“Francisco Miguel é un deses nomes esquecidos dunha terra que adoita non mirar cara atrás na recuperación daqueles que fixeron da súa propia vida un salvoconduto da nosa dignidade como pobo” asegura o folleto de presentación da xornada. A sesión busca achegarse a un figura, afastada dos discursos oficiais da nosa plástica, pero cun singular e importante valor en canto á relevancia da memoria e ao papel da arte como representación das arelas do ser humano por achegar diferentes olladas á súa sociedade. Francisco Miguel Fernández Moratinos e a súa obra plástica son parte dunha vangarda artística que non tivo cabida no seu momento e que foi obxecto dunha represión que hoxe deixa ante nós unha serie de obras que falan de soños, ilusións e esperanzas aos que nos vemos obrigados a enfrontarnos.
A xornada
O comisario de exposicións, crítico de arte e académico da Real Academia Galega de Belas Artes, Carlos L. Bernárdez, abre a sesión cun relatorio titulado “Nova obxectividade e realismo máxico. A pintura de Francisco Miguel” no que se achegará á súa obra artística e á súa vinculación cos diversos istmos do seu tempo artístico. Movementos aos que non foi alleo grazas ás súas viaxes a París ou Roma e ás súas estancias nesas cidades, nas que nos anos vinte se estaban configurando as novas correntes da arte do momento, que ao seu regreso soubo adaptar a unha ollada atlántica que logo se exportou ás terras mexicanas.
De seguido haberá un diálogo entre o escritor Manuel Rivas, xa que Francisco Miguel é o pintor do que fala no seu libro O lápis do carpinteiro, e Ramón Rozas. Entre os dous analizarán a relación entre arte e memoria que se pode dar arredor desta figura e do seu dramático final. A xornada remata cunha mesa redonda con Carlos L. Bernárdez, Manuel Rivas, Rosario Sarmiento e Carmela Galego, que exemplifican, desde os seus perfís profesionais, esa relación entre arte e memoria.
Esta iniciativa supón unha nova achega ao recoñecemento e divulgación da obra dun dos artistas máis significativos, e ao tempo máis esquecidos, da modernidade plástica galega.
O ciclo Revisando a nosa arte
A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas puxo en marcha en marzo de 2022 Revisando a nosa arte, un ciclo que pretende achegarse ás figuras máis representativas das artes visuais de comezos do século XX Estas para poñer en valor e reinterpretar as obras destes e doutros artistas, a súa produción e as súas traxectorias. Afondouse no Movemento Renovador da pintura galega que iniciou Castelao, proseguiu Carlos Maside e secundaron Arturo Souto, Laxeiro ou Manuel Colmeiro, e que se enriqueceu nas décadas seguintes con novas poéticas e tendencias. No marco deste ciclo analizáronse as figuras de Carlos Maside, Laxeiro, Maruja Mallo, Arturo Souto, Julia Minguillón, María Antonia Dans, Guillermo Monroy, Mon Vasco, Luis Borrajo, Alberto Datas, Xaquín Marín e Reimundo Patiño, Paco Pestana, Alberto Datas, Tino Grandío e máis recentemente Manuel Torres.



