Nesta cuarta xornada abórdase o papel dos museos e das coleccións de arte, pezas fundamentais da estrutura do sistema artístico. “O coleccionismo é unha figura fundamental para dar sentido ao proceso creativo dun artista”, explícase no folleto de presentación desta actividade, que tamén pretende demostrar que amosar e difundir unha colección é unha forma de compromiso coa comunidade e coa contorna social e cultural onde se crea.
A xornada comeza cun relatorio a cargo de Pepe Font de Mora, director de da Fundació Foto Colectania de Barcelona, unha entidade moi premiada que é un referente no eido da fotografía. Após a súa intervención falará Xoán Pastor Rodríguez, director do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, centro sito en Artes (Ribeira, A Coruña) que se encarga da colección, catalogación (a día de hoxe conta con 29.000 estampas), estudo e difusión da arte gráfica dende as súas orixes ata os nosos días. Destaca tamén por recoller a variedade de técnicas artísticas que operaron desde o século XV ata o momento actual. Na súa colección hai obras de artistas internacionais como Goya, Rubens, Van Dyck, Toulouse-Lautrec, Saura, Ricardo Baroja, Eberhard Schlotter, Dalí, Alberti, Picasso... así como gravadores galegos como Alfonso Costa, Manuel Ayaso ou Novoa entre outros.
A segunda parte da xornada consta dunha mesa redonda, “Museos e coleccións en Galicia: presente e futuro”, na que participarán Ángeles Tilve e Javier Pérez Buján, os directores de museos e coleccións tan referenciais como o Museo de Pontevedra e a Fundación Laxeiro respectivamente; xunto coa galerista Chus Villar, responsable da única galería galega que participa na vindeira edición de ARCO, e co coleccionista Juan Outeiral Bar. A idea é abordar a situación actual e os parámetros cos que revisar os novos horizontes do coleccionismo na nosa comunidade.
Cinco citas coa situación da arte
Arte en tempo real é un ciclo de cinco xornadas organizado pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas que pretende dar a coñecer, en boca dos seus protagonistas, o estado actual da arte na nosa comunidade. No outono de 2024 analizouse a difícil situación que viven os artistas e o comisariado no presente. Neste ano falouse do novo papel das galerías de arte e o ciclo conclúe en marzo cunha xornada sobre publicacións.
Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Paula Cabaleiro e os demais membros son Rosendo Cid, Carmen Díaz Cacheda, Silvia García González, Javier Pérez Buján, Luisa Pita, Ramón Rozas Domínguez, Rosario Sarmiento Escalona, Eduardo Valiña, Manuel Vilariño Seco e Lucila Yáñez Anllo-Vergas.



