A xornada comezará cunha visita guiada á Sala Tino Grandío do Museo Provincial de Lugo, dirixida por Aurelia Balseiro, directora da institución. Posteriormente, na capela de Santa María, terá lugar a presentación oficial do evento, acompañada da proxección do vídeo titulado “Unha casa, un poema e un can”. A continuación, dará comezo unha sesión de relatorios que explorarán diversas perspectivas sobre a figura e o traballo do artista. Miguel Fernández-Cid, director do Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (MARCO), falará sobre “A fortuna crítica de Tino Grandío”. Seguiralle Carlos López Bernárdez, historiador da arte, quen afondará na temática “Tino Grandío, o pintor que tiña unha cor”. Finalmente, Manuel Quintana Martelo, presidente da Real Academia de Belas Artes, abordará o tema “Desde a pintura”. A sesión continuará cunha mesa redonda moderada pola coordinadaor, Lucila Yáñez Anllo-Vergas, coa participación de todos os relatores. A xornada pecha cunha actuación musical a cargo do grupo vocal Son de Corda con acompañamento de piano.
O legado de Tino Grandío
Constantino Grandío López, (31 de decembro de 1924, Guntín, Lugo – 23 de abril de 1977, Lugo) desenvolveu a súa carreira artística afastado dos circuítos de formación convencional, o que lle permitiu forxar unha linguaxe plástica “propia, orixinal, evocadora, totalmente identificable e dunha sensibilidade extraordinaria”, como a cualifica o texto do programa da xornada, divulgado polo CCG. Na súa obra, composta por unha variedade de debuxos, pinturas e tamén esculturas o pintor explorou xéneros como retratos, paisaxes e escenas populares, movéndose “entre a figuración e a abstracción, entre o tradicional e o contemporáneo, e entre o crucial e o mundano”. Na súa traxectoria tratou temas como os retratos, os espidos femininos, bodegóns, paisaxes de mar, de montaña e de bruma, e escenas das festas populares e do traballo agrícola.
A súa vida creadora, interrompida prematuramente pola súa morte aos 52 anos, foi xa obxecto de diversas iniciativas para preservar e difundir o seu legado, como a exposición antolóxica organizada en 1996 pola Fundación Pedro Barrié de la Maza. Recentemente, o Museo Provincial de Lugo dedicoulle unha sala monográfica e apareceron outras mostras sobre a obra deste artista, como a exposición "Tino Grandío. Correspondencias" da Colección de Arte ABANCA.
O ciclo Revisando a nosa arte
A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas puxo en marcha en marzo de 2022 Revisando a nosa arte, un ciclo que pretende achegarse ás figuras máis representativas das artes visuais de comezos do século XX. Isto implica afondar no Movemento Renovador da pintura galega que iniciou Castelao, proseguiu Carlos Maside e secundaron Arturo Souto, Laxeiro ou Manuel Colmeiro, e que se enriqueceu nas décadas seguintes con novas poéticas e tendencias. Estas xornadas tratan de poñer en valor e reinterpretar as obras destes e doutros artistas, a súa produción e as súas traxectorias. O ciclo comezou cunha análise da figura de Carlos Maside e continuou coas de Laxeiro, Maruja Mallo, Arturo Souto, Julia Minguillón, María Antonia Dans, Guillermo Monroy, Mon Vasco, Luis Borrajo, Alberto Datas, Xaquín Marín e Reimundo Patiño, Paco Pestana e Alberto Datas.


