A imprenta rexurdimentista de LugoJosé Pujol i Baffer, con orixe nas Illas Baleares, traballou como músico na Catedral de Lugo. A boa situación social permitiulle dedicarse á venda de libros. Un paso previo á adquisición dunha imprenta da Coruña que Pujol instalará na fraga amurallada contra 1815.
Á morte de José, acontecida en 1834, ser...
A imprenta rexurdimentista de LugoJosé Pujol i Baffer, con orixe nas Illas Baleares, traballou como músico na Catedral de Lugo. A boa situación social permitiulle dedicarse á venda de libros. Un paso previo á adquisición dunha imprenta da Coruña que Pujol instalará na
fraga amurallada
contra 1815.
Á morte de José, acontecida en 1834, serán os seus fillos Manuel e Pedro os que se encarguen do negocio tipográfico. Durante case medio século (1815-1851) a imprenta dos Pujol exerceu como referencia absoluta no Lugo de papel e tinta.
Este case monopolio impresor rompeuno un antigo traballador dos Pujol, un caixista que respondía polo nome de Manuel Soto Freire. A aprendizaxe deu paso á iniciativa empresarial. Rielo Carballo fálanos da boa colocación social da súa estirpe afidalgada, acomodada e comerciante. A nai de Soto Freire estaba relacionada coa Casa Grande de Lousido (Concello de Pol).
Conforme lemos no
Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, en marzo de 1849 Manuel Soto Freire tiña na Praza Maior, número 20,
tienda-encuadernación
. Ese enderezo era tamén o da residencia particular. O negocio aumentaba. Un ano despois abría libraría no mesmo lugar e dous anos despois, coma se fose un ascenso planificado, abría imprenta, sita na rúa San Pedro 31. Neste contexto casa con Cándida Fernández Trelles, coa que terá tres fillos.
A adxudicación dende 1852 da impresión do
Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, do cal era redactor, debeu favorecer a decisión da apertura da citada imprenta. A fin de contas era un seguro económico para un negocio daquela fráxil, se non se situaba ao abeiro do poder eclesiástico ou administrativo.
Porén, o novo editor comprende as necesidades do mercado, tal como analizou Xosé Ramón Barreiro Fernández. Por iso dedica unha gran parte do volume de negocio a imprimir obras relixiosas que complementa con proxectos puntuais de tipo literario, coma manuais ou ensaios de toda tipoloxía.
Soto Freire tamén se meteu nos asuntos xornalísticos dende ben cedo. O seu primeiro proxecto tiña como título orixinario
El Miño. Pero quixo o destino que coincidise nos trámites de inscrición con
El Miño de Juan Compañel, publicado en Vigo tras o peche de
La Oliva. O caso é que Soto Freire viuse na obriga de engadir unha cativa modificación:
La Aurora del Miño. O 15 de maio de 1857 aparecía con tendencia levemente provincialista e claro acento relixioso (un aspecto que contrastaba coa práctica ausencia desta temática nos periódicos de Juan Compañel). Con Soto Freire e
La Aurora del Miño, Lugo entraba por vez primeira na crónica da prensa galega.
Outra diferenza, e moi notable, con respecto ao periódico vigués estriba na perdurabilidade. Soto Freire houbo de pechar
La Aurora del Miño o mesmo ano que nacera. Mais axiña aparece ligado a
El Correo de Lugo (1860), dirixido polos deputados Castro Bolaño e Vázquez de Parga, e como futuro colaborador doutras cabeceiras coma
El Diario de Avisos (1861-1865) ou
El Gallego (1867).
Un certo pluralismo ideolóxico sobrevoa o negocio de Soto Freire. A prensa lucense, dunha ou doutra orientación, sae do seu prelo. Mais o triunfo da Gloriosa (1868) debeuno afectar de tal maneira que se pronuncia publicamente carlista e tórnase menos permisivo.
Ramón Cabrera, coñecido como
El Tigre del Maestrazgo
, mandou reorganizar as hostes tradicionalistas. Ao longo de 1870 as bases galegas póñense á tarefa. Lugo, o principal foco do carlismo no país galego, constitúe unha
Junta Provincial
. Na dirección atopamos a Manuel Soto Freire, a carón de amigos seus como Ramón Arias Doncos. Velaí o impresor militante de palabra e carné.
Algunhas das cabeceiras aparecidas a partir de 1868 relaciónano directamente co carlismo organizado en Lugo:
La Fe (1873) ou
El Lucense (1883). O máis duradeiro,
La Paz (1869-1873), situouse abertamente no campo tradicionalista sendo Soto Freire propietario e impresor. O periódico sería vítima de persecución polo favoritismo a prol dos carlistas e do catolicismo máis integral.
Cómpre sinalar que a partir de 1874 Juan María Bravos faríase cargo da imprenta de Soto Freire. Este momento coincide coa súa marcha á Casa Grande de Goián (Ferreira de Pantón), que adquirira en 1871. Mais non cede a propiedade até 1894, cando lla vende ao citado Bravos.
De entre os impresos de ámbito relixioso cómpre sinalar o
Boletín para el clero del Obispado de Lugo (1859-1873), por ser unha das primeiras (senón a primeira) revistas de temática relixiosa impresas en Galicia. Ademais de ser o seu impresor tamén era o editor responsable, un requisito establecido pola lei de prensa do momento. A partir destes datos resulta obvio, para o lector ou lectora, a proximidade de Soto Freire aos sectores conservadores. O propio bispo de Lugo, ao ter coñecemento de que o impresor non proseguiría coa impresión do
Boletín, envíalle os parabéns
por su constancia en defender la causa Santa de la Iglesia, en medio de la azorosa época que atravesamos
; é dicir, a época da Gloriosa e a República.
Malia a derrota realista, Soto Freire proseguiu incólume nesta
fe
ideolóxica. En 1883 ponse á fronte de
El Lucense, co subtítulo de
Diario católico de la tarde. En 1894, poucos anos antes da súa morte, Gerardo Castro adquiriría a propiedade do periódico tras aprender o oficio na Imprenta Católica.
Pero sen dúbida, para a cultura galega o seu principal legado afecta a tres nomes: Manuel Murguía, Rosalía de Castro e Juan Antonio Saco Arce. Cando o negocio de Compañel en Vigo pasaba por dificultades económicas, Murguía buscou en Soto Freire o aliado preciso para imprimir os dous tomos inaugurais da
Historia de Galicia (1865 e 1866). Por outra banda, Saco Arce publicou con el a
Gramática gallega (1868), considerada como o primeiro manual con xeito científico da lingua galega; ou sae a
Reseña de la historia natural de Galicia (1866), de Víctor López Seoane.
Outras curiosas publicacións foron os ensaios de José Villaamil Castro ou o primeiro poemario de Emilia Calé,
Horas de inspiración (1867), apadriñada por Gumersindo Laverde. Esta muller, colaborada decote coa prensa galega, asistiu como anfitrioa aos seráns de La Galicia Literaria, aquel proxecto impulsado polo malogrado Teodosio Vesteiro Torres (daquela, o seu curmán), que pretendía erixirse coma unha sorte de adianto da Academia Galega. Alí asistían, entre outros, Manuel Curros Enríquez ou Francisco Añón.
Merece ser destacada a aparición en 1857 do calendario agrícola
Gaiteiro de Lugo, que logo tomaría o nome de
Calendario de Galicia e máis tarde
Calendario Gallego. Trátanse de publicacións moi populares grazas a un prezo barato e á brevidade. No inicio de cada exemplar, unhas palabras en galego. Ano a ano, até 1868, consta a súa aparición na praza pública.
Mais a sona como impresor gañouna cos populares
Almanaques, aparecidos dende 1864, dirixidos
á la juventud elegante y de buen tono
. Soto Freire presume de que esta publicación
pertenece á toda Galicia, porque escritores de todas sus provincias toman parte en la redacción
. Así é: Rosalía, Cuveiro, Murguía, Luís e José Rodríguez Seoane… A temática reproduce parte das inquedanzas do Rexurdimento: tipismo galego, efemérides históricas, galería de galegos ilustres, costumes… A diferenza dos
calendarios
, a nova publicación é máis extensa e diríxese a un público máis letrado e culto. O éxito explicaría a publicación anual até 1869.
Rosalía tamén publicou no selo impresor Soto Freire. Mais a relación entre ambos quedou marcada polo altercado acontecido cos seminaristas de Lugo uns anos antes. Como é sabido, Rosalía escribiu «El codio» para publicar no
Almanaque de 1865, como así aparece no prospecto. Cando chega a nova aos ollos dos seminaristas, estes pasan á ofensiva verbal e á material; despois das ameazas viñeron as pedradas que esnaquizaron os cristais do negocio. A violenta advertencia tivo efecto: o relato foi expulso do
Almanaque.
Esta anécdota, en todo caso, retrátanos o carácter dun impresor de pensamento tradicionalista que é atacado polos sectores proclives a el e dende o ámbito aliado do seu negocio. É dicir: o ataque veu dende dentro de casa. Con todo, Soto Freire publicaría
El caballero de las botas azules (1867), de Rosalía, amosando así que a relación se mantivera viva.
Non queremos desaproveitar a oportunidade de engadir algún dato sobre Marcelina Soto Freire, quen se pon á fronte da libraría sita na rúa San Pedro dende 1866 (cando menos). No libro
La literatura gallega en el siglo XIX (1903), de Carré Aldao, sae citada como unha das dúas poetas que
honraron nuestra literatura
(a outra foi Avelina Valladares). Carré defínea como
inspiradísima autora de delicadas composiciones
, que se daban por perdidas tras a súa morte en 1902 en Lugo. Dende
El Pueblo Gallego (1952) un anónimo A. I. (Aquilino Iglesia?) propón á investigación lucense a procura deses poemas entre os papeis de Salvador Castro Freire (o seu sobriño, coñecido boticario e fotógrafo). Até hoxe nada se sabe.
Ademais, Carlos Andrés González Pérez, no utilísimo libro
Escritoras na Galicia do século XIX (2014), engade a súa faceta como impresora e a posible publicación dalgúns dos seus poemas na prensa da emigración.
Por último, Soto Freire deixounos un dos ensaios máis completos e interesantes sobre a nosa biografía impresora:
La imprenta en Galicia. Este ensaio de 1868 quedou inédito até que en 1982, grazas a Xosé Ramón Barreiro Fernández e ao Círculo das Artes de Lugo, viu a luz.
Lugo inaugurou con Manuel Soto Freire o seu máis estreito vencello co Rexurdimento das letras galegas. Pero tamén con el se consolidou abrindo o camiño a unha xeración posterior de gran relevancia para a nosa nación,
BibliografíaComesaña Paz, Alfredo (2016): Hijos del trueno. La Tercera Guerra Carlista en Galicia y el Norte de Portugal. Madrid: Schedas.
García Negro, Pilar (2017): «Sobre o outro
Códeo», Follas Novas. Revista de estudos rosalianos, 2 : 51-65.
González Paz, Carlos Andrés (2014): Escritoras na Galicia do século XIX. Santiago de Compostela: CSIC, Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento.
Rielo Carballo, Nicanor (1997): «Manuel Soto Freire (1826-1897). O gran impulsor do libro relixioso en Lugo», Lucensia. Miscelánea de cultura e investigación, 7-15 : 213-232.
Soto Freire, Manuel (1998): La imprenta en Galicia (edición e introdución de Xosé Ramón Barreiro Fernández). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.