Cando o feminismo é transgresión nas rúas de CompostelaA principios do ano 2003, en torno á Casa Encantada, casa okupada situada daquela na rúa Castrón D’Ouro de Compostela, converxeramos un grupo numeroso de mulleres de diferentes tradicións políticas, pero que coincidiamos na forma de entender a loita feminista. Queriamos ocupar as rúa...
Cando o feminismo é transgresión nas rúas de CompostelaA principios do ano 2003, en torno á Casa Encantada, casa okupada situada daquela na rúa Castrón D’Ouro de Compostela, converxeramos un grupo numeroso de mulleres de diferentes tradicións políticas, pero que coincidiamos na forma de entender a loita feminista. Queriamos ocupar as rúas, lanzar denuncias directas e claras co obxectivo de neutralizar os mecanismos represivos que adoitan silenciar ás mulleres e as discriminacións das que son obxecto polo feito de selo.
Aínda sen nome, coordinámonos para realizar varias accións de denuncia nas rúas da cidade contra as violencias exercidas contra as mulleres nesta sociedade que é patriarcal. Neste sentido, destacamos a elaboración de dúas macropintadas en muros da avenida de Lugo.
Unha retiña o lema:
Nem machismo, nem guerra, nen chapapote que nos mate.
Nem concelho que nos desaloje. Rebeliom.
Na segunda denunciamos:
Nom fagades negocio co maltrato ás mulheres. Contra a maré negra do
concelho. Municipalizaçom da casa de acolhida. Demissons.
O desastre producido polo afundimento do Prestige a finais do 2002, a Guerra de Irak iniciada o 20 de marzo de 2003, o desaloxo da Casa Encanta ocorrido o 17 de xuño de 2003, e o noso desacordo coa xestión da Casa de acollida de mulleres maltratadas de Santiago de Compostela, condicionan os textos destas pintadas e, na súa elaboración, participaron tantas mulleres como letras que compuñan o conxunto. Cada unha encargouse de pintar unha letra e cada letra medía un metro de alto.
Na segunda metade de 2003 desprazámonos ao concello de Toques. Fixemos un acto de denuncia pública. Manifestámonos contra Jesús Ares Vázquez, alcalde do Partido Popular, pola violación a unha moza dese concello.
E xa, a finais do ano 2003, eliximos nome e presentámonos como colectivo feminista Mulheres Transgredindo en Compostela. Reuniámonos semanalmente no novo local da Casa Encantada, no n.º 35 da rúa Betanzos. Un espazo alugado e no que canda nós, seguían desenvolvendo as súas actividades os diversos colectivos vinculados á dita Casa.
Eliximos como logo un tiratacos visualizando así a nosa intención de defendernos coa arma das pobres, feita por nós, coas nosas mans, cos nosos corpos, coa nosa voz, para denunciar, berrar e loitar contra as mil caras das violencias exercidas contra as mulleres.
Para explicar, ilustrar e difundir as nosas mensaxes, tamén, utilizamos as ferramentas audiovisuais da internet como espazo libre. O xeito de actuar que escollemos foi moi visual e en certa medida simbólico, sempre centrado en dar visibilidade ás determinacións impostas ás mulleres e ás discriminacións das que somos obxecto. Empregamos para isto accións na rúa, porque:
Na cocinha ao lado da máquina de lavar esperando a que remate o programa
número 3, é onde queren que esteamos e a nós nom nos apetece...
Así, Mulheres Transgredindo utilizamos a transgresión como ferramenta contra as normas establecidas. Fixémolo sendo conscientes de que a orixe de todos os problemas é o sistema heteropatriarcal, capitalista e neocolonial con consecuencias que non se poden enumerar por orde de importancia. Sendo conscientes de que non hai un problema principal, que moitos son froito dunha construción dicotómica e binaria do mundo que nós non queremos reproducir, da que non queremos facer parte e contra a que nos rebelamos.
Con respecto ás accións de rúa desenvolvidas xa como Mulheres Transgredindo, a primeira Contra as violencias machistas
, realizámola na praza do Toural en torno ao 25 de novembro do ano 2004. Espallámonos deitadas no chan, ocupando todo o espazo da praza, cubertas cunha saba, inmóbeis e en silencio, ante unha pancarta inmensa, que colgaba dunha das xanelas do pazo de Bendaña, berrabamos
así a nosa rabia ante as múltiples violencias: invisibilidade, dobre xornada, linguaxe sexista, discriminación laboral, acoso sexual..., e o asasinato como punto do iceberg da violencia sexista. Mentres transcorría a acción escoitábase un audio cunha canción na que María Bethania fala de amor.
A seguinte vez que saímos á rúa, tamén en 2004, foi para denunciar as mil caras da violencia contra as mulleres. Subidas en cadeiras estivemos entre a praza do Pan e a de Santo Agostiño. Cada unha das que participamos na acción portaba un cartaz onde explicabamos os motivos que nos levaban a estar na rúa. Entre outros lemas empregamos:
ESTOU NA RÚA...:
… porque existo
… porque na casa tenho medo
… porque estou farta
… porque non tenho casa
… porque son mulher e migrante
… porque só me deixan ser ama de casa
… porque na escola silencian a voz das mulheres
… porque son unha mulher con discapacidade... e existo
... etc.
En marzo do 2005 volvemos á rúa para denunciar ao Imperio Inditex baixo lema Día dos trapos suxos em Zara
. Na rúa doutor Teixeiro sentámonos en cadeiras, cosendo e denunciando a situación de escravitude laboral en que se atopaban as traballadoras galegas e doutras partes do mundo na industria do téxtil. En cada cadeira un cartaz con diferentes textos de denuncia. Algúns destes:
admitida para trabalho clandestino
once horas diarias/100 € mes
sem dereito a enfermar
sem contrato
sem dereito a sindicaçom
inditex = excravitude
talher de exploraçom de imigrantes
horas ‘extras’ obrigatorias
... etc.
Noutra acción contra a explotación laboral no imperio do téxtil de Inditex, esta vez dentro das propias tendas de dito imperio en Compostela, usamos etiquetas que colocabamos nas prendas de roupa nas que se podían ler textos como:
Inditex paga por esta peza 0,17 €
cosida por unha mulher que fai horas extraordinarias sem remunerar
En decembro de 2005, noutra acción de rúa, quixemos visibilizar o que representan o mito da beleza para as mulleres e denunciamos ás corporacións dermoestéticas que fan negocio a conta dos nosos corpos. Situándonos na rúa da Senra ante un destes centros de tortura psicofísica. Berramos!
Corporación dermopatética asobalha a marabilha da diferênza
Ademais levabamos cartazes nos que podía lerse:
nem liposucióm que me absorba nem moda que me oprima
gústame o meu cu, gústame a minha cona, fóra a silicona
este corpo está vivo, sente, nom me oprime
as enrugas som os meus sorrisos, nom quero ser eternamente xove
demasiado pequena comparada con quen?
Inventan os nosos complexos, constrúen o seu negócio: por que te jogas a pel??
Tampouco esquecemos denunciar todo o que representa a igrexa católica como máxima expresión da represión da liberdade e negación das mulleres. Así, nunha das accións percorremos Compostela precintando once das moitas igrexas que hai na cidade, por machistas, misóxinos, homófobos, ladróns, pederastas, fundamentalistas. E en maio de 2005 precintamos a Catedral. Empregamos para isto 525 metros de cinta e colocamos cartaces nos que diciamos:
nom aos fundamentalismos
nom ao machismo
nom á homofóbia
nom ao fascismo
nom ás extorsions dos povos, das pessoas, nem das ideias
NOM!, en definitiva, a todo aquilo que representa a igrexa católica neste país.
Tamén saímos á rúa coa intención de ser o espello do que se oculta nas macrocadeas do estado. Máis concretamente, estivemos na praza do Pan para denunciar as políticas discriminatorias e as agresións das que son obxectos as presas nas institucións penitenciarias. Ante a invisibilización da súas realidades denunciamos:
Som mulher, estou presa: EXISTO
Quixemos ser a voz e dar presenza ás mulleres que non podían estar, das que foron atrapadas polas redes dos verdugos do poder, as PRESAS.
En febreiro do 2006, en tempo de entroido, fixemos un Akelarre Feminista na praza do Pan. Como herdeiras das bruxas que nos precederon, queimamos todo o que simboliza o patriarcado: a igrexa, a familia, o matrimonio, a monarquía, o fútbol, o capital, o tío Sam, a escola, os militares de todos os rangos que matan e violan defendendo ao capital… Conxuramos ás nosas ancestras no Xoves de Comadres e izamos de lume e berros a rúa.
Noutra ocasión escenificamos actos de renomeamento das rúas de Compostela nalgúns barrios da zona vella, entre Santa Clara e San Pedro. Nomeamos as rúas das Labregas, das Mariñeiras, das Peixeiras, das Feministas, etc. Non puxemos nomes de mulleres importantes para o mundo, que as hai e a moreas, quixemos que as paredes falaran de nós, daquilo que lle importa ao pobo, porque a linguaxe é importante, porque os nomes nos definen. Por iso, por todo iso, tomamos as rúas para que os muros berrasen con nós coma espellos das nosas loitas.
En 2008, en Área Central, no polígono das Fontiñas, xunto co colectivo feminista da Coruña Non me pises o freghao
denunciamos a situación de escravitude ás que se ven sometidas as empregadas domésticas. Percorremos o dito centro comercial con utensilios de limpeza, portando cartaces de denuncia e chamando a atención coas nosas voces ao berro de:
Non máis escravas sociais! Non máis escravas laborais! Dereitos laborais xa!
Como resposta a un texto publicado en El Correo Gallego, na sección de «Sonrisas» no que se facía apoloxía do terrorismo contra as mulleres, volvemos saír á rúa. Entramos nas oficinas dese xornal para esixir a rectificación inmediata, a publicación dunha desculpa no mesmo medio e a supresión da sección xa que esta non era a primeira vez que se xustificaban, lexitimaban e normalizaban, a través de supostos chistes, as violencias exercidas contra as mulleres.
Tamén penduramos faixas denunciando as violencias sexistas nas pontes das estradas que rodean Compostela. Nelas podíase ler por exemplo:
perigo, machistas soltos
na mesma fin de semana: 2005: 50 assasinadas, 2006: 60 assasinadas
En 2010 Mulheres Transgredindo integrámonos na Rede Feminista Galega que daquela iniciaba a súa andaina. Unha das nosas primeiras campañas como conxunto foi articulada ante a visita de Joseph Ratzinger a Galiza baixo o lema Papa, as mulheres galegas nom te esperamos
. O 26 de outubro do 2010 ante o xulgado de Instrución n.º 1 de Santiago de Compostela metemos por rexistro a primeira denuncia contra o Papa por representar a organización que máis dano fai e fixo ás mulleres no mundo desde tempos inmemoriais. Ademais, censuramos o financiamento da visita con fondos públicos e esiximos ás administracións que devolvan os cartos cos que se financiou e que non se entregue nin un euro máis á igrexa católica.
Noutra liña de actividades, participamos en diversas xornadas e charlas feministas coa idea de seguir medrando e tecendo redes coa axuda de militantes doutras loitas, doutras mulleres e colectivos. Asemade, desde novembro de 2005 participamos na Radio Livre Radio Kalimera cun programa que titulamos Transgresoras nas ondas. Emitiamos as terceiras ou cuartas feiras. Queriamos ser un voceiro das sen voz, de mulheres concretas, das de colectivos, das descoñecidas e anónimas. Todas elas sabias e exemplos dos que aprender.
Para recadar fondos para a elaboración do material e de todo o que precisabamos nas accións de rúa, fixemos almanaques, chapas e isqueiros. Nunca solicitamos ningún tipo de subvención.
Acordarmos a nosa disolución en 2010, incide nisto a desaparición do local da Casa Encantada e a creación da Rede Feminista Galega na que moitas de nós centraron a súa actividade militante.
Ver biografía no Álbum de Galicia