Isaac Díaz Pardo, Eugenio Granell, Manuel Colmeiro, Laxeiro, Carlos Maside... son algúns dos exemplos de creadores que se beneficiaron das históricas bolsas das deputacións provinciais, xa activas desde a primeira metade do século XX. Foron fundamentais para que coñecesen de primeira man as vangardas europeas, experimentasen con novas técnicas e se impregnasen de correntes conceptuais que situaron Galicia no mapa da modernidade. Co avance do século XX e o nacemento de institucións como a Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, xunto coa acción de fundacións culturais e museos de arte contemporánea, multiplicáronse as liñas de apoio á creación, impulsando novas xeracións de artistas.
Porén, a desaparición de moitos destes programas e espazos —como o histórico MACUF— reduciu de maneira significativa o apoio á creación contemporánea. A cambio, foron xurdindo residencias artísticas que apostan por ofrecer tempo, espazo e acompañamento profesional aos creadores, favorecendo a colaboración e a reflexión compartida. Esta sesión pretende abrir un debate sobre o presente e o futuro destas iniciativas, fundamentais para garantir a diversidade e o dinamismo da arte galega.
Programa
A xornada comezará cunha intervención da comisaria e historiadora da arte Elena Bangueses, quen ofrecerá unha revisión histórica do sistema de bolsas de creación en Galicia e a súa evolución ata a actualidade, analizando os momentos de expansión, os retrocesos e as novas oportunidades emerxentes.
A continuación, Helena Vaz da Silva, responsable das convocatorias de apoio á creación e á internacionalización da Fundação Calouste Gulbenkian, presentará o modelo portugués de bolsas e programas de apoio á produción artística contemporánea, destacando o papel pioneiro desta institución na promoción da cultura lusófona e europea.
Tras unha breve pausa, celebrarase unha mesa de relatorios baixo o título Cartografamos o estado da cuestión actualmente en Galicia, na que se reunirán profesionais vinculados a distintos programas de residencias e centros de creación.
Participarán Verónica Santos, directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura de Galicia, que abordará o funcionamento das residencias REGA e ArtLab IGFAE; Susana González, directora do Centro de Arte Fundación María José Jove, que explicará as liñas de apoio e bolsas que promove esta entidade; Félix Fernández, artista e membro do Colectivo RPM, que presentará o proxecto Residencias Paraíso; e Ignacio Barcia, profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, xunto con Mónica Alonso, membro da Real Academia Galega de Belas Artes, que darán conta da experiencia das residencias artísticas de Mariñán, impulsadas pola Deputación da Coruña en colaboración coa RAGBA e as universidades galegas.
A situación da arte
A arte en tempo real é un ciclo da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas que se achegou, en boca dos seus protagonistas, ao estado actual da arte na nosa comunidade. No outono de 2024 analizouse a complexa situación que viven os artistas e o comisariado, mentres que en neste ano se falou do papel das galerías de arte e da situación das coleccións e museos de arte así como un percorrido polo mundo editorial máis formal, o vinculado a fundacións e institucións así como a autoedición e a autoxestión. O ciclo insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Paula Cabaleiro e os demais membros son Rosendo Cid, Carmen Díaz Cacheda, Silvia García González, Javier Pérez Buján, Luisa Pita, Ramón Rozas Domínguez, Rosario Sarmiento Escalona, Eduardo Valiña, Manuel Vilariño Seco e Lucila Yáñez Anllo-Vergas.



