A fotografía como reveladora dunha realidade oculta e o fotógrafo como demiurgoA circunstancia vital de José Veiga Roel, como a de John Coplans —por sinalar unha figura de relevo mundial— mostra a infrecuente situación do fotógrafo que, tendo acceso serodio ao medio, é quen, non obstante, de atinxir unha obra notábel, condensada nun per...
A fotografía como reveladora dunha realidade oculta e o fotógrafo como demiurgoA circunstancia vital de José Veiga Roel, como a de John Coplans —por sinalar unha figura de relevo mundial— mostra a infrecuente situación do fotógrafo que, tendo acceso serodio ao medio, é quen, non obstante, de atinxir unha obra notábel, condensada nun período curto, no caso do fotógrafo de Betanzos pouco máis dunha década que abrangue o período situado entre 1954 e 1965. Até ese momento a proxección pública de Veiga terá a ver coa actividade industrial a través do estabelecemento El Globo, un negocio téxtil situado na súa vila natal, ou con aspectos secundarios concernentes á vida persoal —casamento— ou á militancia cultural na revista
Rexurdimento, situada no ámbito da Irmandade Nazonalista Galega cuxo mentor intelectual era Vicente Risco e na que colaboraban persoas de importancia como Ramón Cabanillas, Villar Ponte, Leandro Carré, Xaime Quintanilla ou Víctor Casas, os dous últimos
paseados
na bárbara loucura do ano 1936.
Ao propio tempo, a súa preocupación por cuestións sociais ou colectivas conduciuno a desempeñar cargos políticos, como o de concelleiro
republicano de abolengo
segundo definición que del fai
El Ideal Gallego ao comezo da década de 1930 ou, nas mesmas datas, a ocupación da vicepresidencia da primeira directiva do Círculo Mercantil de Betanzos. Co transcorrer do tempo, xa en 1957, converteríase en vicepresidente da Sociedad Fotográfica da Coruña —da que foi cofundador— partillando equipa directiva con Inocencio Schmidt de las Heras na presidencia, Ángel Ruiz Enríquez, secretario; Dionisio Tasende, tesoureiro-contador; e como vogais Luis Zamora, Juan Cancelo, Manuel Pereira Arribas, Julio Castro Sánchez e Marcelino Rodríguez Freijido, en canto o ano seguinte presidiría a betanceira Sociedad Liceo Recreativo de Artesáns.
Ademais debe subliñarse a súa pertenza ás Irmandades da Fala, nas que ingresou no ano 1930, segundo recolle unha nota aparecida n’
A Nosa Terra, que dá conta do número de asociados —vinte— que compoñen na altura a Irmandade de Betanzos e onde o fotógrafo figura dado de alta como Xosé (sic) Veiga Roel, datos que axudan a compor un perfil galeguista para o personaxe. O silencio sinistro que a ditadura impuxo torna imposíbel coñecer o evoluír postremeiro da súa ideoloxía, mais é significativo que, en 1961, centenario do Liceo de Artesáns do que na altura Veiga Roel era, como se dixo, presidente, fose Otero Pedrayo convidado a ditar unha palestra e que na mesma o escritor de Trasalba se referise a Veiga como
entrañable amigo
, ao tempo que —entre alusións a Manuel Murguía e Antolín Faraldo— comentaba as figuras de Curros Enríquez, Rosalía Castro e Castelao, mostrando, máis unha vez, a súa irredutíbel valentía galeguista. Na mesma liña, movida por idéntico sentimento galeguista, pódese encadrar a vontade de Eduardo Blanco Amor de coñecer o fotógrafo, escribir sobre Veiga Roel un artigo que será publicado en Arxentina en 1964 e no que o autor d’
A Esmorga define a obra de Veiga como un
… coetáneo, noble y expresivo (…) empapado de la más honda y misional galleguidad
.
Para alén destas actividades, o futuro fotógrafo salientará en dúas disciplinas, ambas de natureza artística e as dúas relacionadas, respectivamente, coa imaxe e a minuciosidade. A primeira trátase do debuxo para o que xa aparece dotado desde os tempos da escola. Ao longo da súa vida, publicou en xornais ou revistas debuxos de paisaxes urbanas, monumentos civís e relixiosos de Betanzos, ou mosteiros galegos como Sobrado dos Monxes e Monfero. Como resultado do seu traballo, chegaron até nós hoxe, realizados a lapis, tinta ou caneta, un número de debuxos que se encontra arredor do centenar e que inclúe, ademais dos labores citados, castelos, fontes, cruceiros, retratos e autorretratos, para alén dos que acompañaban os estudos e artigos de Francisco Vales Villamarín, secretario da Real Academia Galega, o cal chegará a compor un soneto dedicado a un debuxo de Veiga do ano 1949, «El gaitero Rilo», que, doce anos despois, o fotógrafo retitularía como «O vello Rilo». Este traballo como debuxante de vocación documentadora espallouse ao longo de sesenta anos e concedeulle honras como foron a obtención do diploma extraordinario no grupo de debuxo, sección de Belas Artes, no II Certamen del Trabajo de Galicia, en 1935. A segunda tarefa é a de miniaturista da caligrafía que lle permitía a inclusión, en superficies tan pequenas como as dunha moeda, de grandes textos, apenas visíbeis con axuda de lentes de aumento. Os xornais da época, con motivo dunha exposición na Coruña, aplicaríanlle a Veiga a cualificación de
calígrafo micrógrafo
.
E, malia o sobranceo público destes elementos, foi a obra fotográfica de Veiga Roel, circunscrita ao período final da súa vida e dun abastamento extraordinario, a que fixo que o seu nome se perpetuase. El mesmo, a través de entrevistas, referiu o proceso que o conducira a converter a cámara na ferramenta capaz de traducir pensamentos a imaxes. Iniciado no debuxo baixo a dirección de Juan Navaza, apaixonado pola miniatura, rexeitada a pintura por unha doenza conxénita, a discromatopsia —incapacidade de discernimento de cores—, o seu primeiro contacto coa fotografía chegara na mocidade na que, cunha cámara de placas 9x12, fotografaba motivos corriqueiros protagonizados polas súas amizades ou persoas da familia e realizaba pequenas reportaxes aparecidas en
El Pueblo Gallego, a finais dos anos 20 e comezos dos 30, con motivo das festas da súa vila natal. O abeiramento definitivo ao feito fotográfico produciuse a comezos do 1954, cando Veiga inauguraba a condición de sexaxenario, ao asistir a unha exposición de fotografías que, segundo as súas palabras, o abalaron profundamente e o obrigaron a cultivar a fotografía de contidos artísticos con absoluta
intensidad vocacional
, e non mostrando dúbida ningunha á hora de enfrontar os maiores rigores.
A intensidade vocacional da que nos fala Veiga Roel, ben como a determinación que puxo en xogo en relación co feito fotográfico, deitou como resultado unha produción, segundo se dixo, de inmensa magnitude, unha ampla difusión e un recoñecemento inacreditábel. As súas exposicións mostráronse en todas as cidades da Galicia, en Cataluña, Euskadi, Andalucía, viaxaron até Italia e atravesaron o Atlántico para seren olladas en Estados Unidos e Arxentina. Recibiu premios convocados por entidades públicas, —como deputacións, ministerios ou outros organismos do Estado— e privadas, como agrupacións fotográficas. Estes galardóns, dos que se chegaron a contabilizar cento setenta, con máis de trinta e oito primeiros premios, outorgáronselle en diferentes puntos de Galicia, alén dos acadados en Sevilla, Donostia, Manresa, Zaragoza ou Madrid, en canto as súas imaxes ocuparon as páxinas de revistas de primeiro nivel galego —
Vida Gallega— ou estatal —
Arte Fotográfico,
Trenes—. Do formidábel da súa produción é boa mostra o feito de existiren concursos aos que chegou a presentar máis de noventa imaxes, conseguindo que seleccionasen case oitenta, ou exposicións de cen fotografías, algunhas delas, —como a exhibida en La Terraza en 1957, organizada pola Sociedad Fotográfica da Coruña— amosando formatos de 50x60 cm, que foron consideradas a primeira mostra galega que acollía tal volume e tamaños de imaxe. Ao mesmo tempo, as súas fotografías acompañaron obras voluminosas, como a luxosa guía de Betanzos, publicada pola entidade bancaria Hijos de A. Nuñez a comezo dos anos 30, repartida de balde nas exposicións de Sevilla e cuxa parte gráfica asinan pintores —Sotomayor, Abelenda, Lloréns, Sobrino—, gravadores —Castro Gil, Prieto Nespereira— e un fotógrafo, el mesmo.
Con relación ás súas temáticas preferidas e á explicación do que se podería nomear como unha estética, Veiga Roel manifesta unha absoluta predilección pola paisaxe, considerando que a reportaxe precisa un gran sentido da oportunidade e velocidade na concreción da tomada. Por outra parte, tentaba —segundo as súas palabras— estruturar as súas imaxes de tal maneira que os sucesivos planos que compuñan cada unha delas producisen unha progresiva degradación que chegase a xerar un certo esvaecemento no fondo da fotografía, actitude que fornece elementos de comprensión para entender o pendor do autor cara a néboas e ambientes acuáticos que posúen, de maneira natural, dito esvaecemento nos puntos máis lonxincuos da fotografía. Consecuente co paradigma fotográfico existente na súa Terra e no Estado español naqueles anos, que supuña para a fotografía o estatuto de verdade —defrontado á hipótese de verosemellanza— Veiga Roel rexeita a inexistencia de calquera tipo de trucaxe nas súas fotografías, xa que iso suporía
falsear la verdad
, verdade da que, da súa perspectiva, a fotografía é portadora. Para el, é o traballo no laboratorio o responsábel de xerar cualquera tipo de efecto que, en aparencia, se mostre como estraño. O laboratorio, para Veiga, é o lugar onde acontece a outra metade da arte fotográfica, dado que da técnica non se pode escapar, aínda que se encargue de subliñar que as máquinas son elementos secundarios, chegando a afirmar que
la cámara no es nada
, que a elección é a responsábel de que se obteña o acerto e que o segredo alicerza en
trabajar mucho [e] ver buenas obras
. Cremos que Veiga Roel non se acha lonxe da formulación de Jeanloup Sieff cando —perguntado polo que representaba para el a técnica— resposta que
o mesmo que para Borges a gramática
.
Na súa concepción da fotografía latexa igualmente unha idea que se acha presente nos anos que Veiga ocupa o panorama fotográfico galego: a fotografía como reveladora dunha realidade oculta e o fotógrafo como demiurgo, como ser iluminado que ve, que desentraña o que outras persoas non son quen de ver debido ao feito de se encontraren atrofiados os ollares pola constante visión das mesmas cousas, non lonxe da opinión de Emmet Gowin que, aínda moitos anos mais tarde afirmaba, que
as miñas fotografías tentan representar algo que vós non vedes
, situación de cegueira que, segundo a opinión do betanceiro, induciría a incapacidade de apreciar a
beleza
(sic). De novo aparece a beleza, ese elemento de imposíbel definición que está a vivir o principio do fin da súa operatividade como concepto estético. Baixo esta perspectiva, as súas fotografías virán envurulladas por unha casca de clasicismo —como el mesmo se confesa— de tratamento da infancia que, por veces, lembra intencións fuxidas de
The family of man, da pegada do salonismo e as agrupacións fotográficas, de ocasionais artificios, do contaxio, en ocasións, do pensamento —non na técnica— presente en Schmidt de las Heras, o seu compañeiro de excursións fotográficas —e probabelmente de caza, xa que ambos os dous renovan ou obteñen as respectivas licenzas de caza en 1939—.
Malia o anterior, existe unha tendencia en Veiga Roel que o leva, xa nos seus últimos tempos de exercicio fotográfico, por outros camiños máis inseridos na contemporaneidade e nos prolegómenos do que sería unha fotografía de feitío documental, nunha actitude que López Mondéjar cualifica de esquizofrenia creativa e que converte a Veiga nunha ponte entre dúas xeracións, a primeira delas aferrollada nos límites impostos polo salonismo e a dinámica das agrupacións fotográficas e a segunda que abría á porta a perspectivas ligadas ao realismo. Neste último sentido deben considerarse, por exemplo, fotografías que estudan o traballo relacionado co mundo do mar, como «A colgar la red», «Marisqueiras» ou «Palangre», temática en que mesmo se chega a incluír a infancia, como acontece en «Pequeños mariscadores», e que se acha inmensamente afastada das néboas e das imaxes onde a auga muda nun espello e que aparecen en «Mañana de niebla», «Reflejos» ou «Los Caneiros». Sexa como for, o conxunto da produción de Veiga Roel constitúe unha considerábel e interesante achega á fotografía galega nos momentos previos a esta nortear cara a posicións que teñen como obxectivo procurar unha fenda que a conduza ao contacto coa contemporaneidade.
Bibliografía e fontes documentais Xornais, boletíns, revistas
Diversos números de: A Nosa Terra (1930), Alborada, diario de Galicia (1935), Betanzos. Revista oficial del Centro Betanzos (número 57), Boletin Oficial de la provincia de La Coruña (1939), El Compostelano (1924), El Correo Gallego (1957, 1958, 1961, 1962), El Ideal Gallego (1930, 1933), El Pueblo Gallego (1928, 1929, 1930), Fiestas de San Roque. Centro Social Betanzos, Buenos Aires (1935), La Noche (1956), La Voz de Galicia (1955, 1960), Vida Gallega (1930).
Artigos e libros
Blanco Amor, Eduardo: «Veiga Roel en su Betanzos», Galicia: Revista del Centro Gall4go de Buenos Aires, 535 (1964). Posteriormente publicado en Veiga Roel. Fotografías 1954-1964. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1993.
Borobó: «Caballeros de Betanzos, La Noche, (20 de abril de 1959), 6
García González-Ledo, Xosé Antón: «Apuntes para unha biografía. Xosé Veiga Roel», Anuario brigantino, 4 (1981), 27-31.
González Lorenzo, J.: «Diálogo con Veiga Roel», ECG, (11 de setembro de 1957), 7
Keko: «D. José Veiga Roel y su acusada personalidad internacional en la fotografía artística», La Voz de Galicia, (14 de agosto de 1956), 12
López Mondéjar, P.: Fotografía y sociedad en la España de Franco, Las fuentes de la memoria III. Barcelona, Lunwerg,
Rocha, R. B. de la: «Cien fotografías de Veiga Roel», La Noche, (4 de setembro de 1957), 81996.
Sánchez Vigil, Juan Miguel: Del daguerrotipo a la Instamatic. Autores, tendencias, instituciones. Gijón: Ediciones Trea, 2007.
Veiga Roel, José: Veiga Roel. Fotografías 1954-1964. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1993.
Recursos en internet
«My photographs are intented to represent something you don’t see», accesíbel en: https://photoquotes.com/author/emmet-gowin