Renovador da pintura galega do século XXNacido en 1908 na parroquia de Donramiro, no concello pontevedrés de Lalín, foi o primeiro de sete irmáns. Na súa infancia, que transcorreu nun contexto rural galego, mostraba unha gran capacidade de fabulación provocada polas historias que lle contaba a súa avoa e polas que lles oía a personaxes pint...
Renovador da pintura galega do século XXNacido en 1908 na parroquia de Donramiro, no concello pontevedrés de Lalín, foi o primeiro de sete irmáns. Na súa infancia, que transcorreu nun contexto rural galego, mostraba unha gran capacidade de fabulación provocada polas historias que lle contaba a súa avoa e polas que lles oía a personaxes pintorescos, como o señor Tacán, un taberneiro que o asustaba cando o pintor non tiña máis de catro anos. Mostrou un talento precoz para o debuxo, ao que non foi allea a súa mestra, dona Teresa, quen lle regalaba pinturas e reproducións dos grandes pintores do Museo do Prado.
En 1921, embarcou en Vigo no vapor Espagne rumbo á Habana, a onde xa emigraran os seus pais. Traballaba de día e polas noites asistía ás clases de debuxo do Plantel de Enseñanza Concepción Arenal do Centro Galego, onde coincidiu co pintor Virxilio Blanco, con quen mantería unha longa amizade. Entre os seus múltiples traballos destaca o de axudante de escenografía no Teatro Martí, experiencia que, sen dúbida, influíu na concepción escenográfica de moitas das súas pinturas máis salientables. Tamén foi proxectista de vidreiras artísticas na casa Ballesteros Hermanos, un labor cuxa estética incorpora á súa obra abstracta, sobre todo a partir dos anos oitenta. Na Habana visitou as exposicións de Ignacio Zuloaga e de Xesús Corredoyra, que o deixarían moi impresionado.
En 1925 regresou a Lalín enfermo de tuberculose e disposto a morrer na súa terra pero, como el mesmo relatou, as montañas curárono e, unha vez recuperado, decidiu dedicarse á pintura de forma profesional. Para poder facelo naquel contorno rural e gandeiro, converteuse en barbeiro de feira e, como tal, percorreu toda a bisbarra do Deza ata instalarse como oficial nunha barbería en Lalín. Será coñecido como o barbeiro pintor
. Neste período debuxou sen descanso escenas labregas, feiras e, sobre todo, aos clientes e todo tipo de personaxes populares, aos que estudaba detidamente para perfeccionar a súa técnica e prepararse así para ingresar na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, a súa aspiración naquel tempo. Estes anos de práctica constante do debuxo e do retrato, fixeron del un debuxante rápido e preciso e un retratista excepcional, cunha especial habilidade para captar a psicoloxía dos seus modelos. A finais da década de 1920, comeza a publicar viñetas humorísticas en Faro de Vigo e, máis tarde, en El Pueblo Gallego. Laxeiro deuse a coñecer así, publicando nos xornais de máis tirada en Galicia, nunha época de grande auxe da prensa escrita, posiblemente da man de Manuel Colmeiro, quen publicaba xa en El Pueblo Gallego.
En 1931 obtivo unha bolsa de formación do concello de Lalín grazas á que puido, por fin, cumprir o seu soño de estudar na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. En 1932 prolonga a súa estadía en Madrid grazas a unha bolsa da Deputación de Pontevedra na que, segundo conta o mesmo Laxeiro, a visita de García Lorca á exposición dos aspirantes foi decisiva para a súa selección. Esta primeira estadía na capital (1931-1933) conforma un período moi intenso na súa formación. Polas mañás asistía ás clases, polas tardes visitaba o Museo do Prado onde estudaba aos grandes mestres e, polas noites, participaba nos faladoiros de café do Madrid republicano onde coñeceu a intelectuais como Castelao -daquela deputado en Cortes-, Otero Pedrayo ou Vicente Risco. No café Granja el Henar escoitou a García Lorca, Gómez de la Serna e Valle-Inclán e coñeceu aos irmáns Dieste e a Eduardo Blanco Amor que, en 1933, era correspondente en Madrid do xornal arxentino La Nación.
Cando retorna a Galicia en 1933, Laxeiro é un artista formado culturalmente no ambiente republicano e achegado, por idade e sensibilidade, á Xeración do 27. Comeza a participar nos faladoiros de artistas e intelectuais nos cafés de Compostela e Vigo, onde se fragua o movemento Renovador da arte galega arredor dos postulados nacionalistas do Partido Galeguista. En 1934 realiza a primeira exposición individual na Facultade de Filosofía e Letras de Santiago de Compostela. Os pintores Carlos Maside e Luís Seone axúdano a transportar os cadros e a montar a exposición. A mostra asombrou positivamente a intelectuais e críticos e comézase a falar dunha forma revolucionaria de pintura para a Galicia daqueles anos. Francisco Fernández del Riego publica en El Pueblo Gallego a que sería a primeira crítica na prensa dunha exposición de Laxeiro.
Naquela exposición estaban presentes boa parte dos elementos do proxecto estético de Laxeiro que, como o resto dos membros do Movemento Renovador da nosa Vangarda histórica, debemos contextualizar nas figuracións europeas do período de entreguerras. Laxeiro deixa entrever o seu interese por autores como o Picasso do período neoclásico, o Goya das pinturas negras, o tenebrismo de Guitérrez Solana, a expresividade xestual de Rembrandt, o expresionismo descarnado de George Grosz ou a iconografía satírica de Otto Dix, unha figuración non realista, ás veces grotesca e ás veces idealizada, sempre antiacadémica, coa que rexeitaba o costumismo da xeración anterior da pintura galega, aínda ancorada nun realismo decimonónico e nunha visión tópica da cultura popular. El, pola contra, propón unha visión pouco compracente da cultura popular galega na que a noción do grotesco atopa a súa correspondencia literaria no esperpento
de Valle-Inclán. Utiliza unha paleta cromática tenebrista, conectada coa técnica do claroscuro, coa que se afasta da pintura española mediterránea, propoñendo unha mirada diferenciada que conecta coa experiencia visual de Galicia e da Europa atlántica e serve, ademais, de metáfora representativa do pensamento máxico, característico das culturas rurais europeas anteriores á Ilustración. Nos seus acabados, súmase á estética granítica
, unha estratexia adoptada polos Renovadores que buscaron inspiración na escultura románica galega. A estética granítica
caracterízase pola utilización de gran cantidade de pigmento, case sempre aplicado con espátula, que consegue texturas semellantes ao granito.
De principios da década de 1930 datan obras que son xa senlleiras na produción laxeirana, como a que podemos considerar a primeira pintura expresionista da arte galega, Carnavalada; exemplos da estética granítica, como Mascarón, Carrotón de Nenos —tamén coñecido como Xoguete— e Autorretrato de 1934, todas da Colección Fundación Laxeiro/Concello de Vigo; e tamén outras como Máscaras, Arquitectura, A sesta ou o magnífico Autorretrato de 1934-1935, todas elas en diferentes coleccións particulares.
Entre 1937 e 1939 estivo mobilizado na Fronte de Asturias, onde comezou a súa amizade co poeta Celso Emilio Ferreiro. En 1940 instalouse en Pontevedra como profesor de debuxo no instituto Valle-Inclán. Laxeiro lembra este período como un tempo cheo de medo debido ás represalias exercidas polo réxime de Franco que perseguiu aos membros do Partido Galeguista, ao que Laxeiro se afiliara no período republicano. O novo réxime político esnaquizou o proxecto renovador e os seus membros foron vítimas da represión que se materializou en morte, cárcere ou exilio. En Pontevedra pinta o mural O manancial da vida, que aínda se pode ver no Café Moderno.
En 1942 trasládase a Vigo, cidade convertida en motor económico de Galicia á que emigran moitos disidentes políticos do mundo da cultura, debido á súa puxanza económica, pero tamén ao feito de que, ao non ser capital de provincia e non existir Goberno Civil, a disidencia intelectual gozaba dunha certa sensación de anonimato. Vigo era tamén a porta a América, con frecuentes escalas de buques de pasaxe que se enchían de emigrantes e exiliados. Na súa estadía en Vigo, que durou ata 1951, sobrevivía con retratos encargados pola burguesía industrial da cidade, ao tempo que desenvolvía o seu proxecto estético e se relacionaba con artistas e intelectuais da cidade. Foron anos de certa actividade expositiva, con mostras en Bilbao, Madrid e diversas cidades de Galicia, pero o illamento cultural provocado polo réxime franquista, afogábao como artista.
En 1946 pintou Trasmundo, un fito na súa carreira co que deu por pechado o período granítico. Trasmundo, actualmente na Fundación Laxeiro/Concello de Vigo, é unha obra fundamental na historia da arte galega do século XX. Nela están presentes as características da pintura do Laxeiro da época: horror ao baleiro, cromatismo tenebrista, mestura de linguaxes e códigos e unha narrativa fascinada polo pensamento máxico da nosa cultura popular. Hai quen viu nela unha homenaxe ao Pórtico da Gloria do seu admirado Mestre Mateo, mais tamén ten certo paralelismo coa literatura fantástica de autores como H.P. Lovecraft, cuxa obra foi traducida por primeira vez ao español naqueles anos.
En 1951 publicouse a primeira monografía de Laxeiro, asinada por José Ruibal en Cuadernos de Arte Gallego. Ese ano foi convidado por Luís Seoane, residente en Arxentina, a participar na exposición Artistas gallegos da Galería Velázquez de Bos Aires, patrocinada polo Centro Galego. Na correspondencia entre Seoane e Fernández del Riego cóntase como o que en principio ía ser un proxecto expositivo con obras de Maside e Laxeiro, se converteu nunha colectiva na que participaron Carlos Maside, Laxeiro, Isaac Díaz Pardo, Julia Minguillón, Manuel Pesqueira, Manuel Prego de Oliver e o escultor Antonio Faílde. Laxeiro foi o único que asistiu á inauguración. Saíu do aeroporto de Santiago de Compostela o 6 de xullo, rumbo a Madrid, onde ao día seguinte voaría a Bos Aries. O primeiro que o recibiu á súa chegada foi o pintor arxentino Enrique de Larrañaga, de quen o artista galego recibira en Vigo, en 1928 -posiblemente cando estaba publicando as súas viñetas en Faro de Vigo- o que considerou a súa primeira lección de pintura.
Bos Aires era unha das capitais culturais de América do Sur e para Laxeiro significaba saír do illamento no que España estaba sumida dende o final da Guerra Civil. Nesta cidade abrirase cara ás tendencias internacionais do momento, inscribíndose definitivamente dentro dos códigos do expresionismo. O seu estilo vaise radicalizando e, nos anos sesenta, comeza a experimentar coa abstracción. O Autorretrato de 1952 da Fundación Laxeiro/Concello de Vigo, ilustra o impacto que Bos Aires causou no noso artista. A obra comezáraa Laxeiro en Vigo, seguindo o seu estilo característico da primeira época, para rematala en Arxentina, cunha factura na que xa se albisca o novo camiño que vai tomar a súa pintura. Así, se nos anos trinta e corenta a súa estética sintonizaba coa figuración europea do período de entreguerras, segundo a chamada á orde
que fixera Jean Cocteau en 1927, agora achégase a linguaxes informalistas que atopan correspondencias con artistas como Frank Auerbach, Jean Dubuffet ou o grupo CoBrA que, dende Copenhague, Bruxelas e Amsterdam, rexeitaban o academicismo para reivindicar unha pintura salvaxe, liberada da tradición cultural.
En Bos Aires reencontrouse con vellos compañeiros, agora exiliados, próximos a Seoane, como Lorenzo Varela, Rafael Dieste ou Eduardo Blanco Amor. A colectividade galega dispoñía dunha nutrida e ben estruturada rede de sociedades e centros galegos que se integraban na Federación de Sociedades Gallegas, moi activa política e culturalmente, coa que Laxeiro colaborou con frecuencia. Tamén coñeceu na casa duns amigos comúns a Eulalia de Prada, unha persoa decisiva na súa vida da que sería parella inseparable ata a morte dela en 1989. Lala, como se facía chamar, era muller culta e mundana, traballou como funcionaria no Ministerio de Agricultura e Fomento español entre 1936 e 1939, foi militante do Partido Comunista, relacionábase en Madrid con personalidades relevantes da cultura como Valle-Inclán, García Lorca e Alberti. Exiliada en Bos Aires, Lala participou nos primeiros debates políticos do exilio español e integrouse na vida cultural da cidade.
Laxeiro comezou a traballar xa en 1951, ilustrando o libro de Fernández del Riego Galicia y nuestro tiempo, editado en Bos Aries por Citania. Tamén ilustrou outras publicacións naqueles primeiros anos, como Seara de Romances de Eliseo Alonso, colaborou como ilustrador no libro Poemas de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal y Curros Enríquez para a editorial Monte Medulio en París e ilustrou Mal Ollo, Comedia de ambiente mariñeiro, de Cándido A. González. A actividade expositiva desenvolveuna entre Bos Aires, Montevideo e Galicia, con mostras individuais en Los Martes Bohemios de La Boca e na Sociedad Iberoamericana, ambas en Bos Aires, e as colectivas Arte Gallego , en Santiago de Compostela, ademais dunha exposición de debuxos con Elena Colmeiro, Manuel Colmeiro, Luís Seoane e Leopoldo Nóvoa no Instituto Argentino de Cultura Gallega Eva Perón, en La Plata.
En 1954 fixo a primeira viaxe a España. Ao seu regreso, continuou coa actividade expositiva: unha individual no Ateneo Iberoamericano de Bos Aires e outra colectiva na Windsor Gallery de Montevideo, con Seoane e Nóvoa, para seguir con outra individual con motivo da inauguración das novas instalacións do Centro Lucense de Bos Aires.
Nestes primeiros anos bonaerenses o seu círculo social céntrase na colectividade galega, con frecuentes reunións na súa casa, na de Seoane, no local da editorial Follas Novas de Neira Vilas, e nos cafés, como o café Iberia, centro de reunión habitual de exiliados republicanos galegos. Nomes como Luís Seoane, Xosé Neira Vilas, Carme Kruckenberg, Rafael Dieste, Eduardo Blanco Amor, Ramón Suárez Picallo, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado, o crítico madrileño Enrique Azcoaga, o crítico de arte e fotógrafo alemán Sigwart Blum, Rafael Alberti e a súa compañeira María Teresa León e Isaac Díaz Pardo, a partir da súa chegada en 1955, conforman o círculo habitual do noso artista. María Teresa León fixo de anfitrioa na presentación da primeira conferencia de Laxeiro na Federación de Sociedades Gallegas.
É de supoñer que, polas colaboración con Seoane, coñeceu axiña a artistas arxentinos como os autores do célebre mural das Galerías Pacífico: Carlos Castagnino, Antonio Berni e Demetrio Urruchúa. O panorama artístico do Bos Aires dos anos cincuenta gozaba dunha vitalidade que continuaría na década seguinte. Propostas de arte non figurativa e xeométrica, nacidas a mediados da década de 1940, como o grupo Madí, o Perceptismo, o Espacialismo ou o grupo Arte Concreto -con Tomás Maldonado e Alfredo Hlito- estaban no centro do debate, confrontadas con outros movementos, xa entrada a década de 1960, como a figuración do grupo Espartaco, que defendía unha arte revolucionaria latinoamericana, mediante unha figuración idealizada e esquematizada dunha certa épica, con influencias dos muralistas mexicanos e tamén, como afirma Eduardo B. Sánchez de Hoyos, de un nuevo flujo migratorio de intelectuales llegados tras la Guerra Civil Española y la Segunda Guerra Mundial como Rafael Alberti, Laxeiro o Luis Seoane
. Bos Aires fervía e Laxeiro asimilaba todo aquilo coa actitude dun mozo ávido de información, mais tamén coa madurez dun artista cunha traxectoria propia, na metade da súa vida: tiña corenta e catro anos.
En 1958 realizou unha exposición individual na galería Velázquez de Bos Aires, unha das máis prestixiosas daqueles anos, o que proba a súa importancia artística e a súa folgada posición económica, propiciada principalmente polo interese que espertaba nos coleccionistas adiñeirados que lle mercaban obra con asiduidade.
Na década de 1960, a proxección profesional de Laxeiro estaba afianzada, como o propio artista lle conta nunha carta ao seu amigo o pintor galego Lino Villafínez, na que fala do satisfeito que se sente pola decisión de ter marchado a Bos Aires. A obra de Laxeiro volve sufrir un cambio significativo: no primeiro lustro experimenta continuamente, introdúcese en linguaxes moi achegadas á abstracción orgánica e colorista. Faise evidente unha realimentación entre Laxeiro e a realidade bonaerense da época. Movementos como o grupo Otra Figuración, con autores como Deira, Noé, de la Vega ou Macció, seguramente foron influenciados polos postulados xestuais do Informalismo que Laxeiro introducira na pintura bonaerense anos antes, como sostén Antón Castro, pero tamén pensamos que a irrupción destes movementos na escena porteña, sen dúbida influíu a Laxeiro.
En 1962 Laxeiro fixo unha segunda viaxe a España, con motivo dunha exposición individual na galería Prisma. Este ano tamén participou na exposición titulada Cincuenta años de pintura figurativa española, na galería Carpentier de París e é finalista no Premio Eugenio D’ors, xunto a Quirós e Vázquez Díaz. En 1964 foi elixido vicepresidente da Sociedad Argentina de Artistas Plásticos (SAAP) -o que dá unha idea da súa integración no ambiente artístico e cultural da capital- desde a que asume importantes iniciativas, enfocando a asociación á loita polos dereitos dos artistas cunha marcada posición de esquerda. Relacionouse con artistas arxentinos próximos á SAAP como Carlos Alonso, Leopoldo Presas, Vicente Forte, Alfredo Plank, Pedro Gaeta, Ricardo Carpani, Ernesto Deira e Luis Felipe Noé, entre outros. Con Forte, Berni, Segui, Anadon, Macció e Deira ilustrou un libro de poemas de Marcos Ana, de quen tamén deseñará a cuberta dun disco de vinilo no que o poeta recita parte da súa obra.
Naqueles anos expuxo con asiduidade, facendo individuais en Bos Aires, nas galerías Velázquez e na Sociedad Estímulo de las Bellas Artes. Tamén participou na colectiva titulada Los na galería Van Riel, un proxecto do artista Nicolás Rubió no que, a prol da liberdade creativa e contra a tendencia de etiquetar aos artistas en movementos concretos, reuniu a algo máis de trinta creadores. Ese ano pronunciou a súa conferencia titulada El bicho creativo, na Sociedad Ver y Estimar, un alegato contra os teóricos da arte e a crítica que causou certo rebumbio no ambiente artístico da cidade e que habería que contextualizar nas polémicas provocadas pola programación do Centro de Artes Visuales do Instituto Di Tella.
En 1965 Laxeiro realizou unha exposición individual na sala Lascaux, da que se fai eco Seoane nunha carta a Díaz Pardo quen, nese mesmo ano, lle organizará unha exposición individual na Coruña. Tamén en 1965 pronunciou outra controvertida conferencia no Museo de Artes Plásticas de La Plata, titulada Los barrigas verdes de la pintura, e realizou exposicións en Madrid -nas galerías Quixote, Toisón, Biosca e Grosvenor- e en Vigo, na Caixa de Aforros. Pero a finais da prolífica década de 1960, Laxeiro prepara o seu regreso a España, o que fará despois da gran retrospectiva que lle dedica a Art Gallery Internacional de Bos Aires.
Instalado definitivamente en España, con residencia e taller en Madrid, Lalín e Vigo, o seu regreso –entre 1970 e 1971- supúxolle un recoñecemento na súa terra materializado en numerosos galardóns, como a Primeira Medalla da Bienal de Pontevedra, a Medalla Hojas de Roble do concello de Lalín, o Pedrón de Ouro do Padroado Rosalía de Castro, a Medalla Castelao da Xunta de Galicia, a Medalla de Ouro do concello de Vigo, as Medallas Curros Enríquez e Unión Fenosa. Realizaranse tamén importantes exposicións de revisión da súa obra, como a Antolóxica que lle dedica a Bienal de Pontevedra, a exposición titulada Laxeiro en Argentina, 1952-1970 no Quiosco Alfonso da Coruña. O Auditorio de Galicia será inaugurado cunha exposición súa e o grupo Atlántica reivindicará o seu legado coa organización da retrospectiva titulada Érase unha vez Laxeiro, en Vigo. Nestes anos de recoñecemento, doa ao concello e Vigo as obras que hoxe forman a Colección Laxeiro, que se poden ver na Fundación que leva o seu nome e no Museo Quiñones de León.
En 1989 proxectou as vidreiras do Parlamento de Galicia e en 1990 deseñou unha vaixela para Sargadelos, ilustrou os libros Galicia de Camilo José Cela e O Enxeñoso cabaleiro Don Quixote da Mancha, unha tradución ao galego do libro de Cervantes. En 1991 ilustrou O camaleón solteiro de Camilo José Cela e proxectou as vidreiras para a sede da Universidade de Vigo. En 1996 o Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela dedicoulle unha gran retrospectiva que, posteriormente, viaxou a Madrid para ser exposta no Centro Cultural Conde Duque. Ese mesmo ano, Laxeiro falece en Vigo.
Bibliografía
Castro Fernández, X.A.: Laxeiro 1934/1985. VIII Bienal Nacional de Arte Deputación Provincial de Pontevedra. Pontevedra: Deputación, 1985
Castro Fernández, X.A.: Laxeiro, a invención dun mundo. Vigo: Edicións Xerais, 1997
Fundación Laxeiro (dir.): Laxeiro. Catálogo Universal. Vigo: Nova Galicia Edicións, 2009
Garrido Moreno, A; Pérez Buján, J.: VI Memorial Filgueira Valverde. No Centenario de Laxeiro. Vigo: Universidade, Cátedra Filgueira Valverde, 2008.
Lopez Bernárdez, X.C.: De Vigo a Bos Aires. Laxeiro e a pintura galega de posguerra. Vigo: Fundación Laxeiro, 2008
López Bernárdez, X.C; Pérez Buján, J; Pérez-Jofre, I.: Son eu. 18 (+5) autorretratos de Laxeiro. Da afirmación á disolución do suxeito. Vigo: Fundación Laxeiro, 2020
Neira Vilas, X.: Encontros con Laxeiro. Vigo: Ir indo, 2009
Pérez Buján, J.: Laxeiro, Cosmoloxías. Vigo: Fundación Laxeiro, 2012
Pérez Buján, J.: O Laxeiro informalista na Colección Alcalde-Varela. Vigo: Fundación Laxeiro, 2008
Ruibal, J.: Laxeiro. Pontevedra: Cuadernos de Arte Gallego, Gráficas Torres, 1951
Sobrino Manzanares, M.ªL.: Catro pintores galegos contemporáneos: Maside, Colmeiro, Souto e Laxeiro. Santiago de Compostela: Universidade, 1973. (Tese de doutoramento)
Ver biografía no Álbum de Galicia