Nado en Betanzos, José Veiga Roel amosou dotes para o debuxo desde a etapa escolar, un labor que seguiu cultivando tamén de adulto. Durante setenta anos, debuxou paisaxes urbanas, monumentos civís e relixiosos da súa vila natal, mosteiros galegos, castelos, fontes e cruceiros, e tamén fixo retratos e autorretratos. Así mesmo, realizou ilustracións para acompañar os estudos e artigos de Francisco Vales Villamarín, secretario da Real Academia Galega, quen compuxo un soneto dedicado ao debuxo de Veiga El gaitero Rilo. O deseño pode verse entre os materiais que se inclúen na súa entrada do Álbum de Galicia.
Xunto coa de debuxante, desenvolveu outra faceta artística: a de miniaturista da caligrafía, unha tarefa que consistía na inclusión de grandes textos en pequenas superficies, como, por exemplo, unha moeda. Porén, “foi a obra fotográfica de Veiga Roel, circunscrita ao período final da súa vida […], a que fixo que o seu nome se perpetuase”, subliña Vítor Vaqueiro. Tivo un primeiro contacto coa disciplina cando, de mozo, empezou a tirar fotografías a amigos e familiares. A finais dos anos vinte e principios dos trinta, realizou pequenas reportaxes que se difundiron en El Pueblo Gallego. As súas imaxes acompañaron tamén diferentes obras, como a guía turística de Betanzos publicada pola entidade bancaria Hijos de A. Núñez.
“O abeiramento definitivo ao feito fotográfico produciuse a comezos do 1954, cando Veiga inauguraba a condición de sexaxenario, ao asistir a unha exposición de fotografías que, segundo as súas palabras, o abalaron profundamente”, continúa Vaqueiro. Desde ese momento e ata 1965, produciu unha notable e numerosa obra fotográfica, que expuxo en todas as cidades de Galicia, así como en Cataluña, Euskadi e Andalucía. Fóra de España, realizou exposicións en Italia, Os Estados Unidos e A Arxentina. O seu traballo fotográfico foi galardoado en concursos de entidades públicas e privadas e, na súa traxectoria, chegou a sumar cento setenta premios. Ademais, as súas imaxes incluíronse en revistas de primeiro nivel, como Vida Gallega, Arte Fotográfico ou Trenes.
Nas súas fotografías sobresae o interese pola paisaxe, así como o afán por “estruturar as súas imaxes de tal maneira que os sucesivos planos que compuñan cada unha delas producisen unha progresiva degradación que chegase a xerar un certo esvaecemento no fondo da fotografía”, explica Vítor Vaqueiro na súa entrada do Álbum de Galicia. Nela, apunta o rexeitamento de Veiga Roel a realizar trucaxes e sinala que, “para el, é o traballo no laboratorio o responsábel de xerar calquera tipo de efecto que, en aparencia, se mostre como estraño”. O clasicismo, a pegada do salonismo e as agrupacións fotográficas, a influencia do pensamento de Schmidt de las Heras e a presenza de ocasionais artificios son algunhas das características que envolven as súas fotografías.
Nos seus últimos anos de exercicio, apostou por “outros camiños máis inseridos na contemporaneidade e nos prolegómenos do que sería unha fotografía de feitío documental”, sinala o autor da súa biografía. Esta tendencia reflíctese en obras como A colgar la red, Marisqueiras ou Palangre, nas que amosa traballos relacionados co mar. “Sexa como for, o conxunto da produción de Veiga Roel constitúe unha considerábel e interesante achega á fotografía galega nos momentos previos a esta nortearse cara a posicións que teñen como obxectivo procurar unha fenda que a conduza ao contacto coa contemporaneidade”, conclúe Vaqueiro.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 700 entradas, das cales as máis recentes son as de Elena Quiroga, Xoán González-Millán, Francisco María de la Iglesia e Salvador Golpe Varela.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.

