Accesibilidade cultural en Galicia. Diagnóstico das prácticas, capacidades e necesidades do sector cultural

----

Accesibilidade cultural en Galicia. Diagnóstico das prácticas, capacidades e necesidades do sector cultural

Documentos de traballo CCG

DOI: 10.17075/acgdpcn.2026

Descargar o informe en PDF accesible (PDF, 60 páxinas, 867 KB)

Resumo executivo

Este informe analiza a accesibilidade e a inclusión no sector cultural galego desde a perspectiva das entidades. A análise baséase nas respostas de 829 organizacións e profesionais ao bloque específico incorporado ao Barómetro da Cultura Galega 2026. O traballo dá continuidade á liña aberta polo Consello da Cultura Galega arredor do acceso á cultura e o seu obxectivo é ofrecer unha primeira liña de base sobre a capacidade declarada do tecido cultural e trasladar os resultados a unha proposta operativa que poida orientar o desenvolvemento da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.

Os resultados poden resumirse nunha idea central: a accesibilidade cultural non parte de cero, pero aínda non constitúe unha capacidade estable e transversal do sistema. O 60,8% das entidades declara recibir públicos con necesidades de accesibilidade polo menos ocasionalmente —o 22,7%, habitualmente ou case sempre— e o 80,3% afirma que ten implantada algunha medida. Porén, só o 24,0% coñece a lei e dispón da información que lle compete, mentres que o 44,6% non a coñecía nin sabía que lle afectaba e o 31,3% oíra falar dela pero non identificara aínda as súas implicacións. Ademais, só o 29,2% conta con tres ou máis medidas. Existe, polo tanto, unha base ampla de actuacións, pero tamén unha fenda entre práctica, coñecemento normativo e implantación integral.

O contacto cos públicos aparece asociado aos avances máis claros. Entre as entidades que nunca ou case nunca reciben persoas con necesidades de accesibilidade, o 12,7% coñece a lei, o 70,6% ten algunha medida e o 15,2% conta con tres ou máis. Entre as que reciben estes públicos habitualmente, as proporcións soben ao 41,3%, ao 94,0% e ao 47,0%, respectivamente. A pauta non permite establecer por si soa unha relación causal, pero indica que a accesibilidade avanza cando as necesidades se fan visibles na programación, na comunicación, na atención ao público e na organización interna.

A implantación é tamén desigual por dimensións e segundo a capacidade das entidades. A accesibilidade física dos espazos é a medida máis estendida, presente no 57,6% dos casos, seguida da web ou comunicación accesible, co 39,9%, e dos formatos accesibles nos contidos, co 35%. Teñen menor presenza os protocolos internos, co 25,3%, e as medidas de inclusión laboral, co 20,3%. As administracións declaran algunha medida no 91,9% dos casos e tres ou máis no 41,9%; entre os profesionais autónomos estas cifras baixan ao 60,9% e ao 18%. A maior dimensión, a facturación, a continuidade da actividade, o investimento recente e a recollida de datos sobre os públicos relaciónanse, con distinta intensidade, cunha maior implantación de medidas. As diferenzas non poden atribuírse só á vontade das entidades, senón tamén ás súas distintas condicións de partida.

As barreiras declaradas confirman esta lectura. O custo ou financiamento é a principal dificultade para o 31,7% das entidades con resposta válida, seguido das limitacións dos espazos ou infraestruturas, co 26,9%; a falta de coñecemento técnico ou de provedores, co 16,1%; a dificultade para chegar aos públicos, co 12,8%; e a falta de tempo ou persoal, co 11,2%. As demandas de apoio son coherentes: o 42,8% sinala as axudas económicas, pero a asistencia técnica e a formación ou os recursos prácticos representan conxuntamente outro 39%. O financiamento é necesario, pero non suficiente: debe combinarse con orientación aplicada, acompañamento, formación, provedores especializados e relación cos colectivos e persoas usuarias.

A tipoloxía elaborada permite trasladar o diagnóstico á acción. Só o 15,1% das entidades se sitúa no grupo de maior implantación declarada. Pola contra, o 25,2% ten contacto cos públicos e varias medidas, pero carece de coñecemento operativo da lei, e outro 21,8% recibe estes públicos mais conta cunha implantación baixa. Estes dous últimos perfís suman o 47% da base clasificable e concentran unha parte decisiva do potencial de mellora: unhas entidades precisan ordenar e ampliar prácticas xa existentes; outras, identificar prioridades e acceder a apoios adaptados ás súas capacidades e ao tipo de barreiras que afrontan. As entidades con baixo contacto declarado ou que consideran que a cuestión non procede requiren, pola súa banda, ferramentas que permitan detectar necesidades e barreiras menos visibles.

A partir deste diagnóstico, o informe formula unha orientación concreta para a acción pública. A accesibilidade cultural non debería abordarse mediante unha medida illada nin mediante esixencias uniformes para todo o sector, senón a través dun ecosistema estable de apoio que combine financiamento, asistencia técnica, formación e recursos prácticos, acceso a provedores especializados, relación cos colectivos e persoas usuarias e mecanismos de seguimento e avaliación. A matriz operativa proposta vincula os distintos perfís e barreiras coas capacidades que cómpre reforzar e cos instrumentos máis axeitados en cada caso. O informe proporciona ademais un marco de indicadores para futuras medicións. Constitúe, deste xeito, unha primeira arquitectura para orientar o futuro da accesibilidade cultural en Galicia.

Este diagnóstico das entidades complementa o marco de dereitos e participación establecido polo Consello da Cultura Galega no informe Acceso á cultura en Galicia. Os resultados e as propostas operativas ofrecen unha base para orientar o Plan de accesibilidade e inclusión cultural desde o coñecemento da capacidade real do sector.

↑ Volver ao índice

1. Introdución

O Parlamento de Galicia aprobou a finais de 2024 a Lei de cultura inclusiva e accesible e fixou no seu artigo primeiro o obxectivo de promover as condicións para que a participación na vida cultural sexa efectiva, inclusiva e accesible para todas as persoas e de remover os obstáculos que a impidan ou dificulten. Nesa formulación hai unha palabra decisiva: que a participación deba ser efectiva significa que non abonda con recoñecer un dereito nin con declarar a vontade de non excluír: cómpre que as condicións materiais, organizativas, comunicativas e relacionais do sistema cultural permitan exercelo de feito.

Este informe nace para examinar esa distancia entre o dereito recoñecido e a capacidade real de exercelo. Faino desde o lugar onde esa capacidade se decide en primeira instancia: as entidades que crean, producen, programan, conservan, median e difunden cultura en Galicia. A partir do bloque de preguntas sobre accesibilidade e inclusión incorporado ao Barómetro da Cultura Galega 2026, analízase a información de 829 entidades culturais de diferentes ámbitos, tamaños, funcións e formas organizativas.

O dereito de acceso á cultura non é novo: a Declaración Universal dos Dereitos Humanos recoñeceu en 1948 o dereito de toda persoa a participar libremente na vida cultural da comunidade e a Convención das Nacións Unidas sobre os dereitos das persoas con discapacidade dedicou o seu artigo 30 á participación na vida cultural en igualdade de condicións. A Constitución española encomenda aos poderes públicos promover e tutelar o acceso á cultura e remover os obstáculos que impidan a plenitude da liberdade e da igualdade e o Estatuto de autonomía de Galicia establece a obriga de facilitar a participación de todos os galegos e galegas na vida cultural1. A Lei 3/2024 engade a ese marco unha peza específica: unha norma galega que regula conxuntamente cultura, inclusión e accesibilidade universal como principios de acción pública2.

Tres aspectos da lei resultan especialmente relevantes para este traballo. O primeiro é a amplitude coa que define o risco de exclusión cultural: xunto á discapacidade e á situación de dependencia, incorpora factores económicos, sociais, territoriais e de orixe ou pertenza a minorías. O segundo é a diversidade de barreiras que se propón eliminar —físicas, comunicativas, cognitivas, actitudinais ou doutra índole—, o que obriga a entender a accesibilidade máis alá da adaptación material dos espazos. O terceiro é o seu calendario institucional: a lei prevé a aprobación dun Plan de accesibilidade e inclusión cultural e a creación do Observatorio da Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, instrumentos chamados, respectivamente, a definir a situación de partida e orientar as melloras necesarias, e a facer seguimento da aplicación da norma.

Convén, por iso, desfacer desde o inicio un equívoco frecuente: a accesibilidade non é un asunto que lles afecte unicamente ás persoas con discapacidade nin se esgota na eliminación de barreiras físicas. A accesibilidade é unha propiedade dos contornos, dos servizos, dos contidos, das comunicacións e das organizacións. Refírese á medida en que están concibidos para poder seren usados, comprendidos e gozados por persoas con aptitudes, circunstancias e necesidades diversas. As limitacións funcionais poden ser permanentes, temporais ou vinculadas a determinadas situacións. Por iso, moitas solucións de accesibilidade benefician tamén as persoas que non se identifican como persoas con discapacidade.

Esta mirada despraza o foco desde o déficit individual cara ás condicións do contorno. Unha experiencia cultural accesible depende dunha cadea de elos sucesivos: saber que a actividade existe, comprender a información, poder chegar, poder entrar, seguir e gozar os contidos, recibir unha atención adecuada, participar se se desexa e repetir a experiencia. A cadea rompe polo elo máis débil, xa que de pouco serve unha rampla se a información non chega, ou unha web formalmente accesible se os contidos non o son, ou unha actividade adaptada se non se comunica a quen podería necesitala ou unha boa intención se non existen recursos, criterios nin persoal preparado.

Nese sentido, o acceso á cultura convértese en accesibilidade efectiva cando o sistema cultural está en condicións reais de acoller a diversidade dos públicos. A cuestión non é só se existe unha obriga legal ou se unha entidade declara que aplica algunha medida, senón se dispón de coñecemento axeitado, recursos, organización interna, relación cos públicos e capacidade de aprendizaxe para incorporar a accesibilidade á súa práctica ordinaria. O horizonte non é a acumulación de actuacións illadas, senón a transformación progresiva das condicións de participación cultural.

A importancia desta cuestión é maior nun contexto como o galego. Segundo a Enquisa de discapacidade, autonomía persoal e situacións de dependencia do INE, Galicia presenta unha das taxas máis elevadas de discapacidade do Estado e un gradiente de idade moi acusado3. Nunha sociedade avellentada, a demanda de accesibilidade non é unha magnitude marxinal nin estable, senón estruturalmente crecente. Ademais, unha parte importante desa demanda non é perceptible porque moitas persoas perden audición, visión, mobilidade ou seguridade coa idade, o que pode traducirse nunha redución da participación ou no abandono de determinadas actividades.

O informe inscríbese nunha liña de traballo xa iniciada polo Consello da Cultura Galega, que emitiu informe sobre o anteproxecto da lei durante a súa tramitación. Ao longo de 2025, a Comisión Técnica de Xestión e Políticas Culturais desenvolveu ademais o cicloAcceso á cultura en Galicia, un proceso participativo e descentralizado de escoita que reuniu persoas, colectivos e profesionais arredor do cumprimento dos dereitos culturais4. Aquel proceso documentou, desde a perspectiva da demanda, unha percepción clara: os dereitos culturais non se cumpren plenamente, existe distancia entre o avance normativo e a experiencia cotiá e a propia Lei de cultura inclusiva e accesible é aínda pouco coñecida no seu alcance práctico.

O que ese proceso recolleu desde a cidadanía, os colectivos e os profesionais faltaba por medilo desde a oferta cultural, que é a peza que achega este informe. Polo tanto, as dúas aproximacións son deliberadamente complementarias: o Foro ofreceu unha lectura cualitativa e participativa das barreiras percibidas e das expectativas cidadás e o presente traballo permite observar de maneira sistemática como se sitúan as entidades culturais ante a accesibilidade.

A converxencia entre ambas as miradas reforza o diagnóstico. Desde metodoloxías distintas aparecen problemas semellantes. O resultado principal pode resumirse nunha imaxe: unha parte moi ampla do sector declara que implantou algunha medida de accesibilidade, pero só unha minoría coñece a lei e dispón da información que lle compete. Esa fenda entre práctica e norma é un dos fíos condutores do informe.

A interpretación deste dato debe ser prudente, xa que a lei levaba pouco máis dun ano en vigor cando se realizou o traballo de campo. Non se trata de presentar a situación como un fracaso, senón como a fotografía dun punto de partida, tendo en conta que moitas entidades xa contaban con prácticas previas, adaptacións parciais ou respostas desenvolvidas a partir da súa experiencia directa cos públicos. O reto institucional non é comezar desde cero senón ordenar, ampliar e acompañar esa base existente para que a accesibilidade deixe de depender da intuición, da boa vontade ou das posibilidades particulares de cada entidade.

Por iso, o informe adopta un enfoque de diagnóstico operativo. Tras o capítulo de metodoloxía e alcance dos datos, o capítulo 3 presenta os achados principais: a presenza da accesibilidade na actividade ordinaria dunha parte ampla do sector, a relación entre contacto cos públicos, coñecemento e medidas, a fenda entre práctica e o coñecemento da lexislación, a implantación parcial e desigual por dimensións, o peso das capacidades organizativas, a importancia de coñecer os públicos, o mapa de barreiras e apoios e unha tipoloxía de perfís de entidades ante a accesibilidade. O capítulo 4 organiza eses resultados nunha matriz de barreiras, recursos e apoios, orientada á acción pública. O capítulo 5 propón un marco de indicadores para futuras medicións e incorpora non só a existencia de medidas, senón tamén recursos, uso, experiencia, resultados e aprendizaxe.

O alcance da análise queda delimitado desde o inicio. Os datos recollen a perspectiva declarada das entidades culturais. Non verifican tecnicamente a calidade das medidas nin miden directamente a experiencia das persoas usuarias. Os cruzamentos describen asociacións, non relacións causais. A enquisa capta mellor algunhas dimensións da accesibilidade ca outras, polo que determinadas barreiras menos visibles —cognitivas, económicas, actitudinais, territoriais ou sociais— poden estar infrarrepresentadas. Todo isto delimita o alcance dos resultados: o informe ofrece un diagnóstico sectorial, pero non unha avaliación completa da accesibilidade cultural.

A oportunidade deste traballo vén marcada polo calendario da propia lei. O Plan de accesibilidade e inclusión cultural precisa unha liña base, criterios de seguimento e información suficiente para orientar prioridades. Desde o acceso como dereito ata a accesibilidade como capacidade efectiva: esa é a distancia que este informe quere cartografar e que a política cultural galega ten nos próximos anos a oportunidade e o mandato de percorrer.

↑ Volver ao índice

2. Metodoloxía e alcance dos datos

Este informe baséase na explotación específica do bloque de preguntas sobre accesibilidade e inclusión incorporado ao Barómetro da Cultura Galega 2026. A enquisa recolleu información de 829 entidades culturais galegas de diferentes ámbitos de actividade, tipos organizativos, tamaños e funcións dentro do sistema cultural. A recollida de datos realizouse entre o 10 de febreiro e o 7 de abril de 2026.

O bloque analizado incluía cinco cuestións principais: a frecuencia coa que as entidades reciben públicos ou persoas usuarias con necesidades de accesibilidade e inclusión, o grao de coñecemento da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, as medidas de accesibilidade ou inclusión que teñen implantadas, a principal dificultade que atopan para avanzar nesta materia e o tipo de apoio que consideran máis útil. Estas preguntas permiten observar non só a existencia de medidas, senón tamén a relación entre accesibilidade, coñecemento normativo, contacto cos públicos, barreiras percibidas e demandas de apoio.

Ademais dos resultados xerais, cruzáronse as principais variables de accesibilidade coas variables de clasificación dispoñibles na enquisa: sector de actividade, función principal, tipo de entidade, tamaño, volume económico, situación percibida de continuidade da actividade, investimento, relación con axudas públicas e recollida de datos sobre públicos ou persoas usuarias. Estes cruzamentos permiten identificar diferenzas entre perfís de entidades e formular unha lectura máis operativa ca unha simple descrición agregada.

O enfoque adoptado é fundamentalmente descritivo e interpretativo. O obxectivo non é avaliar tecnicamente a calidade das medidas implantadas, senón construír unha liña base sobre a capacidade declarada do tecido cultural galego para incorporar a accesibilidade á súa actividade ordinaria. Por iso, os resultados deben lerse como unha aproximación á perspectiva da oferta cultural: que din, que fan as entidades, que necesidades perciben, que barreiras identifican e que apoios demandan.

Con todo, a fonte empregada presenta límites. En primeiro lugar, os datos non miden directamente a experiencia das persoas usuarias. A enquisa permite saber se unha entidade declara que recibe públicos con necesidades de accesibilidade ou se afirma que ten determinadas medidas, pero non permite comprobar se esas persoas atopan efectivamente unha experiencia accesible, satisfactoria e continuada.

En segundo lugar, a existencia dunha medida non informa por si soa da súa calidade, cobertura ou aplicación efectiva. O cuestionario non permite verificar se esas medidas son suficientes, se están actualizadas, se se aplican de maneira regular ou se responden ás necesidades reais dos públicos destinatarios.

En terceiro lugar, o contacto con públicos con necesidades de accesibilidade tamén depende da percepción da propia entidade. Poden existir necesidades non identificadas, públicos que non chegan precisamente porque atopan barreiras previas, ou situacións nas que a entidade non percibe determinadas demandas. Por iso, esta categoría debe interpretarse con prudencia: pode corresponder a actividades nas que a cuestión ten menor presenza directa, pero tamén a casos nos que certas barreiras permanecen invisibles para a organización.

En cuarto lugar, os cruzamentos entre variables describen asociacións, non relacións causais. O feito de que as entidades con máis contacto cos públicos teñan máis medidas implantadas non permite afirmar que ese contacto produza automaticamente unha mellor accesibilidade. Tamén pode ocorrer que as entidades máis accesibles atraian ou reteñan máis públicos con necesidades específicas, ou que ambas as dimensións dependan dun terceiro factor, como o tamaño, os recursos dispoñibles, a estabilidade organizativa ou a existencia de persoal técnico.

Os cruzamentos principais contrastáronse mediante probas de independencia (khi-cadrado). As asociacións que sustentan os achados principais son estatisticamente significativas (p<0,01); os cruzamentos que non alcanzan ese limiar, en particular os relativos á evolución dos públicos e ás diferenzas de barreiras e apoios por tamaño ou facturación, preséntanse unicamente con valor descritivo.

Estas precaucións non reducen a utilidade do informe, senón que delimitan o seu alcance. Os datos permiten identificar patróns, diferenzas entre perfís de entidades, ámbitos con maior ou menor implantación, barreiras percibidas e tipos de apoio demandados. Tamén permiten propoñer indicadores recorrentes para futuras medicións e diferenzas segundo os medios organizativos das entidades.

O informe debe lerse, polo tanto, como unha análise da capacidade declarada da oferta cultural galega ante o reto da accesibilidade. Non substitúe outras fontes necesarias, como, por exemplo, avaliación técnica de equipamentos, estudos de experiencia usuaria, procesos de contraste con colectivos, análise territorial ou estudos específicos sobre barreiras económicas, cognitivas, lingüísticas ou sociais, pero ofrece unha base estatística inédita para orientar a acción pública. A súa principal achega é ordenar o punto de partida: que está facendo xa o sector, onde aparecen as fendas máis claras e que tipo de apoios poden axudar a transformar medidas particulares nunha accesibilidade máis efectiva, transversal e avaliable. As táboas complementarias por sector e perfil de entidade recóllense no anexo que acompaña este informe.

↑ Volver ao índice

3. Achados principais

Este capítulo presenta os resultados do bloque de accesibilidade en oito achados temáticos e unha síntese operativa final. Cada apartado combina os datos esenciais coa súa lectura e coa implicación para a acción pública.

↑ Volver ao índice

3.1. A accesibilidade forma parte da actividade ordinaria dunha parte ampla do sector cultural

Os datos mostran que a accesibilidade non é unha cuestión allea ou excepcional para o tecido cultural galego. O 60,8% das entidades declara que acolle públicos ou persoas usuarias con necesidades de accesibilidade e inclusión polo menos de maneira ocasional e o 22,7% afirma que os recibe habitualmente ou case sempre. Se se exclúen as entidades que consideran que esta cuestión non procede na súa actividade e a ausencia de respostas, arredor de sete de cada dez entidades ás que lles resulta aplicable declaran que teñen contacto con estes públicos cando menos ocasionalmente.

Entidades que reciben públicos ou persoas usuarias con necesidades de accesibilidade e inclusión segundo a frecuencia

FrecuenciaTotal%
Nunca ou case nunca21325,7
Ocasionalmente31638,1
Habitualmente15118,2
Case sempre374,5
Non procede9611,6
Ns/Nc ou inválidos161,9

Fonte: Elaboración propia

Estes resultados permiten situar a accesibilidade como unha dimensión presente na actividade ordinaria dunha parte relevante do sector cultural. Para moitas entidades, as necesidades de accesibilidade aparecen xa na relación habitual cos públicos, persoas usuarias ou participantes, aínda que con intensidades distintas.

A presenza destes públicos varía de maneira clara segundo o sector de actividade. Os valores máis altos aparecen nos ámbitos con maior atención directa á cidadanía, uso de espazos abertos, actividade educativa ou funcións de mediación. Destacan especialmente os museos e centros museísticos, onde o 93,9% das entidades declara que recibe públicos con necesidades de accesibilidade polo menos ocasionalmente e o 61,2% faino habitualmente ou case sempre. Tamén presentan valores elevados as librarías, os sectores das artes escénicas, da educación cultural, as fundacións e asociacións culturais e as bibliotecas. No extremo contrario sitúanse sectores máis orientados á produción, á edición, ao deseño ou á actividade industrial. A táboa seguinte recolle unha selección e a serie completa, cos 17 sectores, figura no anexo de táboas.

Selección de sectores ordenada de maior a menor contacto. A primeira columna numérica indica a porcentaxe de entidades que reciben estes públicos polo menos ocasionalmente e a segunda, a das que os reciben habitualmente ou case sempre. A serie completa figura na táboa A.1 do anexo.

Sectores con maior e menor contacto declarado con públicos con necesidades de accesibilidade

SectorRecibe polo menos ocasionalmente (%)Recibe habitualmente ou case sempre (%)
Museos e centros museísticos93,961,2
Librarías80,032,0
Teatro, danza e resto de artes escénicas78,238,2
Educación cultural76,826,8
Fundacións e asociacións culturais74,531,4
Bibliotecas e servizos para bibliotecas69,518,6
Produción, industria audiovisual40,421,2
Arquitectura, publicidade, deseño35,110,5
Edición de libros e actividades auxiliares30,010,0

Fonte: Elaboración propia

A pauta sectorial é coherente coa natureza da actividade: as entidades que programan, median, forman, teñen atención directa co público ou xestionan espazos culturais detectan con máis frecuencia necesidades concretas de accesibilidade. A lectura debe manter a prudencia polos tamaños mostrais dalgunhas categorías, pero permite fixar unha primeira idea de conxunto: a accesibilidade afecta a unha parte ampla do sistema cultural, aínda que non aparece coa mesma intensidade nin baixo as mesmas formas en todos os ámbitos.

↑ Volver ao índice

3.2. O contacto cos públicos aparece asociado a máis coñecemento, máis medidas e unha implantación máis ampla

A intensidade do contacto con públicos ou persoas usuarias con necesidades de accesibilidade introduce unha das diferenzas máis claras da análise. As entidades que reciben estes públicos con máis frecuencia presentan mellores indicadores en tres planos: coñecemento da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, existencia dalgunha medida implantada e diversidade das medidas aplicadas.

A relación aparece de maneira gradual. Entre as entidades que nunca ou case nunca reciben estes públicos, o 12,7% declara que coñece a lei e ten a información que lle compete, o 70,6% aplica algunha medida e o 15,2% conta con tres ou máis medidas. Entre as que os reciben habitualmente, estes valores sitúanse en 41,3%, 94% e 47%, respectivamente. No grupo que os recibe case sempre, a cifra media de medidas declaradas achégase a 2,73 fronte a 1,25 entre as entidades con menor contacto.

Cada fila é un grupo de entidades segundo a frecuencia coa que reciben públicos con necesidades de accesibilidade. As columnas mostran o número de entidades, a porcentaxe que coñece a lei, a que ten algunha medida, a que ten tres ou máis e a cifra media de medidas. Sen contar o grupo «non procede», todos os indicadores medran a medida que aumenta a frecuencia de contacto.

Indicadores de accesibilidade segundo frecuencia de contacto con públicos con necesidades5

FrecuenciaTotalCoñece a lei (%)Ten algunha medida (%)Ten 3 ou máis medidas (%)Cifra media de medidas
Nunca ou case nunca21312,770,615,21,25
Ocasionalmente31625,187,632,21,99
Habitualmente15141,394,047,02,51
Case sempre3743,294,651,42,73
Non procede9613,753,315,21,04

Fonte: Elaboración propia

A mesma pauta obsérvase na composición das medidas. As diferenzas son especialmente claras nas actuacións que esixen maior planificación ou transformación interna. Os protocolos ou guías internas pasan do 13,7% entre as entidades que nunca ou case nunca reciben estes públicos ao 48,6% entre as que os reciben case sempre. As medidas de inclusión no emprego soben do 10,4% ao 45,9% e os formatos accesibles en contidos aumentan do 19% ao 48,6%.

As filas son os tipos de medida e as columnas, os grupos de entidades segundo a frecuencia coa que reciben públicos con necesidades de accesibilidade. Os valores son porcentaxes de entidades de cada grupo que teñen implantada a medida; a última fila recolle a cifra media de medidas.

Medidas implantadas segundo frecuencia de contacto con públicos con necesidades

MedidasNunca ou case nuncaOcasionalmenteHabitualmenteCase sempreNon procede
Web, comunicación accesible32,245,247,745,925,0
Accesibilidade física49,865,072,875,725,0
Formatos accesibles19,037,355,048,627,2
Protocolos internos13,729,036,448,613,0
Inclusión no emprego10,420,431,845,912,0
Ningunha medida29,412,46,05,446,7
Cifra media de medidas1,251,992,512,731,04

Fonte: Elaboración propia

Estes datos permiten interpretar o contacto cos públicos como un factor de activación. Cando as necesidades de accesibilidade aparecen na actividade concreta da entidade, fanse máis visibles as barreiras, increméntase a procura de solucións e tende a ampliarse o repertorio de medidas. A accesibilidade pasa así dunha preocupación xeral a un problema práctico de xestión, programación, comunicación, atención ao público e organización interna.

Malia as precaucións sinaladas sobre a causalidade, o achado é relevante: se o avance depende só da experiencia acumulada por cada entidade, a implantación tenderá a ser desigual. Por iso gañan importancia os instrumentos compartidos: orientacións aplicables por tipo de actividade, formación práctica, acompañamento técnico e canles de relación con colectivos e persoas usuarias.

↑ Volver ao índice

3.3. A práctica vai por diante do coñecemento operativo da norma

Como se pode intuír a partir da lectura do apartado anterior, hai unha fenda relevante entre a presenza da accesibilidade na actividade cultural e o coñecemento da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia. Só o 24% das entidades declara que coñece a lei e ten xa a información que lle compete. Pola contra, o 44,6% afirma que non a coñecía nin sabía que lle afectaba e o 31,3% oíra falar dela pero aínda non vira en que medida lle resultaba aplicable.

Este dato é especialmente significativo porque aparece nun contexto no que a maioría das entidades declara algún tipo de contacto con públicos con necesidades de accesibilidade e unha parte moi ampla conta xa con algunha medida implantada.

Entidades segundo o seu coñecemento da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia

Grao de coñecemento da leiTotal%% sobre o total
Non a coñecía nin sabía que lle afectaba36644,644,1
Oíu falar dela pero aínda non viu en que lle afecta25731,331,0
Coñécea e xa ten a información que lle compete19724,023,8
Ns/Nc9—1,1

Fonte: Elaboración propia

A relación entre coñecemento da lei e implantación de medidas é clara. Entre as entidades que non coñecían a lei nin sabían que lles afectaba, o 74,7% declara que aplica algunha medida de accesibilidade e o 22% conta con tres ou máis. Entre as que coñecen a lei e teñen a información que lles compete, estas proporcións soben ao 88,3% e ao 49%, respectivamente. Tamén aumenta a cifra media de medidas implantadas de 1,51 a 2,44.

As columnas son os tres graos de coñecemento da lei e as filas, os indicadores. As entidades que coñecen a lei e teñen a información que lles compete presentan valores máis altos en todos os indicadores.

Indicadores de accesibilidade segundo grao de coñecemento da lei

IndicadoresNon a coñecía nin sabía que lle afectabaOíu falar dela pero aínda non viu en que lle afectaCoñécea e xa ten a información que lle compete
Total366257197
Recibe públicos con necesidades polo menos ocasionalmente (%)49,562,679,2
Recibe habitualmente ou case sempre (%)17,217,939,6
Ten algunha medida (%)74,781,888,3
Ten 3 ou máis medidas (%)22,024,149,0
Cifra media de medidas1,511,722,44

Fonte: Elaboración propia

A táboa permite dúas lecturas complementarias. A primeira é que o coñecemento da lei está asociado a unha implantación máis ampla e diversificada. As entidades que declaran que coñecen a norma presentan unha taxa máis elevada de medidas aplicadas, máis contacto con públicos con necesidades de accesibilidade e unha maior probabilidade de contar con tres ou máis actuacións.

A segunda lectura é igual de importante: hai moitas entidades que xa aplican medidas sen coñecer suficientemente a lei. O dato do 74,7% de entidades que emprega algunha medida entre as que non coñecían a norma mostra que a accesibilidade aparece pola experiencia directa, pola adaptación de espazos, pola atención a públicos concretos ou pola evolución das propias prácticas culturais.

Esta fenda pode interpretarse como un problema de levar a norma á práctica. Moitas entidades poden aceptar a importancia da accesibilidade e mesmo aplicar algunhas medidas pero non saber con precisión que implica a nova lei para a súa actividade concreta. A situación non é a mesma para un museo, unha biblioteca, unha libraría, unha compañía escénica, unha produtora audiovisual, unha escola de música, unha entidade patrimonial ou unha persoa autónoma. Cada ámbito ten espazos, públicos, formatos, recursos e responsabilidades distintas.

Desde o punto de vista institucional, o resultado suxire que a difusión xeral da lei é necesaria, pero insuficiente. O sector precisa orientacións aplicables por perfil de entidade e tipo de actividade: criterios básicos, exemplos concretos, prioridades de actuación, modelos de protocolo, referencias técnicas, canles de asesoramento e conexión coas axudas públicas. O grao de coñecemento operativo da lei debería ser, ademais, un indicador recorrente para avaliar o seu despregamento no sector cultural galego.

↑ Volver ao índice

3.4. A accesibilidade está amplamente presente, pero a súa implantación é parcial e desigual por dimensións

A maior parte das entidades culturais declara que ten algunha medida de accesibilidade e inclusión implantada. O 80,3% sinala cando menos unha das medidas recollidas no cuestionario, mentres que o 19,7% afirma que non conta con ningunha. Este resultado permite falar dunha base ampla de prácticas no sector cultural galego, aínda que tamén evidencia diferenzas importantes na intensidade, diversidade e alcance das medidas aplicadas.

A medida máis estendida é a accesibilidade física do espazo, presente no 57,6% das entidades. Séguenlle a web ou comunicación accesible (39,9%) e os formatos accesibles en contidos (35%). Nun nivel inferior aparecen os protocolos ou guías internas para o persoal (25,3%) e as medidas de inclusión no emprego ou nos postos de traballo (20,3%).

As medidas máis recoñecibles ou asociadas á adaptación do espazo aparecen con máis frecuencia, mentres que aquelas que requiren cambios na comunicación, nos contidos, na organización interna ou na política de persoal teñen unha presenza menor. A accesibilidade física segue a ser a dimensión máis consolidada, posiblemente pola maior visibilidade das barreiras físicas, pola existencia de estándares máis coñecidos e pola súa tradición no debate público sobre equipamentos culturais e actividades con atención presencial.

As dimensións comunicativa, cognitiva e sensorial teñen unha presenza máis limitada, aínda que resultan decisivas para o acceso efectivo á experiencia cultural. A información accesible, a claridade da comunicación, os subtítulos, a lingua de signos, a audiodescrición, a lectura fácil ou outras solucións semellantes condicionan non só a posibilidade de chegar a unha actividade, senón tamén de comprendela, seguila e participar nela en condicións adecuadas.

A faceta organizativa aparece aínda menos estendida. Só unha de cada catro entidades declara que conta con protocolos ou guías internas para o persoal. Este dato é relevante porque os protocolos indican un paso cara á planificación: permiten que a accesibilidade non dependa unicamente da experiencia individual, da improvisación ou da boa vontade dunha persoa concreta. Cando existen criterios internos, a entidade ten máis solvencia para dar respostas consistentes, formar o persoal, anticipar necesidades e incorporar a accesibilidade á xestión ordinaria.

A inclusión laboral é a dimensión menos presente entre as recollidas no cuestionario. Este menor peso pode estar condicionado polo tamaño reducido de moitas entidades culturais, pola elevada presenza de profesionais autónomos e pequenas organizacións e pola limitada estrutura de persoal dalgúns ámbitos. Aínda así, o dato indica que a accesibilidade non afecta só á relación cos públicos, senón tamén ás condicións de participación no propio sector cultural.

Medidas de accesibilidade e inclusión implantadas polas entidades culturais6

DimensiónMedida implantadaTotal%
FísicaAccesibilidade física do espazo47257,6
ComunicativaWeb ou comunicación accesible32739,9
Cognitiva/sensorialFormatos accesibles en contidos28735,0
OrganizativaProtocolos ou guías internas para o persoal20725,3
LaboralMedidas de inclusión no emprego ou nos postos de traballo16620,3
OutraOutra medida222,7
—Ningunha medida16119,7

Fonte: Elaboración propia

O reconto de medidas permite precisar mellor esta lectura. Case unha de cada cinco entidades non declara ningunha medida, o 27,6% conta cunha soa, o 23,6% declara dúas e só o 29,2% dispón de tres ou máis.

Entidades segundo o número de medidas de accesibilidade implantadas7

Nivel de implantaciónTotal%
Ningunha medida16119,7
1 medida22627,6
2 medidas19323,6
3 ou máis medidas23929,2

Fonte: Elaboración propia

A diferenza entre ter algunha medida e contar con tres ou máis resulta útil como indicador da amplitude declarada da implantación. O reconto non pondera a calidade, a intensidade nin a pertinencia de cada medida para o tipo de actividade.

Desde esta perspectiva, o reto non consiste só en ampliar o número de entidades que fan algo en materia de accesibilidade, senón en favorecer que esas medidas sexan máis diversas, planificadas e adaptadas á actividade concreta de cada organización. As diferenzas por contacto cos públicos reforzan esta interpretación. A pauta suxire que o contacto continuado con necesidades de accesibilidade contribúe a ampliar a comprensión práctica da inclusión. Cando a accesibilidade forma parte frecuente da actividade, as entidades tenden a ir máis alá da adaptación física e incorporan con máis frecuencia medidas relacionadas cos contidos, cos procedementos internos e coa propia organización do traballo.

As respostas abertas recollidas no cuestionario confirman esta diversidade de prácticas, con referencias a adaptacións caso a caso, colaboracións con colectivos, recursos sensoriais e tecnolóxicos, materiais adaptados, formación interna ou contratación de terceiros especializados.

↑ Volver ao índice

3.5. A capacidade organizativa condiciona fortemente a accesibilidade

Os resultados mostran unha asociación consistente entre accesibilidade e capacidade organizativa. O tipo de entidade, o tamaño, o volume económico, a estabilidade percibida e a capacidade para realizar investimentos aparecen relacionados con mellores indicadores de contacto con públicos con necesidades de accesibilidade, coñecemento normativo e implantación de medidas. A pauta é suficientemente clara como para incorporar unha lectura de capacidades ao diagnóstico: as entidades con máis estrutura teñen máis posibilidades de identificar necesidades, planificar actuacións, acceder a información técnica, mobilizar recursos e incorporar medidas de maneira máis ampla.

A diferenza por tipo de entidade é significativa. As administracións presentan os valores máis altos: o 77% declara que recibe públicos con necesidades de accesibilidade polo menos ocasionalmente, o 32,4% coñece a lei, o 91,9% aplica algunha medida e o 41,9% conta con tres ou máis. No extremo contrario, os profesionais autónomos presentan valores máis baixos: o 46,2% recibe estes públicos polo menos ocasionalmente, o 16,9% coñece a lei, o 60,9% aplica algunha medida e o 18% conta con tres ou máis.

A menor implantación entre profesionais autónomos ou pequenas organizacións pode responder a menores recursos técnicos, financeiros e administrativos, á ausencia de persoal específico, á dificultade para planificar investimentos ou á natureza máis fragmentaria da actividade. Pola contra, as administracións e as entidades con maior estrutura adoitan xestionar espazos, programas, equipamentos, persoal e procedementos máis formalizados, o que facilita a incorporación de medidas.

As columnas son os catro tipos amplos de entidade e as filas, os indicadores. As administracións presentan os valores máis altos e os profesionais autónomos, os máis baixos.

Indicadores de accesibilidade segundo tipo amplo de entidade

IndicadorAdministraciónsTerceiro sector/OutrasEmpresasProfesionais autónomos
Total187168338132
Recibe polo menos ocasionalmente (%)77,069,053,846,2
Recibe habitualmente ou case sempre (%)28,926,821,312,9
Coñece a lei (%)32,427,320,216,9
Ten algunha medida (%)91,986,178,660,9
Ten 3 ou máis medidas (%)41,925,328,618,0
Cifra media de medidas2,381,81,731,23

Fonte: Elaboración propia

O tamaño da entidade reforza esta lectura. Nas entidades cunha ou dúas persoas empregadas, o 20,7% conta con tres ou máis medidas e a cifra media é de 1,49. Nas entidades de máis de dez persoas empregadas, a proporción sobe ao 47% e a media alcanza 2,45. A facturación ou orzamento anual ofrece unha pauta semellante: entre as entidades de menos de 50.000 euros, o 22,3% conta con tres ou máis medidas e entre as de 500.000 euros ou máis, a proporción chega ao 43,8%.

A estabilidade tamén é importante. As entidades que consideran moi garantida a súa continuidade presentan mellores indicadores ca aquelas que a consideran nada ou pouco garantida. A accesibilidade require tempo, planificación e marxe para incorporar cambios. Por iso, resulta máis difícil en contextos de incerteza, actividade irregular ou dependencia de proxectos de curta duración.

O investimento realizado e previsto apunta na mesma dirección. As entidades que investiron en 2025 e prevén facelo en 2026 presentan unha taxa máis elevada de implantación de medidas e unha media superior de actuacións. Este dato permite relacionar a accesibilidade cunha cultura de mellora organizativa: quen ten recursos para adaptar espazos, servizos, comunicación ou procesos internos se atopa en mellores condicións á hora de incorporar criterios de accesibilidade.

A táboa compara, para catro variables de capacidade (tamaño, facturación ou orzamento, continuidade percibida e investimento), o grupo de menor e o de maior capacidade. En todos os casos o grupo de maior capacidade ten máis medidas implantadas.

Gradiente de capacidade organizativa e implantación de medidas

VariableGrupoTen algunha medida (%)Ten 3 ou máis medidas (%)Cifra media de medidas
Tamaño1 ou 2 persoas empregadas73,920,71,49
Máis de 10 persoas empregadas89,947,02,45
Facturación ou orzamentoMenos de 50.000 €73,822,31,5
500.000 € ou máis87,643,82,32
Continuidade percibidaNada ou pouco garantida63,222,61,43
Moi garantida89,135,02,06
InvestimentoNon investiu nin prevé investir70,320,11,43
Investiu en 2025 e prevé investir en 202687,538,12,14

Fonte: Elaboración propia

A relación coas axudas públicas tamén aparece asociada a mellores indicadores. As entidades que solicitaron e obtiveron axudas presentan mellores resultados ca as que non as solicitaron e a pauta é máis clara nas contías máis elevadas. Esta asociación debe interpretarse con prudencia: non significa necesariamente que as axudas recibidas causen unha mellora directa da accesibilidade, tamén pode indicar que as entidades cunha estrutura máis complexa teñen máis capacidade para solicitar, xustificar e xestionar financiamento público. Aínda así, o dato ten unha consecuencia práctica: as convocatorias de axudas poden ser unha vía útil para introducir criterios, información, incentivos e acompañamento en materia de accesibilidade.

O achado ten unha implicación central para o deseño de políticas públicas. As medidas de accesibilidade non poden formularse da mesma maneira para todos os axentes culturais. As entidades grandes ou públicas poden precisar apoio para intervencións complexas, diagnóstico técnico de espazos, planificación e seguimento. As pequenas entidades, os profesionais autónomos e as organizacións con estrutura máis simple poden precisar ferramentas máis elementais: orientacións claras, asesoramento directo, modelos básicos, formación breve, directorios de provedores e axudas proporcionadas á súa escala.

A lectura de capacidade evita dúas simplificacións. Por unha banda, non atribúe a menor implantación unicamente á falta de vontade e por outra, tampouco dá por suposto que as entidades máis grandes teñan resolto o problema da accesibilidade. O que amosan os datos é unha diferenza nas condicións de partida. Para avanzar, a política cultural debe combinar criterios comúns con instrumentos proporcionados á realidade organizativa de cada entidade.

↑ Volver ao índice

3.6. Coñecer os públicos é unha condición relevante para avanzar en accesibilidade

A recollida de datos sobre públicos e usuarios aparece asociada a mellores indicadores de accesibilidade. As entidades que recollen información de maneira regular presentan valores superiores nos indicadores que se veñen manexando.

Entre as entidades que recollen regularmente datos de públicos ou persoas usuarias, o 75,8% declara que recibe públicos con necesidades de accesibilidade polo menos de forma ocasional, o 32,7% coñece a lei e o 89,7% ten algunha medida implantada. A cifra media de medidas neste grupo é de 2,25. Entre as entidades que non recollen datos, estes valores descenden ao 46%, 16,5%, 71,3% e 1,47 medidas, respectivamente.

Indicadores de accesibilidade segundo recollida de datos de públicos

IndicadorSi, regularmenteSi, ocasionalmenteNon
Total331114374
Recibe polo menos ocasionalmente (%)75,868,446,0
Recibe habitualmente ou case sempre (%)30,219,317,4
Coñece a lei (%)32,723,716,5
Ten algunha medida (%)89,782,571,3
Ten 3 ou máis medidas (%)39,121,123,0
Cifra media de medidas2,251,651,47

Fonte: Elaboración propia

Este resultado conecta a accesibilidade coas prácticas de coñecemento do sistema cultural. As entidades que dispoñen de información sobre os seus públicos están mellor situadas á hora de identificar necesidades, detectar barreiras, adaptar a comunicación, orientar a programación e avaliar se as medidas implantadas chegan realmente ás persoas destinatarias.

A relación debe interpretarse con cautela, xa que a recollida de datos pode ser neste caso tamén un indicador indirecto de mellores condicións organizativas. As entidades que teñen máis persoal, máis estabilidade, máis actividade pública ou máis recursos técnicos poden recoller datos con máis facilidade e, ao mesmo tempo, aplicar máis medidas de accesibilidade.

Aínda así, o achado ten unha utilidade clara. A accesibilidade require coñecer quen participa e quen non o fai, que barreiras aparecen antes, durante e despois da actividade cultural e que apoios son necesarios para mellorar a experiencia. Sen información sobre públicos, as entidades poden aplicar medidas propias, pero teñen máis dificultades para avaliar se esas medidas responden ás necesidades reais ou se deixan fóra determinados perfís.

Desde a perspectiva da política pública, a recollida de datos pode funcionar como unha infraestrutura básica de accesibilidade. Non se trataría de impoñer sistemas complexos nin cargas administrativas excesivas, especialmente ás entidades pequenas, senón de promover ferramentas mínimas e proporcionadas: datos básicos de asistencia, perfil xeral de públicos, necesidades detectadas, barreiras comunicadas, satisfacción, demandas non cubertas e aprendizaxes para a seguinte actividade.

A implicación principal é que a accesibilidade non debería medirse só polo número de medidas implantadas, senón que tamén importa a disposición das entidades para coñecer os públicos, detectar ausencias e aprender da experiencia. Neste sentido, o feito de incorporar datos de públicos á xestión ordinaria pode ser un paso decisivo para pasar de adaptacións puntuais a procesos de mellora continuada.

↑ Volver ao índice

3.7. As barreiras declaradas combinan financiamento, espazos, coñecemento técnico, organización e relación cos públicos

As entidades culturais identifican dificultades diversas para mellorar a accesibilidade e a inclusión. A máis citada é o custo ou financiamento, sinalada polo 31,7% das entidades con resposta válida. A continuación aparecen as limitacións do espazo ou das infraestruturas (26,9%) e a falta de coñecemento técnico ou de provedores especializados (16,1%). Tamén teñen peso a dificultade para chegar ao público con esas necesidades (12,8%) e a falta de tempo ou persoal (11,2%).

Principal dificultade para mellorar a accesibilidade e inclusión

Principal dificultadeTotal%% sobre o total
Custo ou financiamento23531,728,3
Limitacións do espazo ou infraestrutura19926,924,0
Falta de coñecemento técnico ou provedores11916,114,4
Dificultade para chegar ao público con esas necesidades9512,811,5
Falta de tempo ou persoal8311,210,0
Outra dificultade101,31,2
Ns/Nc ou inválidos88—10,6

Fonte: Elaboración propia

A primeira lectura é que o sector sitúa boa parte das dificultades no terreo das condicións materiais e técnicas de aplicación. A adaptación de espazos, a mellora da comunicación, a produción de formatos accesibles, a contratación de servizos especializados ou a incorporación de protocolos requiren recursos económicos, coñecemento aplicado e medios de xestión. A accesibilidade aparece así vinculada á posibilidade real de transformar espazos, procesos, contidos e formas de relación cos públicos.

O peso das limitacións do espazo é especialmente relevante no ámbito cultural. Moitas actividades desenvólvense en edificios antigos, equipamentos con restricións arquitectónicas, espazos patrimoniais ou instalacións non concibidas inicialmente con criterios de accesibilidade universal. Nestes casos, a mellora require solucións técnicas adaptadas, investimento e criterios realistas e non simples recomendacións xerais.

A falta de coñecemento técnico ou de provedores especializados introduce unha segunda dimensión, xa que unha parte das entidades parece que precisa orientación práctica. Esta barreira conecta directamente co deseño de guías, asesoramento, formación aplicada e redes de profesionais ou entidades especializadas.

A falta de tempo ou persoal apunta á dimensión organizativa. Nas entidades pequenas, con estruturas reducidas ou actividade dependente de proxectos, a accesibilidade pode quedar subordinada a outras urxencias. Este dato debe lerse xunto cos achados anteriores sobre capacidade organizativa.

A dificultade para chegar aos públicos con necesidades de accesibilidade engade unha dimensión de vinculación. Unha entidade pode incorporar medidas e, con todo, non acadar os públicos destinatarios se non existen canles de comunicación, mediación, confianza e colaboración con colectivos. A accesibilidade depende tamén de como se informa, de quen transmite esa información, de que relación previa existe coas persoas usuarias e de se as medidas responden ás súas necesidades reais.

As diferenzas por perfil indican que as barreiras non son homoxéneas. Segundo os cruzamentos por tipo de entidade, nas administracións a principal dificultade son as limitacións do espazo ou da infraestrutura (34,1%), entre as empresas e os profesionais autónomos predomina o custo ou financiamento (35,6% e 34,3%) e nos profesionais autónomos gañan peso ademais a falta de coñecemento técnico (19,6%) e a dificultade para chegar ao público (18,6%). As táboas completas por sector e por perfil recóllense no anexo.

Lectura integrada das principais barreiras

Tipo de barreiraDatos que a sustentanLectura operativa
EconómicaCusto ou financiamento (31,7%)Necesidade de axudas, investimento e recursos específicos
De InfraestruturaEspazo ou infraestrutura (26,9%)Peso de equipamentos, edificios antigos, patrimonio e adaptación física
TécnicaCoñecemento técnico ou provedores (16,1%)Demanda de asesoramento, estándares, guías e provedores especializados
OrganizativaTempo ou persoal (11,2%)Dificultade para incorporar a accesibilidade á xestión ordinaria
De relaciónsChegar ao público (12,8%)Importancia da comunicación, mediación e relación con colectivos

Fonte: Elaboración propia

As respostas abertas matizan esta lectura. Nelas aparecen referencias á falta de persoal formado, á sensibilización, á cultura organizativa, á ausencia de directrices claras, ás decisións de programación, ás limitacións derivadas de espazos protexidos ou patrimoniais e á necesidade de vontade interna para aplicar medidas.

↑ Volver ao índice

3.8. O sector demanda financiamento, pero tamén acompañamento técnico, formación e recursos prácticos

As demandas de apoio formuladas polas entidades culturais son coherentes co mapa de barreiras identificado no apartado anterior. A opción máis citada é as axudas económicas, sinalada polo 42,8% das entidades con resposta válida. A continuación aparecen a asistencia técnica ou acompañamento (19,9%) e a formación e recursos prácticos —guías, protocolos ou ferramentas semellantes—(19,1%). A rede de provedores e o contacto con colectivos constitúe un apoio prioritario para o 9,4% das entidades e a simplificación administrativa para o 7,2%.

O predominio das axudas económicas indica que a accesibilidade é percibida como unha dimensión que require investimento. Con todo, a demanda non se reduce ao financiamento. Se se agregan asistencia técnica, formación e recursos prácticos, case catro de cada dez entidades sitúan como apoio máis útil algún tipo de coñecemento aplicado ou acompañamento. Este dato é relevante porque mostra que unha parte importante do sector non precisa só recursos económicos, senón tamén orientación sobre como actuar.

Apoio máis útil para avanzar en accesibilidade e inclusión

Apoio máis útilTotal%% sobre o total
Axudas económicas32342,839,0
Asistencia técnica/acompañamento15019,918,1
Formación e recursos prácticos —guías, protocolos—14419,117,4
Rede de provedores e contacto con colectivos719,48,6
Simplificación administrativa547,26,5
Outro apoio131,71,6
Ns/Nc ou inválidos74—8,9

Fonte: Elaboración propia

As diferenzas por tipo de entidade reforzan esta lectura. Nas administracións destaca especialmente a asistencia técnica ou acompañamento, sinalada polo 26,3% das entidades. Isto pode relacionarse coa complexidade dos equipamentos, espazos públicos, programacións e responsabilidades que xestionan. Nas empresas e no terceiro sector as axudas económicas aparecen con máis forza e no caso dos profesionais autónomos a demanda está máis repartida.

Porcentaxes de entidades de cada tipo (columnas) que sinalan cada apoio (filas) como o máis útil. As axudas económicas son a opción máis citada en todos os tipos, aínda que entre os profesionais autónomos a demanda está máis repartida.

Apoio máis útil segundo tipo amplo de entidade

Apoio máis útilTerceiro sector/outrasEmpresasAdministraciónsProfesionais autónomos
Axudas económicas47,546,242,526,0
Formación e recursos prácticos19,016,321,823,1
Asistencia técnica/acompañamento19,016,326,320,2
Rede de provedores e colectivos5,711,24,518,3
Simplificación administrativa8,28,03,98,7
Outro0,61,91,13,8

Fonte: Elaboración propia

A análise sectorial amosa que a asistencia técnica destaca en ámbitos como educación cultural, patrimonio, arquitectura e deseño, edición de libros e museos. A formación e os recursos prácticos teñen máis peso en artes visuais, educación cultural, artes gráficas, produción audiovisual e bibliotecas. A rede de provedores e contacto con colectivos aparece con especial relevancia nas artes escénicas e na produción audiovisual.

O principio de proporcionalidade non deriva de diferenzas na demanda declarada segundo o tamaño, que non resultan estatisticamente significativas, senón do gradiente de capacidade organizativa descrito en 3.5: as entidades de maior dimensión afrontan intervencións máis complexas, mentres que as de menor estrutura precisan apoios máis simples, aplicables e de baixa carga administrativa

As respostas abertas asociadas aos apoios engaden matices con referencias á formación, á sensibilización, á asistencia técnica, á contratación de profesionais especializados, á adaptación de espazos e infraestruturas, á necesidade de campañas e á importancia de contar con directrices claras.

A implicación principal é que o apoio público á accesibilidade cultural debería combinar financiamento, coñecemento aplicado e acompañamento continuado. A resposta máis útil, polo tanto, sería unha combinación destes factores, o cal permitiría pasar de actuacións illadas a unha política de accesibilidade máis ordenada, adaptada á diversidade do sector cultural galego e vinculada a criterios de avaliación e seguimento.

↑ Volver ao índice

3.9. Síntese operativa: perfís de entidades ante a accesibilidade

A análise permite avanzar desde unha lectura xeral da accesibilidade cara á identificación de perfís de entidades con necesidades de apoio distintas. A combinación de tres variables permite construír unha tipoloxía sinxela, útil para ordenar o diagnóstico e orientar a acción pública.

Esta tipoloxía debe entenderse como unha ferramenta analítica, xa que non clasifica as entidades de maneira definitiva nin substitúe a lectura por sector, tamaño ou función cultural. A súa utilidade está en mostrar que o sector non se divide simplemente entre entidades con ou sen accesibilidade, senón que presenta situacións intermedias con implicacións moi diferentes.

A táboa describe os cinco segmentos da tipoloxía (A a E). Para cada un indica o criterio que o define, o número de entidades, a porcentaxe sobre a base clasificable, a media de medidas implantadas e unha lectura operativa. Os segmentos B e C suman o 47% da base clasificable.

Tipoloxía operativa de entidades segundo contacto, coñecemento da lei e implantación de medidas8

SegmentoCriterio principalTotal% sobre base clasificableMedia de medidasLectura operativa
A. Maior implantación declaradaContacto con públicos, coñecemento da lei e 2 ou máis medidas12215,13,31Entidades con maior nivel de implantación e capacidade de profundización
B. Con implantación, pero descoñecemento da leiContacto con públicos, 2 ou máis medidas, pero sen coñecemento operativo da lei20425,22,81Entidades activas na práctica, pero con necesidade de apoio para aplicar a normativa
C. Expostas con implantación baixaContacto con públicos e 0-1 medidas17621,80,72Entidades que detectan necesidades, pero contan con pouca implantación
D. Con baixo contacto declaradoNunca ou case nunca reciben estes públicos21126,11,25Entidades con baixo contacto declarado e risco de menor identificación de necesidades
E. Non procedeConsideran que a cuestión non procede na súa actividade9611,91,04Grupo heteroxéneo que require unha lectura prudente

Fonte: Elaboración propia

O segmento máis numeroso entre os perfís activos é o das entidades con implantación de medidas, pero que descoñecen a lei. Representan o 25,2% da base clasificable: teñen contacto con públicos con necesidades de accesibilidade e declaran que aplican dúas ou máis medidas, pero non teñen clara a utilidade da lei para as súas actividades. Este grupo é especialmente relevante para a lectura institucional do informe, porque mostra que unha parte importante do sector xa actúa neste ámbito, aínda que sen un marco normativo plenamente incorporado. A prioridade neste caso non sería iniciar as medidas de accesibilidade desde cero, senón aplicar a norma á realidade concreta de cada ámbito cultural.

O segmento das entidades con maior implantación declarada representa o 15,1%. Son entidades que combinan contacto cos públicos, coñecemento da lei e un nivel máis amplo de implantación. Aplican unha media de 3,31 medidas e constitúen o grupo con maior capacidade acumulada. Para este perfil, os apoios poderían orientarse a intervencións máis ambiciosas, planificación, melloras técnicas, avaliación e extensión de boas prácticas.

As entidades expostas con implantación baixa constitúen outro grupo clave. Representan o 21,8% da base clasificable. Teñen contacto con públicos con necesidades de accesibilidade, pero declaran que aplican unha ou ningunha medida. Este segmento mostra unha fenda entre exposición ao problema e a capacidade de resposta. Aquí poden resultar especialmente útiles apoios básicos de arranque: diagnóstico inicial, asesoramento directo, guías simples, formación aplicada, pequenas axudas e conexión con provedores ou colectivos especializados.

O grupo das entidades con baixo contacto declarado (26,1%), está formado por organizacións que nunca ou case nunca reciben públicos con necesidades de accesibilidade. Este perfil debe interpretarse con coidado, xa que pode incluír entidades cuxa actividade ten menor contacto directo coa cidadanía, pero tamén casos nos que non están suficientemente identificadas determinadas necesidades. Para este segmento, a prioridade podería estar na sensibilización, na identificación de barreiras pouco visibles e na incorporación de criterios básicos proporcionados ao tipo de actividade.

Finalmente, o grupo “non procede” representa o 11,9%. É un segmento heteroxéneo e metodoloxicamente delicado. Pode agrupar actividades onde a accesibilidade ten unha presenza menos directa, pero tamén casos nos que a entidade non percibe aínda a relevancia da cuestión. Por iso, convén non lelo como un espazo alleo ás necesidades de accesibilidade, senón como un grupo que require mellor comprensión nas futuras medicións.

A tipoloxía sintetiza unha das ideas centrais do capítulo: as entidades culturais non precisan todas o mesmo apoio. Aquelas que xa teñen práctica pero non coñecen a norma precisan orientación e exemplos aplicables, as que teñen contacto cos públicos pero poucas medidas precisan acompañamento básico e recursos proporcionados, as máis consolidadas poden avanzar cara a medidas máis complexas e avaliación. E, por último, as entidades con baixo contacto declarado precisan ferramentas para identificar necesidades e barreiras que poden estar menos visibles.

Esta lectura permite tamén mellorar o seguimento futuro. A evolución da accesibilidade podería medirse observando o movemento entre segmentos: cantas entidades pasan de baixa implantación á práctica consolidada, cantas incorporan coñecemento operativo da lei, cantas aumentan a diversidade das medidas ou cantas deixan de situar a accesibilidade como unha cuestión non procedente. Empregada con prudencia, a tipoloxía ofrece un indicador máis comprensible ca unha suma illada de porcentaxes.

↑ Volver ao índice

4. Matriz operativa: barreiras, capacidades e apoios

Os achados anteriores permiten pasar dunha lectura descritiva da accesibilidade a unha interpretación operativa. Os datos mostran que a accesibilidade está presente na actividade dunha parte ampla do sector cultural, pero tamén que a súa implantación é desigual, depende da capacidade organizativa das entidades e require apoios diferenciados. A cuestión principal é identificar que condicións permiten avanzar, que barreiras frean ese avance e que tipo de apoio resulta máis axeitado para cada perfil.

Esta matriz parte da idea de que a accesibilidade cultural depende da capacidade efectiva para recoñecer necesidades, converter criterios xerais en actuacións concretas, mobilizar recursos, aplicar medidas proporcionadas e avaliar resultados.

A lectura pode resumirse en tres planos: primeiro, a situación de partida das entidades; segundo, as capacidades que cómpre reforzar; e terceiro, os apoios públicos ou sectoriais que poden facilitar o avance.

Cada fila resume un diagnóstico do informe, a evidencia en que se apoia e a súa implicación operativa para a acción pública.

Matriz operativa de diagnóstico

DiagnósticoEvidencia principalImplicación operativa
A accesibilidade forma parte da actividade ordinaria dunha parte ampla do sectorO 60,8% das entidades recibe públicos con necesidades de accesibilidade polo menos ocasionalmente e o 22,7% habitualmente ou case sempreDebe tratarse como unha dimensión transversal da política cultural, non como unha cuestión excepcional
A presenza da accesibilidade é desigualAs diferenzas por sector, función, tipo de entidade e tamaño son relevantesOs apoios deben adaptarse á posición de cada entidade no sistema cultural
A práctica vai por diante do coñecemento da normativaSó o 24% declara que coñece a lei e ten a información que lle compete, malia que moitas entidades xa aplican medidasA lei precisa orientación aplicable por ámbitos, perfís e tipos de actividade
A implantación é ampla, pero parcialO 80,3% aplica algunha medida, pero só o 29,2% conta con tres ou máisA prioridade non é só iniciar medidas, senón profundalas, diversificalas e ordenalas
A accesibilidade física é a dimensión máis asentadaA accesibilidade física alcanza o 57,6%, fronte ao 25,3% dos protocolos internos e o 20,3% da inclusión laboralCómpre reforzar dimensións comunicativas, cognitivas, organizativas e laborais
A capacidade organizativa condiciona a respostaTamaño, facturación, estabilidade, investimento e tipo de entidade están asociados a mellores indicadoresOs apoios deben ser proporcionados á escala e capacidade de cada entidade
Coñecer os públicos mellora a capacidade de respostaAs entidades que recollen datos regularmente presentan mellores indicadores de accesibilidadeA recollida básica de datos de públicos debe considerarse unha infraestrutura de accesibilidade
As barreiras son múltiplesO custo, os espazos, o coñecemento técnico, o tempo/persoal e a relación cos públicos aparecen como dificultades principaisA resposta pública debe combinar financiamento, asistencia técnica, formación, mediación e seguimento
A demanda de apoio non é só económicaAs axudas económicas son a opción máis citada, pero a asistencia técnica, a formación e os recursos prácticos teñen tamén un peso relevanteAs axudas deben integrarse nun ecosistema de acompañamento
Existen perfís operativos diferenciadosA combinación de contacto, coñecemento normativo e medidas permite distinguir entidades con maior implantación declarada, con implantación, pero descoñecemento da lei, expostas con baixa implantación, con baixo contacto declarado e “non procede”Cada perfil require unha estratexia distinta de apoio e seguimento

Fonte: Elaboración propia

Esta lectura conxunta permite evitar dúas simplificacións. A primeira sería interpretar a accesibilidade como unha cuestión xa resolta porque a maioría das entidades declara que aplica algunha medida. A segunda sería tratala como un campo sen punto de partida, como se o sector non tivese prácticas acumuladas. Os datos indican unha situación intermedia: existe unha base ampla de actuacións, pero aínda parcial, desigual e pouco conectada cun coñecemento operativo da norma.

↑ Volver ao índice

4.1. Apoios diferenciados segundo o punto de partida das entidades

Dos datos podería interpretarse que moitas entidades actúan de maneira parcial ou vinculada á súa experiencia concreta cos públicos, pero non sempre dispoñen de criterios claros para ordenar, avaliar ou dar prioridade a esas actuacións. A resposta institucional debería orientarse a producir materiais, exemplos e instrumentos aplicables a realidades distintas.

As convocatorias públicas poden desempeñar aquí un papel importante. A accesibilidade podería incorporarse progresivamente aos programas de apoio cultural a través de esixencias graduais, orientación práctica e acompañamento, para evitar que se converta nunha carga administrativa difícil de asumir polas entidades con menor estrutura.

A tipoloxía operativa presentada ao final do capítulo anterior permite orientar mellor os apoios. As entidades non se atopan no mesmo punto e esta diversidade obriga a introducir un principio de proporcionalidade. O relevante é identificar que capacidade falta en cada caso e que apoio pode activala.

Para cada perfil de entidade, a táboa indica o seu punto de partida, a capacidade que cómpre reforzar e os apoios máis axeitados. As dúas últimas filas engaden perfís definidos pola escala da entidade.

Orientación dos apoios segundo perfil operativo de entidade

PerfilPunto de partidaCapacidade que cómpre reforzarApoios máis axeitados
Entidades con maior implantación declaradaTeñen contacto cos públicos, coñecen a lei e declaran dúas ou máis medidas implantadasProfundización, avaliación, mellora técnica e extensión de boas prácticasDiagnóstico especializado, planificación, financiamento para intervencións complexas, avaliación e programas piloto
Con implantación, pero descoñecemento da leiTeñen contacto cos públicos e varias medidas implantadas, pero non coñecen suficientemente a leiAplicación da normativa e ordenación das prácticas xa existentesGuías por ámbito, exemplos aplicables, asesoramento, revisión de protocolos e conexión coas convocatorias públicas
Expostas con implantación baixaTeñen contacto con públicos con necesidades, pero declaran cero ou unha medidaArranque, prioridade e identificación de medidas proporcionadasDiagnóstico inicial, pequenas axudas, formación aplicada, modelos sinxelos, asistencia técnica básica e contacto con provedores
Con baixo contacto declaradoDeclaran baixo contacto con públicos con necesidades de accesibilidadeIdentificación de necesidades e barreiras pouco visiblesSensibilización, ferramentas de autoavaliación, criterios mínimos e exemplos adaptados ao tipo de actividade
“Non procede”Marcaron “non procede” na pregunta sobre a frecuencia de contacto con estes públicosComprensión do significado desta resposta e identificación das dimensións de accesibilidade aplicables á súa actividadePreguntas de contraste, orientación sectorial, exemplos de accesibilidade en actividades non presenciais ou con menor contacto directo
Pequenas entidades, profesionais autónomos e microentidadesBaixa estrutura técnica, económica ou administrativaCapacidade práctica de aplicación sen sobrecargaRecursos de baixa carga administrativa, modelos reutilizables, formación breve, directorios de provedores e asesoramento directo
Entidades públicas ou de maior tamañoEstrutura máis complexa, responsabilidade sobre equipamentos, persoal e programaciónsPlanificación, cumprimento, coordinación interna e seguimentoPlans de mellora, diagnóstico técnico, financiamento específico, asistencia especializada, formación de persoal e avaliación periódica

Fonte: Elaboración propia

A utilidade desta matriz non está en clasificar de maneira ríxida as entidades, senón en orientar o tipo de resposta e lembrar que a accesibilidade require apoios graduados segundo as posibilidades reais de cada organización.

↑ Volver ao índice

4.2. Barreiras e respostas operativas

As barreiras declaradas polas entidades permiten entender mellor que tipo de apoio público pode resultar útil. Esta relación suxire que a accesibilidade non debería abordarse mediante un único instrumento. As barreiras económicas requiren financiamento, as relacionadas coas infraestruturas precisan diagnóstico técnico e solucións adaptadas aos espazos, as técnicas demandan asesoramento, guías e redes de provedores, as organizativas requiren ferramentas proporcionadas á escala das entidades e as relacionais esixen mediación, comunicación clara e contacto cos colectivos e persoas usuarias.

Para cada barreira principal, a táboa indica a capacidade que limita, a resposta operativa necesaria e os instrumentos posibles.

Relación entre barreiras, capacidades e respostas operativas

Barreira principalCapacidade que limitaResposta operativa necesariaInstrumentos posibles
Custo ou financiamentoCapacidade de investimento e contratación de servizos accesiblesFacilitar recursos económicos proporcionados á escala da entidadeAxudas específicas, microfinanciamento, liñas para formatos accesibles, criterios de accesibilidade en convocatorias
Espazo ou infraestruturaCapacidade de adaptar equipamentos, edificios ou contornos de actividadeDefinir solucións técnicas realistas segundo o tipo de espazoDiagnóstico técnico, asesoramento en edificios patrimoniais, plans de mellora, adaptación progresiva de equipamentos
Coñecemento técnico ou provedoresCapacidade de saber que facer, como facelo e con quenProporcionar orientación aplicada e acceso a especialistasGuías, estándares, directorios de provedores, asistencia técnica, recursos sectoriais
Falta de tempo ou persoalCapacidade de incorporar a accesibilidade á xestión ordinariaReducir complexidade e facilitar a aplicaciónModelos simples, protocolos reutilizables, formación breve, apoio administrativo, ferramentas de autoavaliación
Dificultade para chegar ao públicoCapacidade de comunicación, mediación e relación con colectivosMellorar a información previa, a confianza e as canles de contactoRedes territoriais, colaboración con colectivos, mediadores, comunicación accesible, probas con persoas usuarias
Baixo coñecemento da leiCapacidade de trasladar a norma á práctica concretaConverter o marco legal en criterios aplicables por ámbitoFichas sectoriais, exemplos prácticos, sesións informativas, acompañamento vinculado a convocatorias
Baixa recollida de datos de públicosCapacidade de detectar necesidades, ausencias e resultadosIncorporar información mínima sobre públicos e barreirasModelos básicos de recollida de datos, rexistro de incidencias, preguntas de satisfacción, indicadores mínimos

Fonte: Elaboración propia

A clave é que estas barreiras adoitan acumularse. A resposta máis eficaz será, probablemente, a que combine distintos instrumentos.

↑ Volver ao índice

4.3. Cara a un ecosistema de apoio á accesibilidade cultural

A análise apunta á conveniencia de concibir a accesibilidade cultural como un ecosistema de apoio e non só como unha liña illada de subvención ou como unha recomendación xeral. Ese ecosistema debería combinar eses apoios porque cada instrumento perde eficacia se se aplica de maneira illada. Neste sentido, a accesibilidade cultural debe entenderse como un proceso de mellora continuada. O punto de partida do sector non é homoxéneo. Esta diversidade aconsella combinar unha base común de criterios coa flexibilidade necesaria para adaptar os apoios.

O papel da política pública debería contribuír a crear condicións para que as entidades poidan recoñecer necesidades, darlles prioridade ás actuacións, acceder a coñecemento técnico, mobilizar recursos, relacionarse con persoas usuarias, públicos destinatarios ou colectivos implicados e avaliar se as medidas melloran realmente a participación cultural. Ese desprazamento da obriga abstracta á capacidade efectiva de aplicación é o núcleo operativo deste informe.

A matriz, polo tanto, non substitúe os achados nin a futura avaliación, senón que ordena a súa aplicación práctica e permite pasar de preguntas xerais a preguntas de acción. O capítulo seguinte propón un marco de medición para responder a estas preguntas de maneira recorrente.

↑ Volver ao índice

5. Proposta de indicadores para medir a accesibilidade cultural

A análise realizada neste informe parte dun conxunto limitado de preguntas do Barómetro da Cultura Galega 2026. Esa aproximación permitiu identificar dimensións relevantes, pero unha medición completa da accesibilidade cultural require un marco máis amplo.

Os datos deste informe recollen a perspectiva declarada das entidades. Esta mirada é imprescindible para coñecer o potencial da oferta cultural, pero non abonda para avaliar a accesibilidade efectiva. Para iso cómpre incorporar tamén a experiencia das persoas usuarias, a calidade das medidas, o seu uso real, a existencia de barreiras non detectadas e a dispoñibilidade das entidades para aprender e mellorar ao longo do tempo.

A partir desta experiencia, este capítulo propón un marco básico de indicadores que poida ser útil para administracións públicas, equipamentos culturais, entidades do sector, programas de apoio e futuros instrumentos de análise. A proposta non pretende establecer un sistema pechado, senón ordenar as dimensións que deberían terse en conta cando se queira medir a accesibilidade cultural con maior precisión.

↑ Volver ao índice

5.1. Medir máis alá da existencia formal de medidas

A medición da accesibilidade cultural adoita comezar por saber se unha entidade dispón de medidas para ese fin porque permite identificar unha parte da realidade, mais non chega para coñecer se son suficientes, se se aplican de maneira regular ou se melloran a experiencia das persoas usuarias.

Un sistema de indicadores debería permitir responder a varias preguntas encadeadas nas que a accesibilidade se considerase como un proceso tal e como se describe na seguinte táboa.

Preguntas básicas para medir a accesibilidade cultural

PreguntaQue permite observar
Que barreiras existen?Dificultades físicas, económicas, comunicativas, cognitivas, territoriais, sociais ou organizativas
Que recursos teñen as entidades?Capacidade económica, persoal, formación, tempo, provedores e apoio técnico
Que medidas se aplican?Actuacións concretas de accesibilidade dispoñibles
Quen utiliza esas medidas?Uso real dos recursos, apoios ou adaptacións ofrecidas
Como se vive a experiencia?Satisfacción, dificultades persistentes e calidade percibida
Que públicos quedan fóra?Demandas non atendidas, ausencia de colectivos ou barreiras previas á participación
Que cambia despois da avaliación?Aprendizaxes, melloras introducidas e continuidade das medidas

Fonte: Elaboración propia

Esta secuencia evita reducir a medición a unha listaxe de requisitos formais. A existencia dunha medida debe relacionarse coa súa utilidade, co seu uso, coa súa calidade e coa disposición da entidade para revisala.

↑ Volver ao índice

5.2. Principios para un sistema de indicadores

Un sistema de indicadores sobre accesibilidade cultural debería construírse arredor de cinco principios: multidimensionalidade, dobre perspectiva de oferta e demanda, proporcionalidade, comparabilidade e utilidade operativa.

Principios dun sistema de indicadores de accesibilidade cultural

PrincipioImplicación para a medición
MultidimensionalidadeIncorporar accesibilidade física, económica, territorial, comunicativa, cognitiva, dixital, lingüística, social e organizativa
Oferta e demandaCombinar datos das entidades culturais coa experiencia das persoas usuarias
ProporcionalidadeAdaptar os indicadores ao tamaño, función e capacidade de cada entidade
ComparabilidadeManter un núcleo estable de indicadores para observar evolucións no tempo
Utilidade operativaMedir para orientar melloras, non só para acreditar cumprimento formal

Fonte: Elaboración propia

A multidimensionalidade é esencial porque a accesibilidade cultural non se limita ao acceso físico aos espazos. Unha persoa pode entrar nun equipamento e seguir sen acceder plenamente á experiencia cultural se a información non é comprensible, se non hai formatos adaptados, se os horarios son excluíntes, se o prezo é unha barreira, se non existen apoios de mediación ou se a comunicación non chega aos colectivos destinatarios.

A dobre perspectiva tamén é necesaria. As entidades poden informar sobre medidas, recursos e dificultades de aplicación. As persoas usuarias poden achegar información sobre barreiras reais, calidade da experiencia, expectativas, confianza e necesidades non cubertas. Sen esta segunda perspectiva, o diagnóstico queda limitado á mirada da oferta cultural.

A proporcionalidade resulta especialmente importante nun sector diverso. Un gran equipamento público, unha biblioteca municipal, unha compañía escénica, unha libraría, unha asociación cultural, unha produtora audiovisual ou unha persoa autónoma non teñen a mesma estrutura nin as mesmas responsabilidades. Os indicadores deben permitir comparacións, pero tamén recoñecer diferenzas de escala.

↑ Volver ao índice

5.3. Dimensións básicas da accesibilidade cultural

A experiencia deste informe mostra a utilidade de distinguir medidas físicas, comunicativas, cognitivas, organizativas e laborais, pero unha guía máis completa debería incorporar tamén dimensións económicas, territoriais, dixitais, lingüísticas, sociais, participativas e avaliativas.

Para cada unha das doce dimensións propostas, a táboa indica que mide e ofrece exemplos de indicadores.

Dimensións básicas para medir a accesibilidade cultural

DimensiónQue mideExemplos de indicadores
FísicaCondicións de acceso e uso dos espazosAccesos adaptados, mobilidade interior, baños accesibles, sinalización, reserva de prazas
EconómicaBarreiras de custoPrezos, gratuidade, descontos, transporte, custos asociados, políticas de tarifas
TerritorialDistribución espacial da oferta e condicións de desprazamentoProgramación por territorio, distancia, transporte público, actividade fóra dos núcleos urbanos
ComunicativaAcceso á informaciónWeb accesible, información previa clara, lectura fácil, formatos comprensibles, canles diversas
Cognitiva e sensorialPosibilidade de comprender e seguir a actividadeSubtítulos, lingua de signos, audiodescrición, pictogramas, materiais adaptados, recursos táctiles
DixitalAcceso a contidos e servizos dixitaisPlataformas accesibles, retransmisións, contidos en liña, materiais descargables
Lingüística e idiomáticaCondicións lingüísticas de acceso e participaciónDispoñibilidade de información, contidos ou mediación nas linguas necesarias para os públicos, claridade terminolóxica e respecto dos dereitos lingüísticos
SocialBarreiras asociadas á idade, aos coidados, á orixe, á clase ou ao capital culturalHorarios, conciliación, mediación comunitaria, programación interxeracional, accesibilidade para novos públicos
ParticipaciónCapacidade de influír na oferta culturalConsulta a públicos, participación de colectivos, deseño conxunto de actividades, consellos ou espazos de escoita
OrganizativaCapacidade interna para aplicar medidasPersoal formado, protocolos, orzamento, planificación, persoas responsables identificadas
Relación con colectivosConexión con entidades especializadas e públicos afectadosConvenios, asesoramento externo, redes de colaboración, probas con persoas usuarias
AvaliaciónAprendizaxe e mellora continuadaSatisfacción, barreiras detectadas, incidencias, melloras aplicadas, seguimento periódico

Fonte: Elaboración propia

Non todas as dimensións teñen o mesmo peso en todas as actividades culturais. Nun museo ou nun arquivo poden ser centrais as condicións físicas, a sinalización, a mediación e os materiais adaptados. Nun festival ou nunha programación escénica poden gañar importancia os horarios, o transporte, a comunicación previa, os formatos accesibles e a xestión de públicos. Nunha entidade editorial, audiovisual ou dixital, a accesibilidade pode depender máis dos formatos, da comunicación, dos contidos e das plataformas empregadas.

Por iso, a medición debería combinar un núcleo común con módulos específicos por ámbito cultural.

↑ Volver ao índice

5.4. Niveis de medición: recursos, medidas, uso, experiencia e resultados

Non todos os indicadores informan do mesmo. Uns miden medios dispoñibles, outros actuacións realizadas, outros uso real, outros experiencia das persoas e outros resultados ou cambios no tempo.

Niveis de medición da accesibilidade cultural

NivelPregunta que respondeExemplos de indicadores
RecursosQue medios existen para actuar?Orzamento, persoal, formación, provedores, asistencia técnica
MedidasQue actuacións se aplican?Accesos, subtítulos, lectura fácil, protocolos, comunicación accesible
UsoAs medidas son empregadas?Solicitudes de apoio, uso de prazas adaptadas, descargas de materiais, asistencia con apoios
ExperienciaComo valoran o acceso as persoas usuarias?Satisfacción, barreiras percibidas, incidencias, sensación de acollida
ResultadosMellora a participación cultural?Diversidade de públicos, repetición da asistencia, redución de barreiras, novos colectivos participantes
AprendizaxeCambia a entidade a partir da avaliación?Revisión de protocolos, melloras introducidas, formación posterior, cambios de programación

Fonte: Elaboración propia

Esta distinción é importante porque unha entidade pode ter recursos sen aplicalos, medidas sen uso, uso sen boa experiencia ou avaliación sen cambios posteriores. Unha medición útil debe permitir localizar onde se interrompe o proceso.

Por exemplo, unha actividade pode contar con subtítulos, pero se esa información non se comunica antes da inscrición, parte do público potencial pode non chegar a saber que a medida existe. Un equipamento pode ter acceso físico adaptado, pero se a sinalización é confusa ou o persoal non ten criterios de atención, a experiencia seguirá sendo deficiente. Un programa pode ofrecer descontos, pero se o transporte ou os horarios son a barreira principal, o impacto será limitado.

↑ Volver ao índice

5.5. Indicadores básicos para entidades culturais

Calquera entidade cultural podería incorporar unha avaliación básica da accesibilidade sen crear un sistema complexo. A clave é seleccionar poucos indicadores, fáciles de recoller e útiles para mellorar decisións. Estes indicadores deberían adaptarse ao tamaño e á actividade da entidade, pero poden partir dun esquema común.

Indicadores recomendados para entidades culturais

ÁmbitoIndicador mínimoForma sinxela de recollida
PúblicoNúmero de persoas asistentes, usuarias ou participantesRexistro de asistencia ou inscrición
Perfil básicoInformación mínima sobre públicosDatos agregados e non invasivos: idade aproximada, procedencia, tipo de público
Barreiras detectadasDificultades comunicadas ou observadasCampo aberto en enquisa, rexistro de incidencias ou observación do persoal
Medidas dispoñiblesRecursos de accesibilidade ofrecidosLista interna actualizada
ComunicaciónInformación previa sobre accesibilidadeRevisión de web, programas, entradas, inscricións e materiais
Uso das medidasEmprego real dos apoios ofrecidosSolicitudes, reservas, uso de materiais ou servizos
SatisfacciónValoración básica da experienciaPregunta breve tras a actividade
Relación con colectivosContactos ou colaboracións realizadasRexistro de entidades consultadas ou participantes
Melloras aplicadasCambios introducidos despois da avaliaciónListaxe anual de melloras ou revisión de protocolos

Fonte: Elaboración propia

Para entidades pequenas abondaría cunha versión moi simple: que medidas se ofrecen, que barreiras se detectaron, que demandas chegaron, que melloras se poden facer e que apoio externo sería necesario. Para entidades máis grandes, estes indicadores poderían integrarse nun sistema de avaliación máis completo.

O obxectivo é que a accesibilidade se converta nunha práctica de aprendizaxe. Non se trata só de comprobar se a entidade cumpre unha listaxe, senón de xerar información suficiente para mellorar a comunicación, a programación, a atención e os recursos dispoñibles.

↑ Volver ao índice

5.6. Indicadores para administracións públicas e programas de apoio

As administracións públicas necesitan outro tipo de indicadores. Ademais de coñecer as medidas das entidades, deben avaliar se os seus programas de financiamento, formación, asistencia técnica e regulación contribúen a mellorar a accesibilidade do sistema cultural.

Indicadores para administracións públicas

ÁmbitoIndicador posibleUtilidade
FinanciamentoOrzamento destinado a accesibilidade culturalMide prioridade económica
ConvocatoriasPorcentaxe de axudas que incorporan criterios de accesibilidadeMide incorporación transversal
BeneficiariosNúmero e tipo de entidades apoiadasPermite observar cobertura sectorial e territorial
Intensidade do apoioContía media por entidade ou proxectoAxuda a distinguir apoio simbólico e apoio suficiente
FormaciónNúmero de accións formativas e participantesMide capacitación do sector
Asistencia técnicaEntidades asesoradas ou diagnosticadasMide acompañamento especializado
TerritorioDistribución territorial dos apoiosDetecta concentración ou baleiros territoriais
SectoresÁmbitos culturais beneficiariosPermite adaptar medidas por sector
ColectivosParticipación de entidades especializadas ou colectivos afectadosMide conexión coa experiencia das persoas usuarias
SeguimentoEntidades que reportan resultados ou mellorasMide continuidade e aprendizaxe
ImpactoCambios en medidas, públicos ou barreiras detectadasAvalía resultados das políticas

Fonte: Elaboración propia

Estes indicadores permitirían observar non só canto se inviste, senón como se distribúe o apoio, que entidades quedan fóra, que sectores presentan máis necesidades e que efectos teñen as intervencións. Tamén axudarían a evitar unha fragmentación excesiva das políticas: axudas sen asistencia técnica, formación sen recursos ou criterios normativos sen acompañamento.

Unha administración que queira medir ben a accesibilidade cultural debería combinar indicadores de financiamento, cobertura, calidade dos apoios e resultados. Tamén debería incorporar mecanismos de devolución: que aprenden as entidades apoiadas, que barreiras persisten e que cambios deben introducirse nas convocatorias seguintes.

↑ Volver ao índice

5.7. Indicadores de experiencia das persoas usuarias

A perspectiva das persoas usuarias é imprescindible para completar calquera sistema de medición. Unha entidade pode declarar que aplica medidas, pero só a experiencia directa permite saber se funcionan, son coñecidas, resultan suficientes e se xeran unha participación cultural satisfactoria.

Indicadores de experiencia das persoas usuarias

ÁmbitoIndicador posiblePregunta orientativa
Información previaClaridade e utilidade da información sobre accesibilidadeA información dispoñible permitiulle planificar a asistencia?
Chegada e entradaFacilidade para chegar e accederAtopou barreiras no desprazamento, entrada ou recepción?
ParticipaciónPosibilidade de seguir e gozar da actividadePuido participar ou comprender a actividade en condicións adecuadas?
AtenciónCalidade da resposta do persoalRecibiu información ou apoio suficiente?
Medidas específicasUtilidade dos recursos ofrecidosOs apoios dispoñibles responderon ás súas necesidades?
Barreiras persistentesProblemas non resoltosQue dificultade principal atopou?
ConfianzaDisposición a volver ou recomendarVolvería participar noutra actividade desta entidade?
PropostasMelloras suxeridasQue debería cambiar para facilitar a participación?

Fonte: Elaboración propia

Estes indicadores poden recollerse mediante enquisas breves, entrevistas, grupos de contraste, formularios accesibles, observación ou colaboración con colectivos especializados. O método debe adaptarse ao tipo de actividade e ao público destinatario. En moitos casos, a información cualitativa será tan importante como a cuantitativa, porque permitirá identificar barreiras que non aparecen nunha listaxe pechada.

↑ Volver ao índice

5.8. Melloras posibles para futuras medicións sectoriais

A experiencia deste informe tamén permite identificar melloras para futuras enquisas sectoriais. As preguntas analizadas ofrecen unha primeira aproximación útil, pero poderían completarse con novos indicadores que permitan avaliar mellor a calidade, o alcance e os resultados das medidas.

Posibles melloras para futuras medicións

Aspecto que cómpre mellorarPosible indicador ou pregunta
Calidade das medidasGrao de adecuación, actualización ou uso regular das medidas
Orzamento específicoExistencia de partida económica para accesibilidade
Persoal formadoNúmero ou porcentaxe de persoas con formación específica
Responsabilidade internaExistencia dunha persoa ou área responsable
ProtocolosDispoñibilidade e aplicación real de procedementos internos
Uso das medidasNúmero de solicitudes ou usos de recursos accesibles
AvaliaciónRecollida de satisfacción, incidencias ou barreiras
Relación con colectivosContacto regular con entidades especializadas ou persoas usuarias
Accesibilidade económicaPrezos, descontos, gratuidade, transporte ou custos asociados
Accesibilidade territorialDistancia, mobilidade, distribución da oferta e actividade descentralizada
Accesibilidade lingüísticaLingua da información, da actividade e dos materiais de apoio
Accesibilidade dixitalCondicións de acceso a webs, plataformas e contidos en liña
ParticipaciónConsulta ou incorporación de públicos no deseño das actividades

Fonte: Elaboración propia

Unha mellora especialmente útil sería pasar dalgunhas preguntas de resposta única a preguntas de resposta múltiple ou escalas de intensidade. Por exemplo, cando se pregunta pola principal dificultade, a entidade debe escoller unha soa opción, aínda que na práctica as barreiras adoitan acumularse. Unha medición máis completa podería pedir que se valorase a importancia de cada barreira nunha escala ou que se seleccionasen varias dificultades.

Tamén sería conveniente distinguir entre medidas dispoñibles, medidas utilizadas e medidas avaliadas. Esta diferenza permitiría saber se a accesibilidade está presente só como recurso potencial ou se forma parte efectiva da experiencia cultural.

↑ Volver ao índice

5.9. Un marco común e adaptable

A proposta de indicadores debe combinar estabilidade e flexibilidade. Cómpre un núcleo común que permita comparar datos entre entidades, sectores e períodos, pero tamén módulos específicos para ámbitos culturais con necesidades diferentes. Un sistema excesivamente xenérico pode perder utilidade, pero un sistema demasiado detallado pode ser difícil de aplicar, sobre todo para entidades pequenas.

Estrutura recomendada dun sistema de indicadores

NivelContidoAplicación
Núcleo comúnContacto con públicos, medidas básicas, barreiras, apoios, avaliación mínimaTodas as entidades ou programas
Módulo de espazosAccesibilidade física, sinalización, mobilidade, equipamentosMuseos, bibliotecas, arquivos, teatros, centros culturais
Módulo de contidosFormatos accesibles, subtitulación, audiodescrición, lectura fácilArtes escénicas, audiovisual, edición, museos, actividades educativas
Módulo dixitalWeb, plataformas, contidos en liña, documentación descargableEntidades con programación ou servizos dixitais
Módulo de públicosParticipación, satisfacción, barreiras, demandas non atendidasActividades con atención directa á cidadanía
Módulo de xestiónPersoal, protocolos, orzamento, formación, provedoresEntidades con estrutura organizativa estable

Fonte: Elaboración propia

Este modelo permite que a medición sexa proporcionada. Unha entidade pequena podería aplicar o núcleo común e algún módulo moi simple e unha administración ou un equipamento grande podería incorporar varios módulos con maior detalle.

A accesibilidade cultural require unha medición capaz de orientar decisións concretas. Os indicadores deben servir para darlles prioridade aos investimentos, deseñar formación, mellorar convocatorias, adaptar programacións, comunicar mellor as medidas existentes e avaliar se as persoas participan en mellores condicións.

A experiencia deste informe mostra que a accesibilidade pode medirse desde a perspectiva das entidades, pero tamén que esa perspectiva debe completarse con indicadores de experiencia, calidade, uso e resultados. Un marco útil debería observar simultaneamente barreiras, recursos, medidas, públicos, apoios e aprendizaxes. Só así será posible pasar dunha medición centrada na existencia formal de actuacións a unha avaliación máis completa do acceso efectivo á cultura.

↑ Volver ao índice

6. Conclusións

Este informe parte dunha distinción central: o recoñecemento formal do dereito de acceso á cultura non garante, por si só, que todas as persoas poidan participar efectivamente na vida cultural. A accesibilidade debe entenderse como unha capacidade real do sistema cultural para crear condicións materiais, comunicativas, organizativas e de vínculos de participación.

Os datos mostran que xa existe unha base de prácticas, adaptacións e aprendizaxes sobre a que construír. A accesibilidade está presente na actividade ordinaria dunha parte ampla das entidades: a maioría declara que recibe públicos ou persoas usuarias con necesidades de accesibilidade polo menos de maneira ocasional e oito de cada dez afirman que implantaron algunha medida. Este punto de partida é relevante porque permite afastarse dunha lectura puramente negativa. Existen prácticas, adaptacións e aprendizaxes acumuladas. Con todo, esa base non equivale a unha accesibilidade plenamente desenvolvida: unha medida illada pode resolver unha barreira concreta, pero non garante unha experiencia accesible no conxunto do proceso cultural.

Un dos resultados máis significativos é a fenda entre práctica e coñecemento da norma. Moitas entidades declaran que adoptan medidas de accesibilidade, pero só unha minoría coñece a Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia e ten a información que lle compete. O sector fai máis do que sabe que debe facer e esta situación non debe interpretarse como un fracaso da norma, senón como a fotografía dun momento inicial: a lei é relativamente recente e unha parte das prácticas existentes procede da experiencia directa cos públicos, da adaptación de espazos ou da sensibilidade profesional acumulada. O reto institucional é trasladar a norma á realidade concreta de cada ámbito cultural.

A accesibilidade física aparece como a dimensión máis asentada, pero o acceso efectivo require ir máis alá da eliminación de barreiras materiais. A participación cultural depende tamén da información previa, da comunicación clara, dos formatos accesibles, da mediación, da atención recibida, dos protocolos internos, da formación do persoal e da inclusión no propio sector cultural. A consolidación real da accesibilidade virá cando as entidades pasen da adaptación puntual do espazo á incorporación progresiva da accesibilidade na comunicación, nos contidos, na organización interna, na relación cos públicos e nas condicións de traballo.

A análise confirma tamén que a capacidade organizativa marca unha diferenza decisiva. As entidades con máis persoal, maior volume económico, máis estabilidade, maior solvencia para realizar un investimento ou cunha estrutura institucional máis complexa presentan mellores indicadores de accesibilidade. Isto non significa que as entidades grandes teñan resolta esta cuestión nin que as pequenas carezan de compromiso, senón que as condicións para identificar necesidades, planificar actuacións, acceder a información técnica, contratar servizos ou avaliar resultados non están igualmente distribuídas. Por iso, as políticas públicas deben evitar respostas uniformes e aplicar un principio de proporcionalidade: non todas as entidades precisan o mesmo apoio nin poden asumir os mesmos procedementos.

O coñecemento dos públicos constitúe outra condición básica da accesibilidade. Sen información sobre quen participa e quen non, que barreiras se comunican, que medidas se utilizan e que demandas quedan sen cubrir, as entidades poden aplicar actuacións parciais sen saber se responden ás necesidades reais. A recollida básica de datos non debería concibirse como unha carga administrativa engadida, senón como unha infraestrutura mínima para aprender, corrixir e mellorar. A accesibilidade efectiva require disposición a escoitar, avaliar e adaptarse continuamente.

As barreiras declaradas polas entidades son acumulativas: financiamento, espazos, coñecemento técnico, tempo, persoal e relación cos públicos. Isto indica que a accesibilidade cultural non se resolve cun único instrumento. As axudas económicas son necesarias, porque adaptar espazos, producir formatos accesibles ou contratar servizos especializados ten custos reais. Pero o financiamento, por si só, pode resultar insuficiente se non vai acompañado de asistencia técnica, formación, guías, protocolos, provedores especializados, contacto con colectivos e criterios de seguimento. A resposta máis útil é unha combinación estable destes elementos nun sistema integral de apoio á accesibilidade cultural.

A tipoloxía operativa construída no informe permite pasar do diagnóstico xeral á acción diferenciada. Hai entidades con maior implantación declarada, entidades que xa aplican medidas pero non coñecen suficientemente a norma, entidades con contacto cos públicos pero baixa implantación, entidades con baixo contacto declarado e entidades que consideran que a cuestión non procede. Cada perfil require un tipo distinto de apoio: aplicar a lei a cada ámbito, acompañamento básico, financiamento proporcionado, ferramentas de identificación de barreiras, avaliación ou extensión de boas prácticas. A pregunta relevante xa non é só cantas entidades dispoñen de medidas, senón que necesita cada unha para avanzar ao seguinte nivel.

O Plan de accesibilidade e inclusión cultural que impulsa a Xunta de Galicia ten, neste contexto, unha oportunidade clara: ordenar, acompañar e avaliar. O risco sería reducir a accesibilidade a unha nova carga administrativa ou a unha listaxe formal de requisitos. A oportunidade é convertela nunha política de mellora da calidade cultural, da equidade no acceso e da relación entre entidades e públicos. Para iso, cómpre partir da realidade diversa do sector, combinar a ambición na normativa con instrumentos proporcionados e crear un sistema de información que permita seguir a evolución no tempo.

O informe propón tamén avanzar cara a un sistema de indicadores máis completo. A medición da accesibilidade non pode limitarse a comprobar se existen medidas formais, senón que debe observar recursos dispoñibles, capacidade organizativa, uso real das medidas, experiencia das persoas usuarias, barreiras persistentes, resultados e aprendizaxes. Unha conclusión deste traballo é que é preciso construír un marco común, estable e comparable, pero suficientemente flexible para adaptarse á diversidade de ámbitos culturais, escalas organizativas e tipos de actividade. Medir mellor non é un exercicio burocrático, senón unha condición para orientar prioridades, avaliar políticas e facer máis efectivo o dereito de acceso á cultura.

O alcance deste diagnóstico está delimitado pola perspectiva das entidades. O informe describe o que as entidades perciben, aplican, necesitan e demandan, pero non recolle a experiencia das persoas que atopan barreiras nin a das que deixaron de participar. Esa perspectiva —a das persoas usuarias, a dos colectivos que representan situacións de exclusión cultural e a das entidades sociais que traballan con elas— é imprescindible para verificar se as medidas declaradas funcionan na práctica, que barreiras persisten e que necesidades quedan sen atender.

En definitiva, a accesibilidade cultural está presente no sector galego, pero de maneira desigual, parcial e aínda pouco articulada co marco normativo. O desafío dos próximos anos será transformar esa base de prácticas nunha capacidade efectiva do sistema cultural, apoiada en coñecemento, planificación, recursos, relación cos públicos, avaliación e aprendizaxe institucional. Esa é a distancia que cómpre percorrer entre o acceso como dereito e a accesibilidade como experiencia real de participación cultural.

↑ Volver ao índice

Anexo. Táboas complementarias

↑ Volver ao índice

A. Indicadores xerais de accesibilidade por perfil de entidade

Cada fila é un dos 17 sectores de actividade, ordenados de maior a menor porcentaxe de entidades que reciben públicos con necesidades de accesibilidade polo menos ocasionalmente. As columnas indican o número de entidades e as porcentaxes de cada indicador.

Táboa A.1. Indicadores de accesibilidade segundo sector de actividade9

SectorTotalRecibe polo menos ocasionalmente (%)Recibe habitualmente ou case sempre (%)Coñece a lei (%)Ten algunha medida (%)Ten 3 ou máis medidas (%)
Museos e centros museísticos4993,961,260,498,051,0
Librarías5080,032,010,088,024,0
Teatro, danza e resto de artes escénicas e espectáculos5578,238,242,679,635,2
Educación cultural5676,826,817,996,442,9
Fundacións e asociacións culturais5174,531,434,084,325,5
Bibliotecas e servizos para bibliotecas5969,518,622,491,429,3
Xestión, produción e mediación cultural2268,240,959,190,945,5
Patrimonio e centros de interpretación4967,314,332,773,536,7
Música5265,432,724,070,617,6
Difusión/medios audiovisuais3461,826,520,694,152,9
Edición de xornais, revistas e publicacións periódicas4452,39,121,481,028,6
Artes visuais5650,03,67,363,621,8
Artes gráficas e actividades industriais auxiliares5547,312,73,670,914,5
Arquivos e servizos documentais culturais3844,75,323,781,626,3
Produción/ industria audiovisual5240,421,219,280,429,4
Arquitectura, publicidade, deseño5735,110,519,375,021,4
Edición de libros e actividades auxiliares á edición5030,010,014,056,210,4

Fonte: Elaboración propia

Cada fila é unha función principal da entidade, ordenadas de maior a menor porcentaxe de entidades que reciben públicos con necesidades de accesibilidade polo menos ocasionalmente.

Táboa A.2. Indicadores de accesibilidade segundo función principal da entidade

Función principalTotalRecibe polo menos ocasionalmente (%)Recibe habitualmente ou case sempre (%)Coñece a lei (%)Ten algunha medida (%)Ten 3 ou máis medidas (%)
Mediación cultural e formación de públicos4175,634,127,590,236,6
Formación e educación cultural8670,923,322,192,937,6
Conservación, patrimonio e memoria15865,820,934,079,731,0
Difusión, programación e exhibición18865,426,123,581,732,8
Creación artística e cultural13756,221,223,374,829
Produción de bens e servizos culturais15351,622,917,673,220,9
Apoio, representación e servizo ao sector6443,812,517,582,517,5

Fonte: Elaboración propia

Cada fila é un tipo detallado de entidade. Varias categorías teñen moi poucos casos, polo que as súas porcentaxes deben lerse só como indicios.

Táboa A.3. Indicadores de accesibilidade segundo tipo detallado de entidade10

Tipo de entidadeTotalRecibe polo menos ocasionalmente (%)Recibe habitualmente ou case sempre (%)Coñece a lei (%)Ten algunha medida (%)Ten 3 ou máis medidas (%)
Deputación provincial1190,945,554,5100,090,9
Universidades6100,00,050,0100,016,7
Comunidade autónoma5276,928,842,390,254,9
Concello10776,629,025,790,731,8
Fundación6475,026,633,989,121,9
Asociación8969,727,023,986,228,7
Sociedade anónima2369,626,121,795,726,1
Sociedade cooperativa2564,032,024,092,048,0
Sociedade limitada29051,720,019,876,027,1
Profesional autónomo13246,212,916,960,918,0
Estado1154,527,318,2100,045,5
Igrexa1127,318,29,172,718,2

Fonte: Elaboración propia

As columnas son os tramos de tamaño da entidade segundo o número de persoas empregadas e as filas, os indicadores. En xeral, o coñecemento da lei e a implantación de medidas son máis altos nas entidades de maior tamaño.

Táboa A.4. Indicadores de accesibilidade segundo tamaño da entidade

IndicadorNingún, só voluntariado1 ou 2 empregados/asDe 3 a 5 empregados/asDe 6 a 10 empregados/asMáis de 10 empregados/as
Total4935917587149
Recibe polo menos ocasionalmente (%)65,352,465,165,572,5
Recibe habitualmente ou case sempre (%)24,513,427,431,034,2
Coñece a lei (%)18,819,224,128,733,3
Ten algunha medida (%)75,073,983,986,289,9
Ten 3 ou máis medidas (%)8,320,731,639,147,0
Cifra media de medidas1,151,491,952,092,45

Fonte: Elaboración propia

Táboa A.5. Indicadores de accesibilidade segundo facturación ou orzamento11

IndicadorMenos de 50.000 €De 50.000 a 149.999 €De 150.000 a 499.999 €500.000 € ou máis
Total316224154121
Recibe polo menos ocasionalmente (%)54,767,063,062,0
Recibe habitualmente ou case sempre (%)16,525,419,536,4
Coñece a lei (%)20,023,129,928,9
Ten algunha medida (%)73,882,983,787,6
Ten 3 ou máis medidas (%)22,328,432,043,8
Media de medidas1,51,811,972,32

Fonte: Elaboración propia

Táboa A.6. Indicadores de accesibilidade segundo continuidade percibida da actividade

IndicadorNada ou pouco garantidaBastante garantidaMoi garantida
Total160337311
Recibe polo menos ocasionalmente (%)51,261,765,9
Recibe habitualmente ou case sempre (%)20,021,125,7
Coñece a lei (%)21,722,927,1
Ten algunha medida (%)63,281,689,1
Ten 3 ou máis medidas (%)22,628,335,0
Cifra media de medidas1,431,812,06

Fonte: Elaboración propia

Táboa A.7. Indicadores de accesibilidade segundo investimento realizado e previsto

IndicadorNon investiu nin prevé investirInvestiu en 2025 e prevé investir en 2026Investiu en 2025, pero non prevé investir en 2026Non investiu en 2025, pero prevé investir en 2026
Total2853479578
Recibe polo menos ocasionalmente (%)49,173,851,659,0
Recibe habitualmente ou case sempre (%)16,130,317,919,2
Coñece a lei (%)16,733,023,215,6
Ten algunha medida (%)70,387,582,180,8
Ten 3 ou máis medidas (%)20,138,129,528,2
Cifra media de medidas1,432,141,791,82

Fonte: Elaboración propia

Táboa A.8. Indicadores de accesibilidade segundo evolución dos públicos nos últimos doce meses*

IndicadorBaixaronMantivéronseAumentaron
Total99374338
Recibe polo menos ocasionalmente (%)59,653,770,4
Recibe habitualmente ou case sempre (%)18,219,527,8
Coñece a lei (%)24,220,628,7
Ten algunha medida (%)78,677,484,3
Ten 3 ou máis medidas (%)26,527,732,2
Cifra media de medidas1,801,681,97

Fonte: Elaboración propia

Táboa A.9. Indicadores de accesibilidade segundo relación coas axudas públicas12

IndicadorSolicitouna e obtivoaNon a solicitouSolicitouna pero foille denegadaSolicitouna pero aínda non tivo resposta
Total3594162710
Recibe polo menos ocasionalmente (%)68,552,977,890,0
Recibe habitualmente ou case sempre (%)25,619,229,630,0
Coñece a lei (%)30,219,922,220,0
Ten algunha medida (%)86,874,074,1100,0
Ten 3 ou máis medidas (%)30,328,414,840,0
Cifra media de medidas1,911,711,412,50

Fonte: Elaboración propia

Táboa A.10. Indicadores de accesibilidade segundo contía das axudas recibidas13

IndicadorMenos de 3.000 €De 3.000 a 10.000 €De 10.001 a 30.000 €De 30.001 a 50.000 €Máis de 50.000 €
Total66109722872
Recibe polo menos ocasionalmente (%)48,566,175,078,677,8
Recibe habitualmente ou case sempre (%)15,220,229,217,938,9
Coñece a lei (%)18,220,033,333,345,8
Ten algunha medida (%)74,286,285,996,494,4
Ten 3 ou máis medidas (%)21,222,036,632,138,0
Cifra media de medidas1,521,651,962,142,32

Fonte: Elaboración propia

As columnas son os seis usos principais que as entidades dan aos datos de públicos e as filas, os indicadores. Algunhas columnas teñen moi poucos casos.

Táboa A.11. Indicadores de accesibilidade segundo uso principal dos datos de públicos14

Uso principal dos datosMellorar programación e ofertaMellorar comunicación e mercadotecniaXustificar financiamento e axudasDeseñar accións educativas, mediaciónMellorar accesibilidadeUso interno e xestión
Total1558682261365
Recibe polo menos ocasionalmente (%)76,173,382,984,669,256,9
Recibe habitualmente ou case sempre (%)26,523,336,623,138,521,5
Coñece a lei (%)37,329,129,626,946,214,1
Ten algunha medida (%)89,089,592,788,584,675,4
Ten 3 ou máis medidas (%)37,032,629,353,861,526,2
Cifra media de medidas2,201,942,152,772,691,68

Fonte: Elaboración propia

Cada fila agrupa as entidades segundo o principal factor que limita a súa actividade cultural en xeral, non só en accesibilidade. As columnas indican o número de entidades, as porcentaxes de cada indicador e a cifra media de medidas.

Táboa A.12. Indicadores de accesibilidade segundo principal factor que limita a actividade15

Principal factor limitanteTotalRecibe polo menos ocasionalmente (%)Recibe habitualmente ou case sempre (%)Coñece a lei (%)Ten algunha medida (%)Ten 3 ou máis medidas (%)Cifra media de medidas
Insuficiencia de financiamento e ingresos17967,022,328,784,330,91,97
Falta de apoio, continuidade das políticas públicas13862,324,624,878,830,71,75
Burocracia e carga administrativa11064,529,126,987,335,52,06
Escasa demanda9047,810,018,984,534,51,93
Falta de profesionais cualificados6660,636,428,875,828,81,77
Inestabilidade e precariedade laboral5550,910,920,866,716,71,37
Dificultade para acceder a públicos5072,018,028,686,032,01,86
Outros7156,322,512,977,124,31,66

Fonte: Elaboración propia

↑ Volver ao índice

B. Composición das medidas implantadas por perfil de entidade16

Cada fila é un sector de actividade, ordenados de maior a menor media de medidas. As columnas indican o número de entidades, a porcentaxe que ten implantada cada tipo de medida, a porcentaxe sen ningunha medida e a media de medidas.

Táboa B.1. Medidas implantadas segundo sector de actividade

SectorTotalWeb/comunicación (%)Accesibilidade física (%)Formatos accesibles (%)Protocolos internos (%)Inclusión no emprego (%)Ningunha (%)Media de medidas
Museos e centros museísticos4951,081,653,146,944,92,02,84
Difusión, medios audiovisuais3464,770,647,141,232,45,92,65
Educación cultural5648,289,328,644,623,23,62,36
Xestión, produción e mediación cultural2236,454,563,631,827,39,12,32
Patrimonio e centros de interpretación4949,051,026,538,832,726,52,04
Bibliotecas e servizos para bibliotecas5832,869,055,215,524,18,61,97
Teatro, danza e artes escénicas5444,446,340,727,824,120,41,85
Librarías5038,080,030,020,012,012,01,82
Edición de xornais, revistas e publicacións periódicas4254,840,533,319,031,019,01,79
Produción, industria audiovisual5129,431,468,619,623,519,61,75
Fundacións e asociacións culturais175139,262,737,323,57,815,71,71
Arquivos e servizos documentais culturais3844,752,615,826,326,318,41,66
Música5129,458,819,629,411,829,41,49
Arquitectura, publicidade, deseño5637,550,026,817,910,725,01,45
Artes visuais5534,545,529,17,37,336,41,31
Artes gráficas e actividades industriais auxiliares5523,667,37,316,412,729,11,27
Edición de libros4833,322,929,214,66,243,81,06

Fonte: Elaboración propia

Cada fila é unha función principal da entidade, ordenadas de maior a menor media de medidas. As columnas indican a porcentaxe que ten implantada cada tipo de medida.

Táboa B.2. Medidas implantadas segundo función principal da entidade

Función principalTotalWeb/comunicación (%)Accesibilidade física (%)Formatos accesibles (%)Protocolos internos (%)Inclusión no emprego (%)Ningunha (%)Media de medidas
Formación e educación cultural8542,483,529,438,824,77,12,20
Mediación cultural e formación de públicos4136,668,346,322,026,89,82,05
Difusión, programación e exhibición18640,362,935,527,423,118,31,90
Conservación, patrimonio e memoria15841,158,230,432,922,820,31,88
Creación artística e cultural13147,344,342,019,819,125,21,78
Apoio, representación e servizo ao sector6330,266,727,019,011,117,51,57
Produción de bens e servizos culturais15335,341,236,615,714,426,81,46

Fonte: Elaboración propia

Táboa B.3. Medidas implantadas segundo tipo amplo de entidade

MedidaAdministracións, UniversidadesTerceiro sector, OutrasEmpresas SocietariasProfesionais Autónomos
Total186166336128
Web/comunicación (%)47,337,340,830,5
Accesibilidade física (%)75,366,351,837,5
Formatos accesibles (%)40,338,033,628,1
Protocolos internos (%)36,623,525,012,5
Inclusión no emprego (%)35,512,019,99,4
Ningunha (%)8,113,921,439,1
Media de medidas2,381,81,731,23

Fonte: Elaboración propia

Táboa B.4. Medidas implantadas segundo tamaño da entidade

TamañoNingún, só voluntariado1 ou 2 empregados/asDe 3 a 5 empregados/asDe 6 a 10 empregados/asMáis de 10 empregados/as
Total4835217487149
Web/comunicación (%)31,232,446,640,253,0
Accesibilidade física (%)47,951,156,367,871,1
Formatos accesibles (%)22,931,839,743,736,2
Protocolos internos (%)8,317,628,734,540,9
Inclusión no emprego (%)2,112,821,319,541,6
Ningunha (%)25,026,116,113,810,1
Media de medidas1,151,491,952,092,45

Fonte: Elaboración propia

Táboa B.5. Medidas implantadas segundo facturación ou orzamento

MedidaMenos de 50.000 €De 50.000 a 149.999 €De 150.000 a 499.999 €500.000 € ou máis
Total309222153121
Web/comunicación (%)33,740,546,446,3
Accesibilidade física (%)49,559,959,570,2
Formatos accesibles (%)34,333,836,637,2
Protocolos internos (%)16,827,930,135,5
Inclusión no emprego (%)13,316,722,238,8
Ningunha (%)26,217,116,312,4
Media de medidas1,51,811,972,32

Fonte: Elaboración propia

Táboa B.6. Medidas implantadas segundo grao de coñecemento da lei

Grao de coñecemento da leiNon a coñecía nin sabía que lle afectabaOíra falar dela pero aínda non viu en que lle afectaSi, coñécea e xa ten a información que lle compete
Número válido363253196
Web / comunicación33,937,253,6
Accesibilidade física55,456,563,3
Formatos accesibles26,433,651,5
Protocolos internos19,624,137,2
Inclusión no emprego13,219,434,2
Ningunha25,318,211,7
Media de medidas1,511,722,44

Fonte: Elaboración propia

Táboa B.7. Medidas implantadas segundo recollida de datos de públicos

Recolle datos de públicos ou usuariosSi, regularmenteSi, ocasionalmenteNon
Número válido330114366
Web / comunicación47,941,232,5
Accesibilidade física68,553,549,2
Formatos accesibles41,230,731,1
Protocolos internos34,221,118,6
Inclusión no emprego3014,913,1
Ningunha10,317,528,7
Media de medidas2,251,651,47

Fonte: Elaboración propia

↑ Volver ao índice

C. Barreiras percibidas por perfil de entidade18

As columnas son os grupos de entidades segundo a frecuencia coa que reciben públicos con necesidades de accesibilidade. A primeira fila indica a base válida de cada grupo e as seguintes, a porcentaxe de entidades do grupo que sinala cada dificultade como a principal; cada columna suma aproximadamente 100.

Táboa C.1. Principal dificultade segundo frecuencia de contacto con públicos con necesidades*

Frecuencia coa que reciben estes públicosNunca ou case nuncaOcasionalmenteHabitualmenteCase sempreNon procede
Base válida1863001463466
Custo / financiamento28,529,340,423,537,9
Espazo / infraestrutura26,331,323,329,415,2
Coñecemento técnico / provedores17,71812,35,913,6
Tempo / persoal12,9910,323,513,6
Chegar ao público14,51112,311,818,2
Outra01,31,45,91,5

Fonte: Elaboración propia

Cada fila é un sector de actividade. A primeira columna numérica é a base válida do sector e as seguintes, a porcentaxe de entidades do sector que sinala cada dificultade como a principal; cada fila suma aproximadamente 100.

Táboa C.2. Principal dificultade segundo sector de actividade

SectorBase válidaCusto / financiamentoEspazo / infraestruturaCoñecemento técnico / provedoresTempo / persoalChegar ao públicoOutra
Difusión / medios audiovisuais3154,89,712,96,516,10
Edición de xornais, revistas e publicacións periódicas3948,712,817,912,85,12,6
Arquivos e servizos documentais culturais3318,248,5318,29,13
Xestión, produción e mediación cultural2263,613,613,64,54,50
Edición de libros3452,911,814,711,88,80
Arquitectura, publicidade, deseño4822,920,827,16,222,90
Música4327,932,61416,39,30
Teatro, danza e artes escénicas5137,319,617,67,815,72
Produción / industria audiovisual4932,716,322,410,218,40
Patrimonio e centros de interpretación4511,148,913,38,913,34,4
Fundacións e asociacións culturais5133,337,311,85,911,80
Librarías463741,34,36,58,72,2
Artes visuais4325,620,9149,325,64,7
Bibliotecas e servizos para bibliotecas5820,736,213,813,813,81,7
Educación cultural5433,316,722,216,79,31,9
Museos e centros museísticos4924,536,714,316,38,20
Artes gráficas e actividades industriais auxiliares4524,42028,915,611,10

Fonte: Elaboración propia

Táboa C.3. Principal dificultade segundo tipo amplo de entidade

Tipo de entidadeAdministracións / universidadesEmpresas societariasTerceiro sector / outrasAutónomos/as
Base válida182295159102
Custo / financiamento22,535,632,734,3
Espazo / infraestrutura34,125,128,316,7
Coñecemento técnico / provedores13,216,915,719,6
Tempo / persoal179,89,47,8
Chegar ao público10,411,913,818,6
Outra2,70,702,9

Fonte: Elaboración propia

Táboa C.4. Principal dificultade segundo tamaño da entidade*

TamañoNingún, só voluntarios1 ou 2 empregadosDe 3 a 5 empregadosDe 6 a 10 empregadosMáis de 10 empregados
Base válida4430416579140
Custo / financiamento27,32832,139,235,7
Espazo / infraestrutura27,330,326,722,822,9
Coñecemento técnico / provedores22,715,815,21914,3
Tempo / persoal4,510,214,510,112,1
Chegar ao público18,213,810,38,913,6
Outra021,201,4

Fonte: Elaboración propia

Táboa C.5. Principal dificultade segundo facturación ou orzamento*

Facturación / orzamentoMenos de 50.000 €De 50.000 a 149.999 €De 150.000 a 499.999 €500.000 € ou máis
Base válida275204138111
Custo / financiamento31,329,931,235,1
Espazo / infraestrutura23,327,535,525,2
Coñecemento técnico / provedores19,314,210,916,2
Tempo / persoal10,213,79,412,6
Chegar ao público14,213,212,39,9
Outra1,81,50,70,9

Fonte: Elaboración propia

Táboa C.6. Principal dificultade segundo recollida de datos de públicos*

Recolle datos de públicos ou usuariosSi, regularmenteSi, ocasionalmenteNon
Base válida307108317
Custo / financiamento33,625,932,2
Espazo / infraestrutura26,729,626,5
Coñecemento técnico / provedores17,313,915,5
Tempo / persoal11,71210,7
Chegar ao público9,416,713,9
Outra1,31,91,3

Fonte: Elaboración propia

↑ Volver ao índice

D. Apoios demandados por perfil de entidade19

As columnas son os grupos de entidades segundo a frecuencia coa que reciben públicos con necesidades de accesibilidade. A primeira fila indica a base válida de cada grupo e as seguintes, a porcentaxe de entidades do grupo que sinala cada apoio como o máis útil.

Táboa D.1. Apoio máis útil segundo frecuencia de contacto con públicos con necesidades

Frecuencia coa que reciben estes públicosNunca ou case nuncaOcasionalmenteHabitualmenteCase sempreNon procede
Base válida1943031483564
Axudas económicas44,340,948,631,439,1
Formación e recursos prácticos1720,814,24015,6
Asistencia técnica / acompañamento1823,417,611,418,8
Rede de provedores e colectivos9,37,311,58,615,6
Simplificación administrativa10,35,66,88,66,2
Outro121,404,7

Fonte: Elaboración propia

Táboa D.2. Apoio máis útil segundo tipo amplo de entidade

Tipo de entidadeTerceiro sector / outrasEmpresas societariasAdministracións / universidadesAutónomos/as
Base válida158312179104
Axudas económicas47,546,242,526
Formación e recursos prácticos1916,321,823,1
Asistencia técnica / acompañamento1916,326,320,2
Rede de provedores e colectivos5,711,24,518,3
Simplificación administrativa8,283,98,7
Outro0,61,91,13,8

Fonte: Elaboración propia

Táboa D.3. Apoio máis útil segundo tamaño da entidade*

TamañoNingún, só voluntarios1 ou 2 empregadosDe 3 a 5 empregadosDe 6 a 10 empregadosMáis de 10 empregados
Base válida4331416981139
Axudas económicas32,640,447,350,641,7
Formación e recursos prácticos23,319,115,419,820,9
Asistencia técnica / acompañamento27,921,316,618,518,7
Rede de provedores e colectivos4,79,9133,78,6
Simplificación administrativa9,36,47,17,48,6
Outro2,32,90,601,4

Fonte: Elaboración propia

Táboa D.4. Apoio máis útil segundo facturación ou orzamento*

Facturación / orzamentoMenos de 50.000 €De 50.000 a 149.999 €De 150.000 a 499.999 €500.000 € ou máis
Base válida275209145113
Axudas económicas37,843,149,745,1
Formación e recursos prácticos21,521,513,115,9
Asistencia técnica / acompañamento23,317,717,917,7
Rede de provedores e colectivos9,88,68,311,5
Simplificación administrativa6,27,28,38,8
Outro1,51,92,80,9

Fonte: Elaboración propia

Táboa D.5. Apoio máis útil segundo recollida de datos de públicos

Recolle datos de públicos ou usuariosSi, regularmenteSi, ocasionalmenteNon
Base válida317108321
Axudas económicas48,935,239,9
Formación e recursos prácticos1819,420,6
Asistencia técnica / acompañamento20,524,117,1
Rede de provedores e colectivos6,61310,6
Simplificación administrativa4,45,610,3
Outro1,62,81,6

Fonte: Elaboración propia

Cada fila é un sector de actividade, ordenados de maior a menor porcentaxe de entidades que sinalan as axudas económicas como apoio máis útil. A primeira columna numérica é a base válida do sector e as seguintes, as porcentaxes de cada apoio.

Táboa D.6. Apoio máis útil segundo sector de actividade20

SectorBase válidaAxudas económicasFormación e recursos prácticosAsistencia técnica / acompañamentoRede de provedores e colectivosSimplificación administrativaOutro
Difusión / medios audiovisuais3259,418,89,49,43,10
Xestión, produción e mediación cultural2259,14,522,713,600
Edición de xornais, revistas e publicacións periódicas3956,417,920,55,100
Edición de libros3852,610,526,35,32,62,6
Música465017,413136,50
Arquivos e servizos documentais culturais3348,521,218,209,13
Museos e centros museísticos4946,916,324,528,22
Bibliotecas e servizos para bibliotecas5846,624,122,46,900
Patrimonio e centros de interpretación4443,213,627,34,511,40
Fundacións e asociacións culturais4942,918,414,36,116,32
Librarías4740,414,912,812,810,68,5
Teatro, danza e artes escénicas5038141222104
Arquitectura, publicidade, deseño5335,815,126,411,39,41,9
Artes gráficas e actividades industriais auxiliares5034261612120
Produción / industria audiovisual4833,32512,520,88,30
Educación cultural5232,726,934,63,81,90
Artes visuais4528,928,922,28,96,74,4

Fonte: Elaboración propia

(*) As diferenzas das táboas marcadas con asterisco non alcanzan significación estatística nas probas de independencia realizadas (khi-cadrado, p>0,05). Os seus valores preséntanse con carácter descritivo e non deben interpretarse como diferenzas consolidadas entre grupos.

↑ Volver ao índice

Notas

  1. Declaración Universal dos Dereitos Humanos, artigo 27; Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, artigo 15; Constitución española, artigos 9.2, 44.1 e 49; Estatuto de autonomía de Galicia, artigos 4.2 e 27.19. ↩
  2. Lei 3/2024, do 5 de decembro, de cultura inclusiva e accesible de Galicia. ↩
  3. INE, Enquisa de discapacidade, autonomía persoal e situacións de dependencia, 2020. ↩
  4. Consello da Cultura Galega, Acceso á cultura en Galicia. Informe do Foro, Comisión Técnica de Xestión e Políticas Culturais, 2026. ↩
  5. As porcentaxes de coñecemento da lei e de medidas calcúlanse sobre as bases válidas das respectivas preguntas dentro de cada grupo. ↩
  6. Pregunta de resposta múltiple: unha mesma entidade podía sinalar varias medidas, polo que as porcentaxes non suman 100. Base válida: 819 entidades. ↩
  7. O reconto inclúe as cinco medidas pechadas do cuestionario e a categoría “outra medida”. ↩
  8. Base clasificable: 809 entidades. A tipoloxía exclúe os Ns/Nc ou inválidos das preguntas empregadas. O limiar principal de implantación sitúase en dúas ou máis medidas. Trátase dunha clasificación analítica e exploratoria. ↩
  9. Táboa consolidada que serve de referencia aos capítulos 3 e 4. Os tamaños mostrais sectoriais son reducidos, polo que as diferenzas deben lerse con cautela. ↩
  10. Varias categorías teñen tamaños moi reducidos (n entre 6 e 25); os seus valores deben tomarse só como indicios. Na análise principal empregouse o tipo amplo de entidade. ↩
  11. As diferenzas en coñecemento da lei non son significativas (p=0,13); as de implantación de medidas si. ↩
  12. As diferenzas en “3 ou máis medidas” non son significativas (p=0,31); as de “algunha medida” si (p<0,001). As dúas últimas categorías teñen bases moi reducidas (n=27 e n=10). ↩
  13. A relación coa contía das axudas debe interpretarse como indicio dunha maior capacidade institucional e financeira, non como efecto das axudas sobre a accesibilidade. ↩
  14. Pregunta aplicable só ás entidades que recollen datos de públicos. Varias categorías teñen bases moi pequenas (n=13 e n=26), polo que os valores son unicamente orientativos. ↩
  15. As diferenzas en coñecemento da lei (p=0,57) e en implantación de tres ou máis medidas (p=0,14) non son significativas; as de “algunha medida” si (p<0,01). Cruzamento exploratorio, útil para situar a accesibilidade no marco máis amplo das limitacións do sector. ↩
  16. As porcentaxes de cada medida calcúlanse sobre a base válida da pregunta de medidas (resposta múltiple) dentro de cada grupo, polo que non suman 100. ↩
  17. A fila de Fundacións e asociacións culturais, omitida na versión de traballo, calculouse directamente sobre a matriz de datos co mesmo criterio ca o resto da táboa. ↩
  18. Porcentaxes horizontais sobre a base válida da pregunta de principal dificultade dentro de cada grupo. ↩
  19. Porcentaxes horizontais sobre a base válida da pregunta de apoio máis útil dentro de cada grupo. ↩
  20. O elevado número de celas con frecuencias esperadas baixas desaconsella a lectura do contraste global; a táboa preséntase con valor descritivo. ↩

↑ Volver ao índice

↑ Índice

Recomendamos: