----

Entra no Álbum de Galicia a biografía de África Leira, símbolo do activismo comprometido e discreto

O Álbum de Galicia vén de incorporar a biografía de África Leira Sanmartín (Ferrol, 1948 – Burela, 2025), unha das figuras máis singulares do activismo social, político e internacionalista galego das últimas décadas. Mercedes Teixeiro e Luísa Cuevas son as autoras da entrada na que a definiron como “activa e combativa, transgresora e subversiva”.

Nada en Ferrol e criada en Viveiro, África Leira iniciou moi nova a súa implicación política, opoñéndose á ditadura franquista e colaborando activamente co nacionalismo galego. Participou na cobertura a militantes perseguidos, integrou os Comités de Apoio á Loita Labrega (CALL) e foi protagonista na mobilización contra a central nuclear de Xove. Militante da Asemblea Popular Nacional Galega (AN-PG) desde a súa fundación, tamén presidiu a Asociación Cultural Sementeira nun momento clave para o tecido cultural e político do país.

Xa en Compostela, desenvolveu unha intensa actividade vinculada ao xornal A Nosa Terra e ao traballo agrario, contribuíndo á creación de redes de cooperación económica entre Galicia e outros territorios. A súa etapa en Madrid (1984–1999) ampliou o seu radio de acción, converténdoa nunha peza fundamental do movemento internacionalista e antimilitarista. Desde o Colectivo de Solidariedade con Nicaragua e a Comisión Anti-OTAN, participou na organización de brigadas solidarias e no apoio a procesos revolucionarios en América Latina, nomeadamente en Nicaragua e O Salvador.

A súa acción estendeuse tamén a Cuba, Chiapas e México, onde colaborou na creación de estruturas de apoio, campamentos de paz e redes internacionais de solidariedade. Destaca especialmente o seu papel na defensa dos dereitos humanos en territorios en conflito, exercendo como parte de delegacións internacionais que actuaban, tal e como se di na entrada, como “escudos humanos”.

Un dos ámbitos onde a súa pegada foi máis fonda foi o movemento antirrepresivo. Desde finais dos anos 80, África Leira converteuse nun referente no apoio ás persoas presas e ás súas familias. Impulsora da Junta Galega pola Amnistía (JUGA) en Madrid, coordinando visitas a prisións, apoio legal, campañas informativas e accións de denuncia das vulneracións de dereitos humanos. Durante anos, sostivo un traballo constante e silencioso, desde postos informativos no Rastro madrileño ata mobilizacións estatais e internacionais, sempre desde unha perspectiva solidaria e de base.

O seu compromiso coa clase traballadora tamén se manifestou na participación activa en folgas xerais e piquetes informativos, así como na implicación en movementos antifascistas e sociais urbanos.

En 1999 regresa a Galicia e intensificou o seu activismo feminista, participando en organizacións como Mulheres Nacionalistas Galegas, a Marcha Mundial das Mulleres ou Mulheres Transgredindo. Ao mesmo tempo, integrouse en dinámicas do independentismo de base, como a Assambleia Popular de Compostela e o Proceso Espiral, e continuou o seu labor no apoio ás persoas represaliadas a través de colectivos como Ceivar.

Trala súa xubilación, trasladouse a Venezuela, onde participou activamente no proceso bolivariano, colaborando en políticas sociais e convertendo o seu fogar nun espazo de acollida e encontro para militantes internacionalistas. Ao seu regreso, mantivo intacto o seu compromiso, participando en mobilizacións feministas, ecoloxistas, sociais e internacionalistas, desde a defensa do territorio ata a solidariedade co pobo palestino. A súa presenza era habitual en actos, concentracións e espazos comunitarios, sempre cunha actitude xenerosa e próxima.