Noticias

Comisión de Igualdade (CCG). Rexistros1 a 11 de 11
11/11/2019

Unha xornada aborda mañá as formas da “cultura da violación”

“Nin unha menos”, “Non é non“, “Non é abuso, é violación“ ou “Esta é a miña manda“ son algunhas das campañas que se rebelaron contra sentenzas xudiciais e decisións administrativas en casos moi marcados socialmente. A isto engádeselle que as estatísticas constatan un incremento da violencia sexual contra as mulleres máis novas, mesmo menores de idade. Sobre as moitas e variadas manifestacións ou accións que inciden no aumento da chamada “cultura da violación” falarán mañá martes no Consello da Cultura Galega (CCG) especialistas como Miguel Lorente, Ana de Miguel Álvarez ou Rosa Cobo, entre outros. É a Terceira Xornada Formas de Violencia de Xénero, que este ano se centra na violencia sexual. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), María Xosé Porteiro, serán as encargadas de abrir esta cita, que ten todas as prazas cubertas. As intervencións poderán seguirse en directo a través da rede.
23/10/2019

Unha xornada destaca a contribución de Carmela Porteiro no campo da oceanografía

Non foi só unha oceanógrafa experta en avaliación e xestión de recursos mariños vivos, senón tamén pioneira en dirixir centros de investigación, expedicións e representar a España en comités internacionais. A figura de Carmela Porteiro amosa tamén o difícil camiño que percorreron as mulleres de ciencia en Galicia durante o último terzo do século XX. A súa biografía e traballo centran a xornada, coordinada por María Xosé Porteiro e Inma López Silva, que se desenvolve mañá no Consello da Cultura Galega (CCG) e que podes seguir en directo desde o sitio web institucional.
23/09/2019

O Consello da Cultura Galega presenta mañá en Santiago o documental sobre as mulleres anónimas do Pindo

“As mulleres co mundo na cabeza” é o título do documental, dirixido por Encarna Otero, no que se quere homenaxear a mulleres anónimas que non deixaron ningunha pegada nos rexistros oficiais e que sustentaron as súas familias cos materiais que transportaban na súa cabeza. Forma parte dun traballo de documentación dunha das áreas de traballo da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega (CCG) que pretende fixar o testemuño de traballadoras anónimas na creación dun arquivo de imaxe. Este documental, que se estreou en xullo en Carnota, preséntase mañá martes en Santiago ás 19:00 horas. O acto contará coa presenza de Encarna Otero e dunha das protagonistas do documental (Marisa Vázquez Oreiro), e será presentado por María Xosé Porteiro, responsable da citada Comisión. Tamén haberá unha actuación da cantora Alba María.
11/06/2019

Unha xornada do Consello da Cultura Galega aborda mañá o concepto de “muller galega”

Os estereotipos que hai detrás do concepto de “muller galega” e como foron evolucionando a través do tempo son algunhas das cuestións que se abordarán mañá no marco da xornada “Mulleres e antropoloxía en Galicia”. A cita do Consello da Cultura Galega (CCG) xuntará durante un día diferentes expertos que permitirán revisar a teoría e a práctica arredor da realidade das mulleres en Galicia. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, xunto coas coordinadoras deste encontro, Nieves Herrero, Luzia Oca e Mariám Mariño, serán as encargadas de inaugurar esta xornada. Poderá seguirse en directo desde o web da institución.
10/06/2019

O Consello da Cultura Galega reflexiona nunha xornada sobre sexualidade e identidade

Quen somos nós neste século? Como chegamos a imaxinar a nosa sexualidade a través de conceptos como “macho”, “femia”, “home”, “muller”, “heterosexual”, “homosexual”, “transexual”, “DSD”? Cal é a relación entre a política e a sexualidade? Son os nosos corpos espazos de inscrición de xéneros mutantes? Cales son as propostas de futuro? Estas son algunhas das incógnitas que a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) propón mañá no marco da súa xornada “Pensar con orgullo”. Unha nova cita coa reflexión, desta volta centrada en cuestionar conceptos e descubrir novos aspectos. Será inaugurada pola secretaria da institución, Dolores Vilavedra, e polas coordinadoras, Carme Adán e Celia Pereira. A xornada poderá seguirse en directo desde o web da institución.
08/06/2017

As Xornadas Xénero e Documentación constatan a escasa visibilidade da muller arquivos públicos galegos

O persoal que traballa nos arquivos públicos galegos é maioritariamente feminino pero escasamente visibilizado e a forma de traballar cos documentos que atesouran non incorpora unha perspectiva de xénero. Estas son algunhas das características da situación dos arquivos públicos galegos en relación coa situación das mulleres e que se analizaba na cuarta edición da xornada “Xénero e Documentación”. A actividade da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega foi coordinada por Dolores Pereira e os materiais alí presentados, así como os vídeos das intervencións, pódense consultar dese o sitio web da institución.
29/10/2015

A xornada de Mary Quintero valoriza as creadoras da imaxe

“A presenza da muller no ámbito da fotografía en Galicia é historicamente moi escasa”, destacou María Xosé Agra na inauguración da xornada “Mary Quintero. A luz que alumea a vida”, que tivo lugar hoxe no Consello da Cultura Galega (CCG). A cita analizou e comentou a traxectoria desta creadora que fixo a súa primeira exposición con 16 anos e foi unha innovadora na técnica fotográfica. O seu traballo está presente tamén a través dunha exposición montada nas instalacións do Consello ata a vindeira semana. O presidente do CCG, Ramón Villares, salientou na inauguración o traballo da Comisión de Igualdade e a intención de seguir incidindo na análise da fotografía como un modo de entender a acción colectiva. Anunciouse tamén que na vindeira edición a homenaxeada será Kathleen Nora March (Nova York, EEUU) .
28/10/2015

O traballo fotográfico de Mary Quintero centra unha xornada do Consello da Cultura Galega

A luz que alumea a vida é o título da xornada coa que a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega (CCG) quere centrar o foco nunha fotógrafa viguesa tan descoñecida para o público como destacada foi na súa profesión. Mary Quintero (Melide, 1931) é unha das pioneiras da fotografía profesional en Galicia e unha retratista preocupada pola iluminación e uso de novas técnicas. A cita terá lugar mañá xoves en Santiago co obxectivo de visibilizar o traballo de mulleres que, como ela, están a pasar desapercibidas no mundo da imaxe. A xornada complétase cunha exposición nas instalacións do CCG que exhibe algunhas das fotografías e materiais que marcaron a súa traxectoria e que comentará a propia Quintero.
02/10/2015

O Consello da Cultura Galega achégase á figura da retratista Mary Quintero cunha xornada

Os retratos que fixo no seu estudo permiten trazar a crónica dunha época das cidades de Lugo e de Vigo. Chámase Mary Quintero (Melide, 1931) e é unha das pioneiras da fotografía profesional en Galicia. O seu traballo e a súa traxectoria centran a xornada A luz que alumea a vida, que lle dedica a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega o vindeiro 29 de outubro. Profesionais dos medios de comunicación, da fotografía e do mundo da imaxe contextualizarán o seu traballo nunha sesión que servirá tamén de homenaxe. Un dos momentos máis destacados será o percorrido vital e profesional que Quintero realizará a través das súas obras nunha exposición montada para a ocasión. A inscrición é gratuíta e pódese facer a través da páxina web da institución.
02/03/2015

O Consello da Cultura Galega e o CGAI celebran o Día da Muller Traballadora cun ciclo de cine

Directoras, guionistas, produtoras, actrices…, en resumidas contas filmes feitos ou protagonizados por mulleres. Baixo esta premisa o Consello da Cultura Galega(CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) organizan ao longo desta semana un ciclo de cine titulado “Olladas de mulleres no mundo (creadoras galegas de imaxe)”. Unha tentativa de amosar outras olladas e perspectivas para celebrar o Día da Muller Traballadora. Proxeccións e coloquios que permiten ver cinema feito tanto en Galicia como noutras partes do mundo.
02/12/2014

O Consello da Cultura pon na rede a Hemeroteca Feminista Galega A Saia

A Saia, Andaina e Festa da Palabra Silenciada son algunhas das revistas publicadas nos oitenta que permiten coñecer a traxectoria dos feminismos e das feministas en Galicia. Estas tres publicacións son as que inauguran o proxecto “Hemeroteca Feminista Galega A Saia”. Unha iniciativa que xorde da colaboración do Consello da Cultura Galega, a través da Comisión de Igualdade, e o Centre Dona i Literatura da Universitat de Barcelona. Arredor desta presentación terá lugar a xornada “Xénero e Documentación III”, que se desenvolve nese mesmo serán no Consello da Cultura Galega. Ademais, unha pequena exposición na sede da institución permitirá ver os exemplares destas publicacións.