Cineasta concienciado coa creación dun cine nacional galegoO director de cine Luciano Manuel Piñeiro, coñecido para a posteridade como Chano Piñeiro, aparece revestido coa consideración de figura determinante no desenvolvemento da conciencia dun cine nacional popular galego. Na súa mocidade, Piñeiro vaise licenciar en Farmacia pola Universid...
Cineasta concienciado coa creación dun cine nacional galegoO director de cine Luciano Manuel Piñeiro, coñecido para a posteridade como Chano Piñeiro, aparece revestido coa consideración de figura determinante no desenvolvemento da conciencia dun cine nacional popular galego. Na súa mocidade, Piñeiro vaise licenciar en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela namentres filma os seus primeiros traballos en formato subestándar, co emprego dunha cámara Minolta en Súper-8, un agasallo da súa muller, María Luz Montes Quireza. Van ser dous títulos de carácter autoxestionario, froito desta paixón polo cine, a mediometraxe Os paxaros morren no aire (1977) e a longa Eu, o tolo (1978, estreada en 1982), os que ocupen os anos fílmicos da súa mocidade na etapa da transición.
Modelo de cineasta autodidacta, persoal e independente, o seu cine é partícipe dalgunhas das preocupacións do momento, como indicio claro das tendencias estilístico-temáticas que definirán a súa obra ulterior: o transfondo sociopolítico e cultural propio; a localización e exploración do rural –eco sincero e confeso das súas estadías de infancia en Forcarei ou Ponte Caldelas-; a ausencia do sometemento a materiais alleos; a importancia da música ou a idiosincrasia impregnada de vindicación, nun momento de esplendor, do concepto de cinema das nacionalidades aplicado a través dunha simbiose de tons e motivos logo recorrentes.
En tal contexto, devén ben curioso, case como reforzo da singularidade e do idealismo que o van caracterizar, a escasa ou nula conexión de Piñeiro cos grupos audiovisuais pioneiros e activos nesta etapa, malia a coincidencia parcial ou total de intereses. Convén lembrar que o incipiente autor, descendente de boticarios, rexenta desde 1979, xunto a Mari Luz Montes, unha farmacia na rúa Torrecedeira de Vigo. A laboriosidade e as moitas limitacións sufridas coa segunda das pezas mencionadas, Eu, o tolo, na que sobresaen un mozo intérprete da relevancia de Xosé Olveira “Pico”, o carácter político e a carga surreal, todo envolto nunha produción estendida no tempo (cinco anos), aléntao a pasar a formatos profesionais.
Deste xeito, e en medio das ilusións que espertan as primeiras e históricas subvencións do novo goberno autonómico galego, estas axudas facilitan o financiamento de Mamasunción (1984), unha curtametraxe en 35 milímetros pronto convertida en título de culto. Acollida por unha boa recepción internacional, exerce como evocación e descrición dun mundo atávico. A sutileza, a dosificación e concentración de elementos, a depuración expositiva a modo de fábula social ou unha narración elíptica e medida vanlle permitir a este conto da espera dunha anciá polo fillo emigrado un inusual percorrido que, ademais, sitúa a Chano Piñeiro como axitador, dinamizador, unha sorte de apóstolo da práctica fílmica en Galicia presente nestes anos. A mestura destes compoñentes, complementados por unha celebridade persoal in crescendo, decisiva na conquista dos patrocinios, a configuración dun precoz sistema de micromecenado ou as axudas institucionais, eclosionan na longametraxe Sempre Xonxa (1989). Retrato da emigración galega e dos vaivéns en 50 anos de historia do século XX por medio dun triángulo amoroso, baixo unha aparencia narrativa convencional, de corte folletinesco, converxe coas súas obsesións. Piñeiro constrúe un ambicioso relato rural, amálgama de realismo máxico e humor, que transcorre en catro décadas e atravesa todas as estacións do ano. Novamente a insistencia obtén resultados, dado que acadará financiamento para unha produción complexa e inusualmente prolongada no tempo. O filme ten moito éxito en Galicia e vai compartir posición de saída industrial con Urxa e Continental, as tres longametraxes rodadas en 35 milímetros que atopan unha emblemática estrea compartida en novembro de 1989, oficializada como data de nacemento dun cine en galego, intuición tamén dun tecido por fornecer.
O seu derradeiro traballo, un filme promocional sobre o Camiño de Santiago, vencellado ás celebracións do Ano Xacobeo 1993, O camiño das estrelas (1993), afonda na Galicia telúrica, máxica e animada. Disímil da produción anterior, Chano Piñeiro asume un proxecto marcado polo elevado orzamento e a intencionalidade publicitaria ao servizo da celebración institucional, connotado pola diferenza entre pretensións e resultados. A película establece unha sorte de retablo das marabillas galaico, combinando os elementos enriquecedores autóctonos, da cultura ao entón simbólico sector da moda, do porto á exaltación da natureza, axudando a configurar a escolma dunha idiosincrasia, de determinada e consciente concepción de Galicia. O traballo conta con colaboradores como o camarógrafo Tomás Pladevall, o actor Gustavo Salmerón, o montador José Salcedo ou o músico Carlos Núñez.
Autor de artigos e relatos, dinamizador e entusiasta defensor dun cine galego, Piñeiro dirixiu outra curta froito do encargo dunha administración pública -por parte do Concello de Vigo-, Esperanza (1986), unha crúa ficción que toma o alcoholismo como cuestión central. Lastrado pola súa saúde, desde novo diagnosticado coa enfermidade de Crohn, xerme dunha morte moi temperá (en 1995, aos 40 anos de idade), vítima dun edema pulmonar, polo camiño queda sen concretar, por exemplo, un proxecto sobre a vida do bispo Xelmírez. Como síntese, ben podemos afirmar que Sempre Xonxa e as pisadas do seu autor terán continuidade por medio da notable incidencia en parte do cine realizado nos seguintes anos e na propia evolución historiográfica fílmica de Galicia.
Agradecementos
Manolo González, Beatriz Díaz, José María Rodríguez Armada, Pepe Coira, Jaime Pena, Lis Corrales.
Bibliografía
Acuña, Xosé (1999): Chano Piñeiro: unha historia do cinema galego. Vigo: Edicións do Cumio.
Coira Nieto, Pepe (2008): «Chano Piñeiro». En Cabo Villaaverde, J.L:; Fernández, M.A. (coord.): Diccionario do cine en Galicia 1896-2008. A Coruña: Foro Galego do Audiovisual.
Fernández, M.A. (coord.) (2007): Os amigos de Chano Piñeiro. A Coruña: Bolanda.
González, Manuel (1992): Documentos para a historia do cine en Galicia 1970-1990. A Coruña: Xunta de Galicia, Centro Galego de Artes da Imaxe.
Pena Pérez, Jaime (2011): «Chano Piñeiro». En Casares Rodicio, Emilio (coord.): Diccionario del cine iberoamericano. VI. Madrid: SGAE-Fundación Autor.
Piñeiro, Chano (1995): A luz dun soño e outros textos de cine. A Coruña: CGAI.
Rozados, Francisco (2020): Chano Piñeiro ou a teima dun soño (1954-1995). Ourense: OUFF; A Estrada: Fervenza.
Ver biografía no Álbum de Galicia