Actor galego de teatro, zarzuela e audiovisualAntonio Lagares Fernández, coñecido habitualmente como Tucho Lagares, foi un actor galego nado o 12 de novembro do ano 1932 na Coruña, cidade na que faleceu aos 80 anos, na madrugada do 4 de xullo de 2013. O seu interese no eido cultural fixo que no ano 1966 aceptase o cargo de vicepresidente do Lice...
Actor galego de teatro, zarzuela e audiovisualAntonio Lagares Fernández, coñecido habitualmente como Tucho Lagares, foi un actor galego nado o 12 de novembro do ano 1932 na Coruña, cidade na que faleceu aos 80 anos, na madrugada do 4 de xullo de 2013. O seu interese no eido cultural fixo que no ano 1966 aceptase o cargo de vicepresidente do Liceo de Monelos, que desenvolveu durante un lustro, pero a súa gran paixón foi a interpretación. A súa formación actoral foi eminentemente autodidacta, e completouna aprendendo das directoras e directores cos que traballou ao longo dos anos.
Tucho compaxinou o desempeño interpretativo co seu oficio como viaxante de reloxos e casou coa tamén actriz Fely Manzano, compañeira de vida e de profesión, coa que coincidiu en varios proxectos artísticos. Traballou como actor en diferentes xéneros e medios escénicos e audiovisuais: teatro, zarzuela, televisión e cinema, desenvolvendo maioritariamente papeis secundarios e aparicións breves, pero cheas de carisma, que o converteron nun rostro coñecido do audiovisual galego, aínda que tamén protagonizou curtametraxes e anuncios televisivos.
No xénero teatral, formou parte do elenco das montaxes que fixo o Grupo Tespis d’
O conto dos cinco camiñantes, do autor dominicano Iván García Guerra; e de
Pinocho, do autor italiano Carlo Collodi; na primeira baixo a dirección de José Redondo Santos, quen tamén o dirixiu en
O casamento á forza, de Molière, e
O médico a paos, de Leandro Fernández de Moratín, a partir da obra de Molière, co Grupo Gerión; e a segunda baixo a dirección de Antonio Simón. Ademais, coa compañía Balea Branca participou na posta en escena d’
O auténtico oeste, de Sam Shepard, baixo a dirección de Manuel Lourenzo, no ano 1995.
A Tucho gustáballe cantar e non só formou parte de diferentes coros da Coruña, senón que tamén foi membro do elenco de varias zarzuelas. A primeira foi na montaxe que fixo a compañía Mili Porta d’
A represa e o río, con música de Mili Porta e libreto de Antón de Santiago, “Nito”, no ano 1983, doce anos despois do falecemento da compositora. Tucho volvería actuar neste xénero en 2001, en
La verbena de la Paloma, posta en escena polo Círculo Lírico Calderón, baixo a dirección de Matilde Blanco; e en 2003, con Caramuxa, en
La corte de Faraón, de Vicente Lleó, dirixida tamén por Matilde Blanco. Nestas dúas, a súa muller, Fely, ademais de actuar, asumiu a asistencia de dirección, e nesta última Tucho, ademais de intervir como actor, cantaba, e o seu desempeño fixo que lle quedase de alcume
O Faraón
.
Nos anos oitenta do século pasado, Tucho tamén participou coa Compañía Apropósitos Nito, de Antón de Santiago, “Nito”, que rescatou o xénero dos
apropósitos
carnavalescos que impulsara o seu avó, Antonio Santiago Álvarez, en varias destas pezas:
Foi medida desmedida / decisión descomunal / xa o dicen os ingleses / trasladar a capital, no ano 1984;
Pirolas a la mar, en 1985;
Recortes del Faraón, en 1987, e
De María Pita al Casón pasando por la moción, en 1988.
A pesar de que o teatro era o medio no que máis a gusto se sentía, a maior visibilidade pública obtívoa co seu traballo no audiovisual. Tucho foi un dos actores pioneiros no audiovisual galego, ao participar nunha das primeiras longametraxes,
Urxa, na que tamén actuaban a súa muller, Fely Manzano, e a súa filla, Raquel Lagares Manzano, con dirección e guión de Alfredo García Pinal e Carlos A. López Piñeiro, do ano 1989. Despois, na década dos anos noventa do século XX, e na primeira década dos anos 2000, interveu como actor noutras películas de longo formato, tanto galegas como estatais, que completaron unha filmografía moi variada:
A lei da fronteira, dirixida por Adolfo Aristarain e con guión de Miguel Anxo Murado, do ano 1995;
Nena, dirixida por Xavier Bermúdez, e con guión de Xavier Bermúdez, César Fernández e Javier Izquierdo, do ano 1997;
A lingua das bolboretas, con dirección de José Luis Cuerda e guión de Rafael Azcona, a partir do relato de Manuel Rivas, no ano 1999;
O lapis do carpinteiro, dirixida por Antón Reixa, con guión deste e de Xosé Morais, a partir da novela de Manuel Rivas, no ano 2002; e
Lobos de Arga, de Juan Martínez Moreno, de 2011.
Neses anos apostou tamén polas pezas audiovisuais de menor duración, e formou parte do reparto da mediametraxe
Jalisco, do ano 2001, baixo a dirección de Fran Piñeiro e Jorge Valcárcel; e das curtametraxes
La sangre del enemigo, con guión e dirección de Miguel Calderón, de 1996;
As muxicas, do ano 2002, con dirección e guión de Carlos Alberto Alonso, que protagonizaron Tucho e a súa muller, Fely Manzano;
O trasto, tamén de 2002, con dirección e guión de Rafael Calvo; ou
Rosas, de Mikel Fuentes, do ano 2005, na que volveu coincidir ante a cámara con Fely.
Ademais do cinema, a televisión foi o outro medio audiovisual que cultivou Tucho, quen fixo aparicións en series de gran popularidade, como
Mareas Vivas,
Pratos combinados,
Rías Baixas,
Terra de Miranda,
As leis de Celavella e
Gondar; así como no documental
Causa 1021, con guión e dirección de Xosé Lois Santiago e Pablo Ces, estreado no ano 2011. Outro traballo que lle trouxera moito recoñecemento público foi o anuncio televisivo do produto raticida Ratibrom, que protagonizou no ano 1997, na súa primeira edición.
O actor e director José Antonio Jiménez García, que coincidiu con el en varios proxectos, lembraba que, para cada papel, Tucho pescudaba e preguntaba, buscando reflectir do mellor xeito posible cada personaxe que tiña que interpretar, independentemente do tempo que este fose estar na escena ou na secuencia. De todos os seus traballos, Tucho destacaba o que fixo na curta
As muxicas, porque puidera traballar compartindo planos con Fely, e ela destacaba as capacidades del para a comedia.
Tamén tiña condicións para os dramas, e, de feito, fíxoos, pero onde de verdade estaba estupendo e gozaba era na comedia
, compartira a actriz nunha conversa con Pablo Carballo, xornalista de AISGE, en lembranza de Tucho, quen faleceu na madrugada do 4 de xullo de 2013, despois dunha longa enfermidade. Carballo definiuno como un actor
valente e versátil
, e Fely, cando recibiu o Premio Mestre Mateo de Honra da Academia Galega do Audiovisual en recoñecemento á súa traxectoria, en 2015, ao recollelo quixo dedicar o seu galardón ao que foi o seu
compañeiro inseparable de vida e profesión
.
Páxinas web de referencia
Biografía de Antonio Lagares no portal «Galegos», de Galicia Digital.
Ficha de Tucho Lagares en AVG, o soportal do Audiovisual Galego, do Consello da Cultura Galega.
Ficha de Antonio Lagares en IMDb, na que aparecen detallados os episodios das series nos que participou.
Bibliografía
Carballo, Pablo: «Muere el coruñés Tucho Lagares, actor valiente y versátil», AISGE. Noticias, (4 de xullo de 2013).
m.l.: «Morre o actor Tucho Lagares», edición dixital de Nós Diario, (4 de xullo de 2013).
Mateo, Lucía: «La compañía gallega Caramuxa representará la zarzuela La Corte de faraón en el Teatro Rosalía», edición dixital de La Voz de Galicia, (10 de xullo de 2003).
Negreira Rodríguez, Francisco: As series de ficción para televisión. Cambio e evolución nas estruturas narrativas e produtivas. O panorama galego no contorno internacional. [Tese de doutoramento]. A Coruña: Universidade, 2021.
Pérez Montes, Ezequiel: «Murió Tucho», edición dixital de El Ideal Gallego, (28 de xullo de 2013).
Vázquez, Dolores: «Oleiros apuesta por el corto», edición dixital de La Voz de Galicia, (14 de setembro de 2004).
La Voz: «Estreno del cortometraje Rosa en A Fábrica», edición dixital de La Voz de Galicia, (10 de xaneiro de 2005).