Noticias

Comisión de Acción Exterior (CCG). Rexistros31 a 42 de 42
09/12/2014

O Consello da Cultura leva a Madrid a exposición que recolle a dimensión internacional de Valle-Inclán

“Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido (1906-1936)” é o título da exposición que pretende dar conta dimensión internacional deste escritor. E faino a través das traducións das súas obras a outras linguas. A mostra inaugúrase este mércores 10 de decembro na Residencia de Estudiantes de Madrid coa presenza do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e a comisaria da mostra, Rosario Mascato. Trala inauguración, catedrático de Teoría da literatura e literatura comparada da Universidade de Santiago de Compostela e Secretario da Real Academia Española, ofrecerá unha conferencia que leva por título "Valle-Inclán, escritor modernist(a)".
01/12/2014

O Consello da Cultura acolleu unha reunión para adaptar o programa investigador Mateus DOC á realidade galega

O Consello da Cultura Galega acolleu esta mañá unha presentación do programa Mateus DOC, iniciativa do Instituto Internacional Casa Mateus dirixida a investigadores de todas as áreas científicas, coa intención de adaptar esta proposta para Galicia. Na cita estiveron presentes representantes do Instituto Internacional Casa de Mateus, a Universidade do Minho, as universidades galegas, a Fundación Barrié e o Instituto de Ciencias do Patrimonio, así como investigadores galegos que participaron en edicións anteriores do programa Mateus DOC.
13/11/2014

Mañá comeza o seminario que estuda por primeira vez os exilios ibéricos en clave comparada

Os exilios ibéricos en clave comparada é un seminario que analiza o fenómeno do exilio en clave contemporánea e, por primeira vez, pon en diálogo os casos catalán, vasco, galego e portugués. O seminario ten ademais outra finalidade, que é a de homenaxear o Consello de Galiza, cando se cumpren setenta anos da súa constitución. A cita arrinca mañá na sede do Consello da Cultura Galega cunha palestra a cargo do seu presidente, Ramón Villares.O seminario poderase seguir en directo a través do sitio web da institución.
24/10/2014

O Consello da Cultura Galega inaugura Conversas na raia, un programa para reflexionar sobre cuestións comúns con Portugal

Cúmprense 150 anos do Tratado de Lindes de Lisboa, no que se fixaron as actuais fronteiras entre España e Portugal. Unha efeméride que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Universidade do Minho, co apoio da Cámara Municipal de Monção, aproveitan para inaugurar o programa Conversas na raia, no que reflexionarán sobre cuestións comúns. A primeira edición, que se titula “As fronteiras políticas (150 anos do Tratado Espanha-Portugal)” desenvolverase este sábado 25 na localidade portuguesa de Monção.
22/10/2014

Un seminario do Consello da Cultura evidencia complexidade de cuantificar as migracións

Emigrantes retornados, circulación de traballadores, estudantes do programa Erasmus… son moitas e moi variadas as tipoloxías de movementos que se agochan detrás das grandes cifras estatísticas. Por ese motivo, resulta moi complexo cuantificar o fenómeno das novas migracións. Esta foi a idea que se plasmou no seminario Novas mobilidades nun contexto de crise, coordinado pola profesora Laura Oso e que concluíu hoxe en Santiago. A cita ofreceu cifras e estudos de caso que permitiron evidenciar que Galicia ten un comportamento diferente ao do resto de España no que segue a ter moita importancia o rastro da emigración histórica.
02/10/2014

O Consello da Cultura Galega participa na Feira internacional do Libro, Liber 2014

Do 1 ao 3 de outubro ten lugar en Barcelona a trixésimo segunda edición da Feira Internacional do Libro. Unha cita á que o Consello da Cultura Galega levará a súas publicacións máis recentes a través de dous espazos. Un deles co Institut d´Estudis Catalans (stand A 164). O outro é coa UNE (Unión de Editoriais Universitarias Españolas). Precisamente esta entidade presenta hoxe, 2 de outubro, a súa plataforma de venda en liña, Unebook.es , na que se poden atopar as publicacións do Consello da Cultura Galega.
25/09/2014

O Arquivo da Emigración Galega presenta o proxecto Epístola na xuntanza anual da AEMI que terá lugar en Riga

“Migracións e refuxiados: antes e agora” é o título baixo o que a Asociación Europea de Estudos Migratorios (AEMI) convocou os seus socios para a súa xuntanza anual. Unha cita que ten lugar en Riga (Letonia), do 25 ao 27 de setembro, e na que participa o Consello da Cultura Galega a través do Arquivo de Emigración Galega. Alí presentarase o Proxecto Epístola, iniciativa que se encarga da preservación dos fondos documentais de personalidades da emigración galega.
09/07/2014

O Consello da Cultura Galega amosa a exposición Os Adeuses na localidade portuguesa de Fafe

Os Adeuses é a exposición que amosa, a través da ollada do fotógrafo Alberto Martí, os últimos momentos da emigración galega cara a América nos anos cincuenta. A mostra, elaborada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), continúa o seu periplo polo exterior e fai recalada en Fafe (Portugal). Ramón Villares, presidente do CCG, e Raul Cunha, presidente da Câmara Municipal de Fafe, inaugurarán este xoves (ás 16:00, hora portuguesa) a exposición, que estará aberta na Galería Municipal da Casa da Cultura ata finais de agosto.
08/07/2014

Unha xornada destaca a relevancia que tivo Valle-Inclán no exterior

A diferenza de moitos outros autores coetáneos, o legado e a figura de Ramón María del Valle-Inclán tivo moita relevancia a nivel internacional en vida do autor. Así o constataron os diferentes relatores na xornada “A difusión internacional da figura de Ramón María del Valle-Inclán no seu tempo” que se desenvolve no Consello da Cultura Galega (CCG). E sobre esa idea tamén incidiron Ramon Villares, presidente do CCG e Juan Viaño, reitor da Universidade de Santiago, no marco da inauguración desta sesión que conclúe no serán, coa apertura dunha exposición no Claustro Alto de Fonseca sobre esta dimensión internacional.
01/07/2014

O Consello da Cultura afonda na dimensión internacional de Valle-Inclán

A dimensión de escritor de Ramón del Valle-Inclán é por todos ben coñecida. Non o é tanto a súa faceta de intelectual preocupado por cuestións sociais, políticas, culturais, identitarias e académicas, que o levou a involucrarse en múltiples proxectos. Recuperar a súa figura tendo en conta esta nova lectura é o obxectivo dun seminario que o Consello da Cultura Galega (CCG) realizará o vindeiro 8 de xullo baixo o título A difusión internacional da figura de Ramón María del Valle-Inclán no seu tempo. Ademais, como complemento dos relatorios, ese mesmo día inaugurarase a exposición Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido [1906-1936] que permitirá dar conta das traducións realizadas en vida do autor.
03/06/2014

Un coloquio analizará vías de colaboración entre Galicia e Portugal a través da Fundação Luso-Americana para o Desenvolvimento

Galicia e Portugal son dúas comunidades atlánticas que desenvolveron ao longo da historia unha idiosincrasia común relacionada co fenómeno migratorio a América, entre outros aspectos. Nesa relación co continente americano opera a Fundação Luso-Americana para o Desenvolvimento (FLAD), institución portuguesa que promove proxectos de cooperación entre a sociedade civil portuguesa e americana. Un dos membros do seu consello executivo, Michael Baum, estará esta tarde (17:00 horas) na biblioteca do Consello da Cultura Galega para analizar as liñas de actuación deste organismo e as posibles vías de colaboración con Galicia.
27/05/2014

Ramón Villares presentou en Braga O século de Xelmírez

O reitorado da Universidade do Minho acolleu o pasado venres 23 de maio a presentación de O século de Xelmírez, unha publicación que contén as actas do congreso internacional organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG). Unha presentación á que acudiu o presidente do CCG, Ramón Villares; o vicerreitor desa universidade, Rui Vieira de Castro; un dos coordinadores do libro, Fernando López-Alsina, e José Viriato Capela, catedrático de Historia e director da Casa-Museu de Monção.