Unha voz de ouro da lírica galega polo mundoM.ª Luisa Nache foi o puntal dunha extensa escola lírica galega. Ela mesma recolleu no se discurso de ingreso na Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, titulado Voces de oro gallegas en el mundo, os numerosos cantantes líricos de Galicia que a precederon entre os que mencionou a María ...
Unha voz de ouro da lírica galega polo mundoM.ª Luisa Nache foi o puntal dunha extensa escola lírica galega. Ela mesma recolleu no se discurso de ingreso na Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, titulado Voces de oro gallegas en el mundo, os numerosos cantantes líricos de Galicia que a precederon entre os que mencionou a María Benita Moreno, Cristina Villó, Rosario Salgado de Pereira, Ignacio Varela, Matilde Rey, Carolina Casanova ou outras como as irmás Ofelia Nieto e Ángeles Ottein que, sen naceren na nosa terra, sempre se consideraron galegas.
Dende que naceu na Coruña, o 2 de febreiro de 1924, sempre estivo rodeada de música na súa casa xa que a súa nai tocaba o piano, o seu avó materno posuía unha voz de tenor e o seu irmán foi o violinista Horacio Rodríguez Nache. Dende moi nova estudou solfexo e, a pesar de que a súa nai tratou de que se centrase no piano, ela sempre preferiu o canto. Finalmente gañou a filla e comezou os seus estudos coa soprano Bibiana Pérez -coñecida como “La Perecita”- na súa academia da Coruña, onde coincidiu con outras grandes voces como Lola Rodríguez Aragón. Bibiana chegara a actuar perante o zar Nicolás II de Rusia na súa coroación en San Petersburgo no ano 1894, e acabou por establecerse na Coruña tras contraer matrimonio co tenor malpicán Ignacio Varela. Despois da Guerra Civil, con dezaseis ou dezasete anos, continuou a súa formación musical en Madrid con Lorenzo Simonetti -quen fora tamén profesor de Ángeles Ottein e Ofelia Nieto- con quen aprendeu os grandes papeis de Aida, Il trovatore, Tosca e Otello. Logo daría o salto a Roma, onde aprendería a comportarse no escenario para mellorar a parte actoral co director de escena Ricardo Picozzi. Nos seus estudos oficiais no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid foille concedido o Premio Extraordinario de Canto no ano 1945.
Aínda que tiña de por si unha calidade vocal envexable, ela mesma non se consideraba nin máis torpe que os demais nin máis lista pero tampouco considero ter perdido o tempo
”; recomendaba aos novos artistas que estudasen intensamente e continuado -xa que a voz é un músculo que se exercita para poder aguantar ata dúas horas de representación- e que non se precipitasen na súa estrea, porque canta máis preparación teñan máis fácil será e máis tempo durarán as súas carreiras. Describía a súa propia voz como “moi definida, por color, timbre e extensión
e de soprano máis dramática que lírica
o que lle permitiu abranguer un repertorio moi amplo aínda que para ela o seu predilecto era Verdi por mor da súa voz e do seu propio temperamento. Entre as voces que máis admirou, e máis pegada deixaron nela, estaban Francesco Merli, Mario del Monaco, Ramón Vinay ou os directores Tullio Serafin, Franco Capuana ou Molinari-Pradelli. É unha mágoa que non existan gravacións de estudio de M.ª Luisa Nache para poder apreciar a súa voz, só se conservan dous rexistros en directo das función de Medea en La Scala de Milán (1953) e de Turandot no Teatro La Gran Guardia de Livorno xunto co tenor Franco Corelli (1960).
A súa primeira actuación en público foi en Madrid nun festival no que interpretou o terceiro acto de Aida. O seu debut tiña que ter sido nesa mesma cidade e con esa mesma ópera mais a última hora non puido ser xa que o empresario da compañía contratara a outra soprano de maior idade chamada Fidela Campiñá; esta agrupación ía partir cara Portugal pero deuse a coincidencia de que pasaron pola Coruña e Campiñá non puido vir, supoñemos que por enfermidade, e lembráronse de que Nache era coruñesa e chamárona para interpretar a devandita cun único ensaio con orquestra compartindo escenario con Hipólito Lázaro (tenor) e Conchita Velázquez (contralto). Así que a súa primeira actuación profesional foi na súa querida terra o 21 de abril de 1945 no Teatro Rosalía de Castro con tan só dezanove anos.
O grande salto internacional, e que a elevou á primeira liña da lírica mundial, foi a súa primera aparición en La Scala de Milán na tempada 1953-1954 coa ópera Medea de Luigi Cherubini baixo a batuta de Leonard Bernstein e compartindo cartel con María Callas. Mais non foi tan fácil acadar este papel: fixo a audición para o papel de Glauce pero un bo día a dirección comunicoulle que pasaría a ser a dobre da cantante principal xa que terminaran por nomear a unha famosa soprano húngara pero esta, finalmente, tivo que marchar uns días no medio da produción para dar uns concertos; en este “impasse” Bernstein escoitou a Nache e decidiu que era a idónea para este papel xa que a tesitura requerida é de soprano lírica “spinta” e a titular do posto era xa maior e cun sonido que non se axeitaba.
Isto suporía o inicio dunha próspera, aínda que breve, carreira polos principais teatros internacionais en diversos países como Perú, Francia, Italia, Argel, Alemania, Holanda, Portugal, Exipto, Estados Unidos ou Arxentina. Participou en diversas estreas como foi o caso da primeira representación de Turandot de Giacomo Puccini en Perú e a de La fiamma de Ottorino Respighi en España -o 14 de decembro de 1948 no Teatre del Liceu-, ou a estrea absoluta de Lola la piconera de Conrado del Campo e José María Pemán o 14 de novembro de 1950 no Teatre del Liceu.
Entre os numeroso recoñecementos que lle foron outorgados, podemos citar o seu nomeamento como membro electo da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario en 1976 e os dous Premios Nacionais de Teatro, na especialidade de interpretación, en 1958 e 1962 pola súa interpretación na ópera Amaya de Jesús Guridi no Coliseo Albia de Bilbao.
A súa carreira profesional durou dende 1945 ata 1963, ano no que decidiu asentarse na Coruña por cuestións familiares con apenas corenta anos. Aínda que deixou os escenarios operísticos, seguiu a dar recitais nos que sempre incluíu música da súa terra. Interpretou nos seus últimos anos, en numerosos recitais cos seus pianistas acompañantes de cabeceira -Ramiro Cartelle e Jeannette Romero-, obras galegas e participou en diversas estreas como foi o caso da obra Las campanas de Rogelio Groba Groba, sobre o texto homónimo de Rosalía de Castro, o 15 de outubro de 1980. En 1973 pasou a formar parte do claustro de profesores do Conservatorio Superior da Coruña como catedrática de canto, chegando a ter vintedous alumnos matriculados simultaneamente na súa disciplina a pesar de ser minoritaria.
Diversos medios internacionais adicáronlle palabras de loa sobre as súas actuacións como soprano de primeira orde, impresionounos pola súa grande escola, pola expresión do seu canto, polo timbre, aterciopelado da súa voz e pola súa plasticidade escénica
(Gazette de Lausanne); dea á personaxe un valor plástico e unha conmovedora interpretación. É unha gran cantante, baixo todos os puntos de vista
(a francesa Le provençal de Nimes); é unha muller afortunada. Posúe todas as cualidades de unha grande artista. Voz, temperamento, musicalidade, intelixencia
(a italiana La Gazetta de Regio Emilia) ou demostrounos que é unha grande artista, polo seu talento vocal, escénico e precisión musical (a italiana Il Dogale de Venecia).
Bibliografía
Carreira, X. M.; Santiago, A. (1996): «Nache, María Luísa». En Casares Rodicio, E.; López Calo, J.; Fernández de la Cuesta, I.; González Peña, M. L. (eds.): Diccionario de la música española e hispanoamericana Avances. Madrid: SGAE; vol. 7, 923-924.
Cartelle Álvarez, R (1974-2009): «Nache, Mª Luisa». Gran enciclopedia gallega, tomo XXII. Santiago de Compostela: Silverio Cañada.
Martín de Sagarmínaga, Joaquín (1997): Diccionario de cantantes líricos españoles. Madrid: Acento
Martín de Sagarmínaga, Joaquín (2010): Mitos y susurros: 50 años de lírica en España. Jaén: Zumaque Editorial.
Navas Villalba, Luciano José (2019): Bibiana Pérez “La Perecita”: cebrereña, famosa cantante de ópera en el Teatro Real de Madrid (1886-1889). Ávila: Luciano José Navas Villalba.
Rodríguez García, Rosa María (2013): «María Luisa Nache. Famosa soprano gallega», Alalá, nº 5, 3-8.
Rodríguez Otero, Margarita (2015): «María Luisa Nache. Famosa soprano gallega», Anduriña, nº 81, 36-37.
Ver biografía no Álbum de Galicia