Unha obra entre o ultraísmo e o realismo máxicoO 21 de setembro de 2023, grazas aos esforzos da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, foron achados no cemiterio de Bértoa (Carballo) os restos de catro asasinados polo fascismo o 28 de setembro de 1936: Juan Boedo Pardo, Andrés Pinilla Fraga, Pedro Pinilla Calvete e Francisco Mi...
Unha obra entre o ultraísmo e o realismo máxicoO 21 de setembro de 2023, grazas aos esforzos da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, foron achados no cemiterio de Bértoa (Carballo) os restos de catro asasinados polo fascismo o 28 de setembro de 1936: Juan Boedo Pardo, Andrés Pinilla Fraga, Pedro Pinilla Calvete e Francisco Miguel Fernández Díaz. Os seus corpos foron depositados nunha fosa clandestina dentro do camposanto desta parroquia. O último dos citados era o pintor e gravador Francisco Miguel (A Coruña, 1897- Bértoa, 1936), unha personalidade central na arte galega anterior á Guerra Civil sobre a que o seu asasinato chantou unha pesada lousa de silencio. Nel centramos esta voz coa vontade de subliñar o valor a súa traxectoria vital e artística e salientar a necesidade crucial de recuperar a nosa memoria colectiva.
Francisco Miguel Fernández Díaz —este é o nome completo que figura no certificado de matrimonio de 1920, aínda que noutras fontes aparece como Francisco Miguel Fernández Moratinos— foi un pintor de notábel interese, que colaborou nos anos vinte en importantes proxectos vangardistas como a revista
Alfar ou a revista luguesa
Ronsel (1924).
Na primeira metade dos vinte o seu ámbito referencial é A Coruña, con estadías en París en 1920 e 1923. Francisco Miguel móvese no grupo de artistas coruñeses que xira ao redor da revista
Alfar —nunha primeira etapa chamada
Revista de Casa América-Galicia—, publicación da vangarda plástica e literaria creada polo poeta uruguaio —e cónsul do seu país— Julio J. Casal e publicada entre 1920-1927, ano en que o director torna ao Uruguai. Para valorarmos a importancia da publicación e o ambiente intelectual que xera —que é o de Francisco Miguel— abonda sinalarmos as variadas e brillantes colaboracións da publicación, con importante presenza da literatura e da arte da vangarda internacional, movéndose nunha modernidade cosmopolita que ten como referencia o ultraísmo. Nela aparecen colaboracións de artistas como Barradas, Picasso, Gris, Norah Borges, Alberto, Ángel Ferrant, Francisco Bores, Álvaro Cebreiro, Cándido Fernández Mazas ou Manuel Méndez.
Alfar será fundamental para a divulgación da plástica renovadora en Galicia, non só polas obras reproducidas senón polo espallamento do pensamento artístico modernizador no noso país, sen eludir a polémica co rexionalismo e o nacionalismo culturalmente moi relevantes cando nace a publicación.
Nos primeiros anos da década de 1920 son frecuentes as colaboracións de Francisco Miguel, con debuxos, gravados e textos sobre arte, noutras publicacións como a revista coruñesa
Vida (1920-1921) ou a luguesa
Ronsel (1924).
Neste contexto cultural, intimamente ligado á cidade da Coruña, teñen unha intensa presenza dous artistas: Luís Huici —pintor tamén asasinado en 1936— e o propio Francisco Miguel. O primeiro ilustra cos seus debuxos e gravados moitos números das revistas
Vida,
Luz e
Alfar, cun linealismo acusado, moi achegado ao debuxo de moitos ilustradores do ambiente da xeración do 27, como Manuel Ángeles Ortiz, Moreno Villa, Bores, Benjamín Palencia ou García Lorca; e Francisco Miguel une a estas cualidades o influxo da estampa xaponesa e da arte africana peneirada polo cubismo. Nos seus gravados percíbese un esquematismo primitivista moi do gusto da vangarda do momento, algúns cun manifesto interese pola plasmación do ritmo e do dinamismo e outros dun marcado planimetrismo case contrutivista. Excelentes exemplos son o debuxo «Danzarinas», publicado en
Vida en agosto de 1920 ou a xilografía do número 5 de
Ronsel de setembro de 1924. Esta referencia ao construtivismo non é nada casual, de feito no número da revista
Vida (n.º 3, novembro 1920) publica un texto sobre a arte soviética «Del arte ruso, pintura», onde aparecen citados artistas como Malevich, Kandinsky ou Alexandra Exter.
En 1926, Francisco Miguel, coa súa esposa Syra Alonso —que despois sería autora duns fundamentais
Diarios que permiten seguir a súa traxectoria-, marcha a América, primeiro a Cuba e despois a México. O período mexicano vai ser fundamental na súa vida e na súa obra e comprende desde 1926 até 1933. Nestes anos desenvolve unha grande actividade ligada á obra de artistas como David Alfaro Siqueiros e ao grupo de escritores denominados os
Contemporáneos
, vivindo nun ambiente de compromiso da arte coa causa revolucionaria, mais sen implicar o cultivo dunha temática social. A inicios dos anos trinta Syra e Francisco Miguel comparten morada coa poeta uruguaia Blanca Luz Blum e con Siqueiros en Taxco, habitando nun convento abandonado. O ambiente que os rodea está marcado polo enxalzamento dos valores populares indixenistas e polas preocupacións sociais inseridos nun cenáculo intelectual e artístico ao que tamén están ligados pintoras e pintores como María Izquierdo ou Rufino Tamayo. Acreditan este ambiente do período mexicano documentos moi relevantes como o retrato que lle fixo o famoso fotógrafo Manuel Álvarez Bravo en 1933, publicado ese ano no número 9 da revista
Todo, ou a presenza destacada do noso pintor no libro do dramaturgo e escritor mexicano Rodolfo Usigli
Voces. Diario de trabajo (1932-1933).
A pintura de Francisco Miguel reflicte unha estética virada cara a posicións análogas ao retorno á orde posvangardista, de forte cromatismo.
Orde
e
obxectividade
son conceptos que o pintor manexa en textos sobre a súa obra e que se expresan nitidamente en retratos dunha figuración poscubista peneirada pola
art déco, como o seu
Autorretrato (ca. 1933); o
Retrato de Syra (1931. Colección do Concello da Coruña), a súa esposa; o
Retrato de María Izquierdo (ca. 1931), unha destacada pintora mexicana, ou o
Retrato de Dolores Olmedo (1931, Museo Dolores Olmedo, México).
Nos seus lenzos de motivos mariños da década de 1930 semella máis achegado ao realismo máxico coas súas naturezas mortas de brillantes cunchas, buguinas e cons, elaboradas cunha precisión naturalista que xera un ambiente de irrealidade e distanciamento. Son bos exemplos os óleos
Natureza morta (1932. Colección privada),
Natureza morta con alcachofas,
Muíño de vento (ca. 1930. Colección privada),
Mariña (ca. 1930. Colección privada),
Mexillóns (1936. Colección privada) e
Cunchas mariñas (1936. Colección privada), meticulosas composicións de froitas e/ou tema mariño, frecuentemente abertas á paisaxe desde unha xanela, recurso polo que separa nitidamente interior e exterior conseguindo unha construción clara, síntese da visión paisaxística e da natureza morta. Estes elementos manteñen un equilibrio dotando as composicións dun ar que lembra a obras da
Neue Sachlichkeit a
Nova Obxectividade
alemá, na súa vertente maxicista.
En óleos coma estes, Francisco Miguel incorpora uns motivos e fórmulas moi de moda en Europa. Convén ter en conta que este tipo de naturezas mortas, ligadas a paisaxes de ecos clásicos, poden ser entendidas como un síntoma que traduce unha inquedanza fronte á representación. Cómpre lembrar que estes aspectos foran formulados poucos anos antes por Franz Roh no seu influente libro
Realismo máxico. Post expresionismo, editado en alemán en 1925 e traducido para o castelán en 1927 pola
Revista de Occidente. No caso do noso artista estes ecos van ser moi intensos na súa obra. En común co realismo máxico a pintura de Francisco Miguel manifesta unha evidente ambivalencia entre reprodución fiel da realidade e creación autónoma da imaxe. Esta ligazón co maxicismo, e con Franz Roh, xa foi sinalada en 1959 por Luís Seoane na audición radial «Galicia Emigrante» en Bos Aires.
A finais de 1933 Syra e Francisco Miguel marchan de México e viven en Madrid en 1934. En 1935 regresan a Galicia, onde será asasinado polos sublevados fascistas e onde o seu labor pasará a ser practicamente descoñecido até datas ben recentes. Unha mostra en 1999; a publicación dos
Diarios de Syra Alonso (A Nosa Terra, 2000) e a presenza na novela de Manuel Rivas
O lapis do carpintetiro (1998) supuxeron a recuperación da súa memoria mais a súa obra segue a estar aínda necesitada dunha revisión á altura da importancia que ten no contexto da arte galega, mexicana e internacional das décadas dos vinte e trinta do pasado século.
Bibliografía
Alonso, Syra (2000): Diarios. Tradución de Anxos Sumai. Vigo: A Nosa Terra.
Bernárdez, Carlos L. (2023): Unha historia da arte galega. Santiago de Compostela: Laiovento.
Bernárdez, Carlos L. (2025): Un contexto para a arte galega de entreguerras, da República ao exilio. A Coruña: Real Academia Galega de Belas Artes.
México. Instituto Nacional de Bellas Artes (1999): Entre vanguardias: Francisco Miguel, pintor gallego y mexicano (1897-1936). México: Instituto Nacional de Bellas Artes, Consejo Nacional para la Cultura y las Artes; Museo Casa Estudio Diego Rivera y Frida Kahlo.
Molina, César Antonio (1984): La revista Alfar
y la prensa literaria de su época (1920-1930). A Coruña: Nós.
Paz, M.; Clair, J.; González, A. (1997): Realismo mágico. Franz Roh y la pintura europea 1917-36. Valencia: IVAM.
Roh, Franz (1927): Realismo mágico, post expresionismo: Problemas de la pintura europea más reciente. Tradución de Fernando Vela. Madrid, Biblioteca de la Revista de Occidente. Orixinal en alemán: Nach-expressionismus (Magischer Realismus): Probleme der neuesten europäischen Malerei. Leipzig: Kinkardt & Biermann].
Seoane, Luís (1994): Escolma de textos da audición radial de Luís Seoane Galicia Emigrante
. Tradución de Lino Braxe e Xavier Seoane. Sada: Ediciós do Castro.
Usigli, Rodolfo (1967): Voces. Diario de trabajo (1932-1933). México D. F.: Seminario de Cultura Mexicana.
Vidal, Carme: «Xoán Ramón Fernández, fillo do pintor Francisco Miguel e de Syra Alonso: Foi un tempo duro que aínda non din esquecido
», A Nosa Terra, 919 (27 de xaneiro de 2000), 32.