----

O Álbum de Galicia incorpora a entrada da soprano María Luisa Nache

A expresión do seu canto, o timbre aveludado da súa voz, o seu talento vocal e escénico ou a súa precisión musical foron calidades que destacaron os medios de comunicación sobre María Luisa Nache (Ferrol, 1924 - A Coruña, 1985). A soprano tivo unha breve mais próspera carreira, que se estendeu desde 1945 ata 1963 e que se desenvolveu, principalmente, nos máis importantes teatros internacionais. A súa foi “unha voz de ouro da lírica galega polo mundo”, como a define María del Carmen Lorenzo Vizcaíno na entrada que asina para o Álbum de Galicia.

Nada en Ferrol en 1924, María Luisa Nache sempre estivo rodeada de música na súa casa: a súa nai tocaba o piano, o seu avó materno posuía unha voz de tenor e o seu irmán foi o violinista Horacio Rodríguez Nache. Desde moi nova, comezou a estudar solfexo coa soprano Bibiana Pérez na academia que esta tiña na Coruña. Despois da Guerra Civil, continuou a súa formación en Madrid con Lorenzo Simonetti e, posteriormente, trasladouse a Roma, onde traballou a parte actoral co director de escena Ricardo Picozzi.

A súa primeira actuación profesional foi no Teatro Rosalía de Castro da Coruña cando tiña só 19 anos. Porén, o que a elevou á primeira liña da lírica mundial foi a súa aparición en La Scala de Milán (tempada 1953-1954) coa ópera Medea de Luigi Cherubini, baixo a batuta de Leonard Bernstein e na que compartiu cartel con María Callas. Este foi o inicio dunha próspera, mais breve carreira polos principais teatros internacionais de países como Perú, Francia, Italia, Alxer, Alemaña, Holanda, Portugal, Exipto, Estados Unidos ou Arxentina. María Luisa Nache participou tamén en diversas estreas como, por exemplo, a primeira representación de Turandot de Giacomo Puccini en Perú ou de La fiamma de Ottorino Respighi en España, así como na estrea absoluta de Lola la piconera de Conrado del Campo e José María Pemán no Teatre del Liceu.

No ano 1963, con apenas 40 anos, decidiu asentarse na Coruña por motivos familiares e deixar os escenarios operísticos. Porén, Nache seguiu dando recitais, nos que interpretou obras galegas con Ramiro Cartelle e Jeannette Romero, os seus pianistas de cabeceira. Ademais, participou en diversas estreas de obras galegas, como Las campanas de Rogelio Groba Groba, sobre o texto homónimo de Rosalía de Castro, en 1980. Uns anos antes, en 1973, entrara a formar parte do claustro de profesores do Conservatorio Superior da Coruña como catedrática de canto.

Entre os recoñecementos que recibiu pola súa traxectoria, destacan o nomeamento como membro electo da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario en 1976 e os dous Premios Nacionais de Teatro, na especialidade de interpretación, que recibiu en 1958 e 1962 grazas á súa execución da ópera Amaya de Jesús Guridi no Coliseo Albia de Bilbao.

Da soprano, que describía a súa propia voz como “moi definida, por color, timbre e extensión”, non se conservan gravacións de estudio que permitan apreciar estas calidades, tamén loadas polos medios a nivel internacional. De feito, o único que se preserva son dous rexistros en directo das funcións de Medea en La Scala de Milán (1953) e de Turandot no Teatro La Gran Guardia de Livorno, xunto co tenor Franco Corelli (1960).

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 600 entradas, das cales as máis recentes son as de Luis Ksado, Ernesto Chao, Xaime Isla Couto e Alexandre Raimúndez.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.