11/06/2025

Seis entradas abren o proxecto web Lugares de memoria

O wolframio, os mártires de Carral, a Federación de Sociedades Galegas, o dolmen de Dombate, o castro de Santa Tegra ou a Porta de Carlos V son lugares significativos da memoria colectiva galega. Son tamén as seis entradas que abren o proxecto Lugares de memoria co que o Consello da Cultura Galega (CCG) pretende profundar no coñecemento da nosa historia. Estará conformado por 75 entradas que poñerán o acento nas interpretacións, permanencias e legado na memoria colectiva do país. “Pretende ser unha viaxe polo noso patrimonio e pola nosa historia” apuntou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, na inauguración da xornada “Lugares de Memoria de Galicia: historia e lembranza” coa que se abriu publicamente este proxecto. Xunto con ela, Xosé M. Núñez Seixas, vicepresidente do CCG e coordinador do proxecto, destacou que este catálogo virtual irá incorporando novas entradas progresivamente.