de BIC e a manter unida a súa colección. Na sesión presentouse o programa de actividades para este 2018 no que pecha o ciclo sobre as Irmandades da Fala, recupera a figura de María Victoria Moreno e fará unha exposición que condensa o discurso “Alba de Gloria” que Castelao pronunciou na capital arxentina hai 70 anos. A sesión contou coa presenza do Presidente de Honra da institución, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
14/12/2017
A Universidade de Trás-Os-Montes e Alo Douro (UTAD) recoñeceu neste serán ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, co título Doutor Honoris Causa. O acto contou coa participación do presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, que leu a laudatio do homenaxeado na que destacou a historia recente das relacións e conexións entre Galicia e Portugal.
12/12/2017
O Consello da Cultura xunta mañá a poesía galega e catalá nunha nova edición de “Poetas Itinerantes”
Mañá mércores terá lugar no Consello da Cultura Galega unha nova edición do recital “Poetas Itinerantes”, un encontro promovido por esta institución xunto co Instituto Ramón Llul e o Etxepare para exhibir o que se está a facer en Galicia, Cataluña e o País Vasco a nivel poético. A cita, que estaba previsto que se celebrase en outubro, tivo que ser adiada pola imposibilidade de se desprazar da comitiva catalá. Nela participan Anna Gual, Blanca Llum Vidal, Joan Pons, Marilar Aleixandre, Yolanda Castaño e Rosalía Fernández Rial.
15/11/2017
Tal día como hoxe, de 1944, un grupo de galeguistas constituíron en Montevideo o Consello de Galiza, o goberno galego no exilio. Sobre as circunstancias e as características dese fito trata a publicación “Os exilios ibéricos: unha ollada comparada”, que hoxe presentaron, no Consello da Cultura Galega, o presidente da institución, Ramón Villares, canda o profesor Xosé Manuel Núñez Seixas. Ambos os dous editan esta publicación que recolle os textos presentados no simposio homónimo realizado en novembro de 2014. A publicación xa se pode descargar desde o web do Consello da Cultura Galega.
31/10/2017
O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, compareceu este serán na Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia, no marco das sesións informativas en relación co Proxecto de lei de orzamentos. Alí deu conta do orzamento da institución que preside, que se incrementou un 2,9 % para 2018. En total, contará con 2 547 225 euros, cos que se realizarán, entre outras actividades, o peche dun ciclo sobre as Irmandades da Fala, a recuperación da figura de María Victoria Moreno e unha exposición que condensa o discurso “Alba de Gloria” que Castelao pronunciou en Bos Aires hai 70 anos.
01/11/2017
Mañá xoves 2 de novembro terá lugar unha nova edición do recital “Poetas Itinerantes”, un encontro promovido polo Consello da Cultura Galega, o Instituto Ramón Llul e o Instituto Etxepare que xunta poetas galegos, catalás e vascos. A cita celébrarase no Pipa Club de Barcelona ás 19:00 horas.
20/10/2017
O Centro de Posgrao da Universidade de Nova York (5ª Avenida e rúa 34) acolle hoxe venres un simposio sobre políticas culturais titulado “Políticas culturais en España e América Latina: perspectivas comparadas”. Alí participa o Consello da Cultura Galega, representado por Emilia García López, que explicará a acción cultural no exterior que leva a cabo o CCG, así como os obxectivos e desafíos de cara ao futuro.
19/10/2017
Hoxe rematou no Consello da Cultura Galega a segunda das citas previstas para entender o contexto no que se crearon e acturaron das Irmandades da Fala. Durante dous días, especialistas perfilaron a situación estatal onde Cataluña e Francesc Cambó foron os grandes referentes para o movemento galego. “Non son casuais as coincidencias coa situación actual, senón que son cuestións non resoltas que agroman un século despois” asegurou o historiador Borja de Riquer no marco do congreso “Cultura e política na España de entreguerras”.
13/10/2017
O Consello da Cultura Galega (CCG) participou neste mes de outubro en Alemaña na vixésimo sétima xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI). Alí, alén de tratar novas problemáticas arredor do tema das migracións, acordouse a renovación da súa directiva. Cathrine Kyø Hermansen, do Danish Immigration Museum, é a nova presidenta mentres que Emilia García, do Arquivo da Emigración Galega, é a nova tesoureira.
04/10/2017
A vixésimo sétima xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI) titúlase “Na casa ou alienados” e analiza como a cidadanía percibe e recibe os movementos migratorios. O Consello da Cultura Galega participa nesta cita a través do Arquivo da Emigración Galega, nunha mesa redonda que terá lugar mañá xoves, día en que se inicia a xuntanza. O encontro ten lugar na cidade alemá de Husum, despois de que en 2016 Santiago acollese este encontro que xunta representantes de entidades relacionadas coa temática migratoria.
29/09/2017
Goteburgo acolle ata o domingo o maior festival literario dos países escandinavos, a súa tradicional feira do libro. Un encontro no que o Consello da Cultura Galega volve participar no marco do seminario “Poesía e Minorías” no que intervirá Yolanda Castaño. Deste xeito a cultura galega está presente nesta cita considerada a segunda feira europea en relevancia.
28/09/2017
Hoxe comeza nas cidades de Braga e Guimarães a oitava edición do Festival de Outono que organiza a Universidade do Minho na apertura do ano académico. Unha cita en que colabora o Consello da Cultura Galega achegando a música de José Arriola. O cuarteto de corda da Real Filharmonía de Galicia será o encargado de ofrecer unha composición de José Arriola (Cuarteto de corda en Do Maior). O concerto terá lugar o sábado 30 de setembro, ás 17:00 horas, no Museu Nogueira da Silva de Braga.
22/09/2017
O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, recibiu esta mañá ao grupo de alumnos do Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol que están de visita por Galicia. Foron recibidos na biblioteca onde o presidente lle fixo unha presentación do Consello da Cultura e dalgunhas das súas actividades. Manuel Gago, director de culturagalega.gal, explicoulles o portal de divulgación cultural e avanzou algún dos novos proxectos de realidade virtual.
15/09/2017
O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, recibiu esta mañá a visita institucional da delegación da Asamblea das Illas Azores, encabezada pola súa presidenta, Ana Luisa Pereira.
07/07/2017
Ribadeo é un exemplo do legado deixado pola emigración visible nun rico patrimonio arquitectónico. Escolas, fontes, igrexas e casas evidencian a pegada dunha época e, durante esta fin de semana, tamén serven de escenario para a recreación da vida no século XIX. Esta festividade, coñecida como Ribadeo Indiano, marca o contexto no que o Consello da Cultura Galega (CCG) e o Concello local asinarán un convenio que permita recuperar fondos particulares da emigración. Ademais, o CCG estará presente coa exposición “Os adeuses” e cunha conferencia que ofrecerá mañá sábado o presidente da institución, Ramón Villares, arredor do fenómeno migratorio.
06/07/2017
Unha xornada do Consello da Cultura insiste na necesidade de reordenar e desestacionalizar o turismo
“A capacidade da catedral de Santiago e do centro histórico non está ben resolta e acabará tendo problemas” indicaba Miguel Angel Troitiño, catedrático de Xeografía Humana e coordinador do estudo que en 2008 limitou o acceso a catedral de Santiago, no marco das xornadas “Turismo masivo e patrimonio. Converxencias e diverxencias dun diálogo posible”. A cita foi inaugurada polo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que incidiron no peso crecente que o turismo ten no noso país e a necesidade de reordenalo para que non afecte ao patrimonio. O primeiro día das xornadas tamén abordou a problemática dos cascos históricos e dos bens declarados Patrimonio Mundial.
05/07/2017
Galicia como destino turístico, nomeadamente turismo cultural, está á alza. Os últimos datos do INE constatan o incremento das noites hoteleiras na nosa comunidade nun 5,7 % con respecto ao ano anterior. Buscar un equilibrio entre a demanda turística cada vez máis numerosa e a xestión patrimonial é o obxectivo das xornadas “Turismo masivo e patrimonio”, que comezan mañá no Consello da Cultura Galega. Ramón Villares, presidente do CCG; María del Carmen Martínez Ínsua, directora xeral de Patrimonio Cultural; Nava Castro Domínguez, directora de Turismo de Galicia; Rebeca Blanco Rotea, coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG, e o coordinador da cita, Carlos Nárdiz, son os encargados da inauguración dunhas xornadas que se poden seguir en directo desde o web da institución.
26/06/2017
Neste 2017 cúmprense vinte e cinco anos da aprobación da Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias. Un documento clave que se analizará no marco dun foro de debate que o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza coa colaboración do Consello de Europa. A cita terá lugar este xoves e venres e nela participarán unha trintena de especialistas que permitirá coñecer a situación de todas as linguas existentes en España. A cita poderase seguir en directo desde o web do CCG.
16/06/2017
Amazige, árabe dariya, aragonés, aranés, asturiano, caló, catalán, éuscaro, fala, galego, leonés e portugués son, por orde alfabética, as linguas rexionais ou minoritarias existentes en España. Representantes de todas e cada unha delas estarán presentes no "Foro de debate da Carta Europea para as Linguas Rexioniais ou Minoritarias" que o Consello da Cultura Galega organiza en colaboración co Consello de Europa. O encontro, que terá lugar os días 29 e 30 de xuño en Santiago, analiza o impacto do cumprimento da Carta en España cando se cumpren vinte e cinco anos da súa aprobación.
09/06/2017
Viana do Castelo acolle ata hoxe “O Fórum Internacional de Gestão Artística e Cultural (FIGAC)”, unha proposta que organiza o Instituto Politécnico de Viana do Castelo para proporcionar a profesionais e estudantes do sector cultural e creativo a posta en común de reflexións sobre a xestión destes eidos na actualidade. Alí estará presente Hakan Casares, responsable do Observatorio da Cultura Galega que ofrecerá este serán (16:30 hora portuguesa) un relatorio titulado “A estatística cultural e a planificación de políticas culturais”.
16/05/2017
Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, recibiu hoxe a visita institucional do brasileiro Paulo Speller, Secretario xeral da Organización de Estados Iberoamericanos para la Educación, la Ciencia y la Cultura (OEI). No encontro abordaron as relacións culturais en materia exterior e a colaboración do Consello da Cultura Galega coa OIE na posible organización de actividades conxuntas.
21/04/2017
O Protocolo para a garantía dos Dereitos Lingüísticos. Exemplo de empoderamento da sociedade civil é o título da conferencia coa que Paul Bilbao, secretario xeral de Kontseilua, abriu os XIX Encontros para a Normalización Lingüística, organizados anualmente polo Consello da Cultura Galega. O experto vasco relatou o traballo realizado durante ano e medio por un cento de entidades de toda Europa para elaborar un protocolo con 185 medidas que se deben adoptar para garantir os dereitos lingüísticos recollidos na Declaración de Barcelona de 1996. Este documento, asinado en Donostia en decembro de 2016, subliñou, evidencia o empoderamento da sociedade civil que o fixo posible.
07/03/2017
Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, foi investido doutor honoris causa pola Universidade de Rennes 2, na Bretaña Francesa, esta mañá do martes 7 de marzo. Durante o acto solemne, Villares pronunciou a conferencia "A Bretaña na cultura galega: similaridades e conexións", que foi respondida pola profesora Christine Rivalan Guégo, profesora de lingua e literatura española contemporáneas.
09/11/2016
O Consello da Cultura colabora na conmemoración do Any Llull en Santiago de Compostela cunha xornada de análise e debate sobre a figura do escritor e pensador catalán Ramon Llull, organizada pola Area de Filoloxía de Catalá (Departamento de Filoloxía Galega) da USC. Esta actividade, que se enmarca tamén nas liñas de colaboración co Institut Ramon Llull, forma parte dun amplo programa de actos enmarcados no Any Llull (2015-2016), que conmemora o 700 aniversario da morte do creador do Llibre d’amic e amat.


