----

Un acto festivo e un congreso reivindican o legado do Seminario de Estudos Galegos

O 12 de outubro de 1923 un grupo de ilustres estudantes da Universidade de Santiago camiñaron xuntos ata a casa de Rosalía de Castro en Ortoño. Esa andaina derivou na creación do Seminario de Estudos Galegos (SEG), unha institución científica determinante no futuro do país. Cen anos despois, diferentes entidades repiten aquel percorrido cun acto festivo aberto á cidadanía. É un dos actos centrais que conmemora o centenario do SEG e que debullaron esta mañá a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o alcalde de Ames, Blas García; máis a vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago (USC), Pilar Murias. Alén da festa popular do día 12 de outubro, na véspera (días 10 e 11) terá lugar o congreso «Saber de nós: Cen anos do Seminario de Estudos Galegos», que fará balance da significación na historia científica, intelectual e cultural de Galicia do SEG.

O 12 de outubro de 1923 Fermín Bouza-Brey, Xosé F. Filgueira Valverde, Xosé Pena e Pena, Wenceslao Requejo Bouet, Lois Tobío e Alberto Vidán Freiría saen de Compostela camiño do castro de Ortoño, lugar da nenez de Rosalía de Castro. Alí concibiron a idea de constituír un grupo consagrado á investigación da cultura galega. A eles sumáronse Xulián Magariños Negreira, Ramón Martínez López e Francisco Romero Lema para asinar a constitución formal do Seminario de Estudos Galegos, baixo a presidencia do profesor Armando Cotarelo Valledor. “Foi a andaina fundacional dun grupo que tivo unha vida rica e que deixou unha longa pegada” explicou a presidenta do CCG ao destacar que o acto central da celebración busca “rememorar a viaxe daqueles mozos convidando á cidadanía a un día de festa”.

A presidenta do museo do Pobo, Concha Losada, explicou os detalles dun acto festivo que require inscrición (no web do Museo do Pobo). “É unha viaxe pequena pero importante, que sairá da alameda de Santiago o día 12 de outubro, para ir ata Ortoño onde colocaremos un ramo de flores diante da placa que lembra a constitución do SEG, despois haberá un breve acto institucional cun discurso único e logo. un xantar que contará con música” apuntou. O percorrido estará sinalizado, vixiado por axentes de Protección Civil e está previsto tamén que haxa transporte público de volta a Santiago para os que fixeron o percorrido a pé. O nivel de dificultade é baixo e prégase roupa cómoda.
O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, asegurou que “se convoca arredor dunha sementeira, porque somos fillos daquela xente que con tan poucos recursos pero con intelixencia puxeron as bases do que hoxe somos, foron quen de construír un discurso para o país”.

A andaina ten tamén, en palabras de Pilar Murias, vicerreitora da USC, o valor de ser o “símbolo do traballo que fixeron todas estas institucións esforzo conxunto”. Idea na que insistiu o alcalde de Ames, Blas García, quen tamén incidiu no carácter “necesario do acto, que vai ser a semente do traballo do futuro”.

“Esta é una efeméride dun día que marcou a creación da primeira infraestrutura cultural da que se dotou o país, con persoas de diferentes áreas de coñecemento, para a construción desde relato cultural tan necesario” apuntou Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística que tamén quixo destacar a importancia de seguir velando e traballando para preservar este legado. Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago, destacou tamén que o concello prepara un caderno específico sobre a historia do SEG, así como outros roteiros máis unha unidade didáctica, para darlle continuidade ao labor desenvolvido polo SEG.

Congreso
«Saber de nós: Cen anos do Seminario de Estudos Galegos» é un congreso organizado en catro sesións que terá lugar os días 10 e 11 de outubro e no que se abordará, entre outras ideas, a madureza da concepción como nación europea e na reivindicación do galego como idioma culto e plenamente desenvolvido. A primeira das sesións situará o proxecto de Seminario no seu contexto histórico. Será Justo Beramendi, catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, quen ofreza ese marco ao que seguirá unha mesa redonda con Uxío Breogán, Alfonso Mato e Pilar García Negro.

A segunda sesión centrarase na propia traxectoria do SEG e na súa relación coa sociedade. A conferencia marco chega da man de Ramón Villares. Após a súa intervención, Aurora Marco, María Xesús Fortes Alén e Antón Costa profundarán sobre o tema nunha mesa redonda.

As terceiras e cuartas sesións concentraranse nas áreas de actividade nas que o Seminario conseguiu resultados máis tanxibles: a etnografía, a prehistoria e a arqueoloxía, as ciencias, as belas artes e os estudos literarios e a lingua. Nestas sesións haberá dous relatorios destacados: un a cargo de Xerardo Pereiro, profesor asociado no Departamento de Economía, Socioloxía e Xestión, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, que fala da antropoloxía dos discursos do Seminario de Estudos Galegos sobre as identidades galegas; máis outro de Henrique Monteagudo, catedrático de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela, titulado “lingua nacional, idioma moderno”.

O congreso rematará cunha mesa redonda sobre o legado do SEG no que participan Miguel Anxo Seixas Seoane, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, María Xosé Fernández Cerviño e Uxío Labarta.