Intelectual, escritor, avogado: egrexio galeguistaXulián Magariños Negreira, malia á súa curta vida marcada por unha feble saúde, foi un avogado e intelectual negreirés, colaborador en prensa e revistas da época, novelista, lingüísta e membro fundador do Seminario de Estudos Galegos.
Naceu Magariños en Negreira o 16 de setembro de 1904. ...
Intelectual, escritor, avogado: egrexio galeguistaXulián Magariños Negreira, malia á súa curta vida marcada por unha feble saúde, foi un avogado e intelectual negreirés, colaborador en prensa e revistas da época, novelista, lingüísta e membro fundador do Seminario de Estudos Galegos.
Naceu Magariños en Negreira o 16 de setembro de 1904. Despois dos estudos preparatorios na súa vila natal, en 1916 ingresou no Instituto General y Técnico, situado na santiaguesa praza de Mazarelos, no que superou os cursos de bacharelato con moi boas notas. Durante os cursos comprendidos entre 1922 e 1927 estudou como alumno considerado
modelo
a carreira de Dereito na Universidade de Santiago, na que obtivo as cualificacións de 12 matrículas de honor, 8 sobresalientes, 4 notables, ao mesmo tempo que sobresaía tocando a guitarra na tuna e como virtuoso violinista. Nesta época tamén se asentou o seu sentimento galeguista, ingresou como fundador (1923) no Seminario de Estudos Galegos e publicou as súas novelas curtas
O Kalivera 30 H.P. e
O filósofo de Tamarica (1926) na colección Lar.
Cultivaba Magariños as súas relacións de amizade e afinidades intelectuais con Lois Tobío, Filgueira Valverde, Antonio Fraguas, Bouza Brey, Xaquín Lorenzo, Bal y Gay, Manuel Antonio e Carlos Maside. Con Luís Bouza Brey, Lois Tobío e Cordal Carús, en febreiro de 1925 sacaron unha rudimentaria revista satírica titulada
Adral con acedas críticas á cidade e á Universidade. Magariños figuraba como director e, no número 26 (correspondente a febreiro de 1926), publicou o artigo «Galicia está llamada a desaparecer».
Tamén acudía con frecuencia ao parladoiro do Café Español ao que asistían Carlos Maside e os membros do Comité de Cooperación Intelectual, caracterizados polo interese artístico e literario, que en 1932 invitou a García Lorca a pronunciar unha conferencia en Santiago.
Rematada a carreira trasladouse a Madrid, onde viviu desde setembro de 1928 ata 1930 coa pretensión de preparar as oposicións a Rexistrador da Propiedade. Non as aprobou no primeiro intento, que coincidiu coa aparición dos primeiros síntomas da súa delicada enfermidade. Abandona, por tanto, o intento de facerse Rexistrador e instálase como avogado en Negreira, onde tamén participou na vida social da vila, xestionou a reposición do xulgado de 1ª Instancia, suprimido en 1926 e recuperado en 1931, escribía nos xornais e observaba con atención a marcha do réxime republicano e dos traballos da comisión encargada de elaborar o texto do Estatuto de Autonomía de 1931.
Colaborador de prensa
Como colaborador de prensa, o primeiro artigo publicado por Magariños Negreira tiña o título «El alma de Compostela» e foi publicado no xornal
La Renovación de Santiago en 1923. E o derradeiro editouno en
La Voz de Barcala en 1934 e titulábase «El Ayuntamiento de Aro y la revolución de 1846». En total oitenta colaboracións, moitas delas inéditas ata que Blanca Roig e Amancio Liñares rescataron os máis deles no seu libro
Xulián Magariños Negreira. Un home da Época Nós (1904-1934). Empregando indistintamente o galego e o castelán, moitos deles asinados como Xulio Marín, publicou os seus artigos xornalísticos en
La Renovación,
Galicia,
El Compostelano,
El País Gallego,
El Pueblo Gallego. Dos da emigración galega en América publicou en
Céltiga,
Galicia e
El Despertar Gallego (estes tres últimos de Bos Aires) e
El Diario Español, de Montevideo. E tamén nos galeguistas
Nós e
A Nosa Terra.
Seminario de Estudos Galegos
A fundación do Seminario de Estudos Galegos (SEG) tivo lugar o 12 de outubro de 1923 coincidindo coa excursión que un grupo de estudantes universitarios realizou á casa de Ortoño, na comarca da Maía, onde de nena vivira Rosalía de Castro. Poucos días despois, o 21 dese mesmo mes de outubro, o grupo de Ortoño ampliado, entre os que figura Magariños Negreira, reuniuse na casa do catedrático Armando Cotarelo Valledor e decidiron constituír o Seminario de Estudos Galegos para
adicarse ao estudo da Terra
.
Magariños, na sesión do Seminario do 16 de novembro de 1923 leu o seu traballo de ingreso,
A regueifa, publicado baixo o título «Descripzón da regueifa en Negreira» no número 218 d'
A Nosa Terra (1 de novembro de 1925).
As actas do SEG dan conta de que na sesión do 23 de outubro de 1925 se creou unha comisión formada por Filgueira Valverde, Lois Tobío, Magariños e Cordal Carús encargada de elaborar un Vocabulario galego-castelán, que se publicou por entregas en
El Pueblo Gallego entre 1926 e 1928.
O clima cultural galego estaba nestes momentos en efervescencia. Despois da decaída de entre séculos, fundáronse as Irmandades da Fala e o Seminario de Estudos Galegos e xurdira unha nova xeración de escritores e eruditos; tamén había un clima político novo. Nesta altura, a carencia dun dicionario era punxente porque os vellos xa non se atopaban ou eran anticuados e os anunciados (Academia e Eladio Rodríguez) ían moi lentos ou para longo. Non se trata só dunha versión abreviada dos traballos anteriores, pois hai bastantes voces que se rexistran neste traballo por primeira vez. Eladio Rodríguez remite case medio millar de veces a palabras aboadas só por este vocabulario. Remata no termo
treva
.
Na reunión do 24 de abril de 1927, nunha xuntanza celebrada no salón de Actos da Sociedade Económica de Santiago, onde o SEG tiña o seu asentamento provisional, Magariños participou no acto de lectura de
Prosas orixinais, na función na que tamén participaron Castelao, Rafael Dieste, Filgueira Valverde, Vicente Risco, Correa Calderón, Ramón Cabanillas, Antón Villar Ponte, Otero Pedrayo e Losada Diéguez, entre outros asistentes. Esta xornada comezara pola mañá co ingreso no SEG de Eladio Rodríguez González, presidente da Real Academia Galega e autor do
Diccionario Enciclopédico Gallego Castellano, que publicou postumamente, en tres volumes, entre 1958 e 1961.
Magariños Negreira, prosista literario da colección Lar
No ano 1924, Leando Carré como director e Ánxel Casal como administrador fundaron na Coruña a Editorial Lar, con sede no primeiro andar da casa da coruñesa Rúa Real, 36, 1º, que tamén era domicilio de Casal, sede da Irmandade coruñesa, das Escolas de Ensino Galego, da Loxa Masónica Hércules e dunha asociación de pais en defensa da educación laica. A editorial Lar veu ser continuadora de Céltiga e, igual ca ela, proseguiu no empeño de promover a lectura en galego para o que publicou obras de tamaño reducido, entre 35 e 40 páxinas, e sen demasiada complicación temática. Cada exemplar vendíase ao módico prezo de 30 céntimos e, agás os cinco primeiros libros da colección, que se imprimiron na tipografía de Moret, o resto xa se publicaron nos seus propios talleres ao adquirir o material que lle permitiu realizar os seus traballos de imprenta.
Para o cumprimento dos seus obxectivos, a través de Lar tiraron do prelo, primeiro quincenal e despois mensualmente, corenta obras:
A miña muller –coa que se iniciou a colección– e
O ilustre Cardona, de Wenceslao Fernández Flórez;
Naiciña,
O xornal de Maví,
A propia vida e
O home que deu vida a un home, de Leandro Carré Alvarellos;
Pantelas, home libre e
Escrito na néboa, de Otero Pedrayo;
O lobo da xente,
A coutada e
A Trabe d´ouro e A Trabe d´alquitrán, de Vicente Risco;
Cabalgadas en Salnés, de Fermín Bouza-Brey;
O anarquista, de Leandro Pita Romero;
O pastor de doña Silvia, de Aurelio Ribalta;
Os probes de Deus, de Luís Amado Carballo;
Martes d´Antroido, de Francisca Herrera Garrido;
Fuxidos, de Gonzalo López Abente;
Ana María e
A filla da patrona, de Xoán Xesús González;
Manecho o da rúa e
Estebo, de José Lesta Meis;
O Kalivera 30 H.P. e
O filósofo de Tamarica, de Xulián Magariños Negreira;
O vigario, de Xosé Filgueira Valverde;
Xelo o salvaxe, de Felipe Fernández Armesto;
Ladaíña, de Álvaro María de las Casas; e
Contos de Nadal colleitos do pobo, de Armando Cotarelo, etc. e conclúe co libro
Alevamento, de Luís G. Vicencio, pseudónimo de Lois Carré Alvarellos, en 1928.
O motivo ornamental empregado por Díaz Baliño nas cubertas de Lar é o mesmo en todas as obras, o único que cambia é a tonalidade que se logra combinando diversas cores. As partes superior e inferior da cuberta están ocupadas por orlas con monstros que fan lembrar os do Pórtico da Gloria. Na parte central figura un dolmen sobre un outeiro iluminado pola lúa chea.
Pois na colección Lar publicou Magariños dúas novelas curtas:
O kalivera 30 H.P. (1926) e
O filósofo de Tamarica (1926). No
Kalivera 30 H.P. , cun acusado sentido do humor, póñense de manifesto os inicios do automobilismo en Galicia e as teimosas obsesións que crea nos usuarios. Trátase dun mozo que se empeña en comprar un automóbil e desde o momento en que o adquire sucédenlle unha chea de dificultades: accidentes, excesivos gastos, deixadez no traballo, abandono da moza…, ata que ao final un accidente faino recapacitar e recuperar a súa vida anterior.
N'
O filósofo de Tamarica, un pouco máis lograda literariamente e sen renunciar á vea humorística, Magariños ofrece unha atinada e incluso corrosiva crítica da vida vilega. Arredor de dúas barberías, a de Cibrán Teixido, o Vinculeiro, home culto, e a do máis popular Chinto Pedralonga. Entre elas van desfilando o boticario D. Pedro Salgueiro, o filósofo D. Pedancio Casanova, quen, sen ter ningunha obra coñecida, soubera montarse a imaxe de profundo intelectual e eminente filósofo, cando a verdade era que o único que fora capaz de idear foi o presuntuoso título dun traballo que dicía estar preparando:
Consustanciación filosófica do pensamento humán
, e o falso e estafador novelista D. Galo Penedo.
Coda
O intelectual, escritor, avogado, compulsivo lector e egrexio galeguista sen carné do Partido Galeguista, como o definiu o seu biógrafo Xosé Amancio Liñares, Xulián Magariños morreu prematuramente, o 9 de xullo de 1934, cando aínda non cumprira os 30 anos de idade.
Desde 1984, coa iniciativa da Sociedade Cultural Afonso Eanes e por decisión do goberno municipal, unha rúa de Negreira leva o seu nome. E tamén o Concello de Negreira, para conmemorar o centenario do nacemento de Magariños, declarou por unanimidade o ano 2004 como Ano Xulián Magariños. E con este motivo celebrouse no mes de setembro unha semana de actividades e un congreso no que participaron os profesores Amancio Liñares, Antonio Puentes, Xosé Ramón Mariño Paz, Avelino Pousa Antelo, Isaac Díaz Pardo, María Xosé Rodríguez Valcárcel, Carme Hermida, Marcos Valcárcel, Xosé María Dobarro e Ramón Villares. E a Asociación Cultural inaugurou un monólito conmemorativo nos xardíns da Praza de Ferreiro.
É tamén de salientar que o Instituto de Ensino Medio da súa vila natal leva o nome de Xulián Magariños.
Bibliografía
Liñares Giraut, Xosé Amancio e Roig Rechou, Blanca-Ana (1988): Xulián Magariños Negreira. Un home da época Nós (1904-1934). Sada (A Coruña): Ediciós do Castro.
Mato, Alfonso (2001): O Seminario de Estudos Galegos, na documentación que garda o Instituto Padre Sarmiento. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro. Publicacións do Seminario de Estudos Galegos.
Liñares Giraut, Xosé Amancio (2004): Xulián Magariños. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.